domingo, 15 de setembro de 2013

Apuntes de toponimia do concello de MURAS

Esta páxina achega un pequeno estudo toponímico das distintas parroquias do concello. 

Esperamos que poida ser de utilidade para o que sinta curiosidade por un tema que nos amosa unha pequena vista á nosa historia e aos que pasaron por estas terras e lles deron nome. 
É unha páxina viva: irá medrando conforme vaiamos tendo tempo.
___________________________________________________________


ABELEDO (Muras -lugar de Abeledo)
Terreo no que abundan as abeleiras.

O ABELEIRAL (Muras -lugar de Suachousa)
O mesmo que "abeledo", terreo onde abundan as abeleiras.

O ABORBÓ (O Viveiró -lugar do Aborbó)
O nome deste lugar, situado entre o nacimento do Eume e do Landro, tén orixe incerta. Bascuas indicou para el como posibilidade un significado hidronímico, derivado dun elemento prerromano *aber-, talvez celta (aber = 'confluencia, foz') ou paleoeuropeo, que incluiría a raíz indoeuropea *ab- 'auga'.
Viría, nese caso, dun *aber-bonum, indicando algo como "río bon".

O ABROTIDAL (Irixoa -lugar do Porto)
Lugar onde abundan as abrotias. Unha "abrotia", "abrótiga" ou "abrótega" é unha "planta herbácea medicinal e ornamental, da familia das liliáceas".
 Ver "AS PENAS DO CAMPO DAS ABRÓTIGAS" para máis detalles. 

AGRESTE (O Burgo)
Sendo o nome dun núcleo poboacional, non cremos que derive do adxectivo agreste senón posiblemente de (uilla) Agresti, dun antigo posuidor de nome Agrestus.
Porén, descoñecemos casos documentados en Galiza dese antropónimo.

O AGUILLAL (A Balsa -lugar do Aguillal)
O termo en -al indica un abundancial. Neste caso apontaría talvez á existencia de "aguillóns" (penascos pontiagudos), aínda que precisa confirmación.

O ALBAR (Silán)
Probablemente este topónimo "O Albar" derive de "o (agro) albar", agro de terras tirando a brancas, talvez pola arxila. En efecto, o termo "albar" é adxectivo derivado de "albo" ‘tirando a branco’, do latín album.  De feito, o antigo dicionario da RAG indicaba para "albar": "Refiriéndose a la tierra, es la ligera y de mala calidad, en contraposición a la negra y pesada, que es la mejor". Cf. DdD.

No entanto, esta interpretación é preciso tomala con reservas, pois o o adxectivo "albar" é aplicado non só a terras, senón a vexetais, co cal podería indicar "lugar poboado dun vexetal albar". Así o dicionario de Eladio Rodriguez indica que "se aplica a lo que tiene el color más blanco o claro que lo que es ordinario o general, como coello albar, carballo albar, centeo albar, piñeiro albar, toxo albar". Cf. DdDDe feito, este topónimo foi extensamente analizado por Navaza, quen tampouco se decanta por ningunha das alternativas (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia_galega"). En efecto, non se pode desbotar a posibilidade de se tratar dun fitotopónimo, mais tampouco afirmala. Así, atopamos  topónimos como "A Cerdeira Albar" (Trabada),  "A Pereira Albar" (Paradas de Sil) ou "O Carballo Albar" (Porto do Son). 

Por outro lado, no Glossarium de Du Cange recolle a forma medieval albare  ‘estacada, cerca, foso, canle’. Esta acepción podería estar relacionada coa indicada por E. Rivas, e trataríase dunha relación semántica sinxela de algo semellante a "altura" para algo do estilo de "desnivel, terraplén". Tamén podería estar derivada do tema prerromano *albara-, derivado da raíz hidronímica indoeuropea *albh-, tal como interpreta E. Bascuas para "Albarán". Para Rivas Quintas (1982: 25) forma parte dos procedentes do indoeuropeo *alb- ‘altura’ (cf. E. Rivas, "Toponimia de Marín". 1982). Porén, esta interpretación non encaixa en moitos "Albares", así o Albares de la Ribera (León) fica na ribeira dun río. 

En resumo, hai dúas interpretacións máis ou menos plausibeis, porén, cremos que a máis sinxela, a de "terra albar", terra clara, de baixa calidade, debe ser a máis segura, sendo "albar" e "albeiro" aplicados en múltiples ocorrencias neste sentido de "tirando a branco", desde vexetais ata pedras de muíño.

ALBELO (O Burgo)
Este topónimo debe remitir ao sobrenome dun antigo posesor destes terreos.
Rosario Soto indica que este alcume xa está documentado como "Aluelo"  ("..Johan martiz dito aluelo..") no séc XIII  (cf. R. Soto, 2018. "Alcumes e sobrenomes medievais en Galicia").
Hai un "Cerrado de Xan Albelo" en Cervo que confirma que na zona tamén foi usado este sobrenome, talvez de apelido. O Nomenclator rexistra outros na zona, como O Albelo en Roupar (Xermade).
É de notar que, nalgún caso, o adxectivo "albelo" ("branquiño") tamén podería estar caracterizando o terreo como de cor "tirando a branco", talvez pola existencia de barro ou caolín.

ANAS (Silán)
Posiblemente derivado do hidrónimo prerromano *an(n)a- 'lodo,  charco, pantano, auga'Eligio Rivas ("A auga na natureza") esténdese sobre a partícula indoeuropea *ana, ‘auga’, presente en "Guadiana" e noutros río. Cita unha Anna Velha en Olhao (Portugal). 
Ver a entrada para Rego do Aro no blog Pena da Cataverna para máis detalle sobre topónimos relacionados, como "Anido", "Aneiro", "Anellada", "Pena Dana".

Alternativamente, aínda que pouco probable, tampouco se pode descartar un "(terras) anas", remitindo a Ana como nome dunha antiga posuidora.

AREALBA (Irixoa -lugar de Arealba)
Forma composta "Area Alba", 'area branca'. O feito de usar "alba" e non "branca" dá conta da antigüidade do topónimo.

AS ABILLEIRAS (A Balsa)
O termo "abelleira" significa o mesmo que "colmea" ou "enxame". Portanto, o topónimo indicaría "lugar onde hai colocadas colmeas". Polo xeral o lugar estaba cercado, para protexer as colmeas dos animais, e un tanto lonxe da poboación.

Alternativamente, "abelleira" tamén podería referir á "herba abelleira" (melissa oficinalis), aínda que non sexa a opción máis probábel.

AS ACEAS DE GATO (Muras -lugar da Ponte)
Unha "acea" designa un muíño fariñeiro que move a auga por medio dunha gran roda colocada verticalmente.
O termo "Gato" neste contexto refire a un posesor, probablemente por apelido, frecuente nesta zona, en particular no veciño concello de Xermade.
Nota 20-08-2023: confírmame Manuel Gato que, en efecto, estas aceas foron construídas por Xan Gato a comezos do século XX, usando unha presa no río Eume, e estiveron  en uso ata a década de 1970.

AS ADRAS (Muras -lugar de Vedille)
AS ADRAS DE BAIXO (Silán)
AS ADRAS DE RIBA (Silán)
AS ADRAS LONGAS (Ambosores)
Ver "A ADRA".

A ADRA DO NÓ (A Balsa)
"A voz Adra" significa "a parte que correspondeu a cada veciño cando se dividiu un monte comunal" (cf. DdD).
A orixe e significado do "Nó" neste contexto é incerta.

A ADRA DE TRALA PENA (O Burgo)
A ADRA DOS CASTAÑOS (Muras -lugar da Carballosa)
A ADRA GRANDE (A Balsa)
Ver "A Adra do Nó".

A AGRA DA CANCELA (Muras -lugar de Parapar)
A voz "agra" é definida polo dicionario como "finca labrantía de certa extensión e chá, ou conxunto de heredades labrantías, xeralmente de varios donos, cerradas de arredor" (cf. DdD),
O sistema tradicional de parcelamento en agras consistía na división de parcelas agrupadas en bloques ou conxuntos, tendo cada un destes bloques ou "agra"  un peche exterior comunal. Nas agras, as parcelas eran alongadas e delimitadas por marcos.
Xeralmente, as agras pechábanse despois da sementeira e abríanse cando a colleita. Deste modo,  protexíase da entrada do gado e dos consecuentes danos nos cultivos. O peche era por unha cancela. As parcelas tiñan servidume de paso, que permitía sementar por orde.  O peche das agras podía ser temporal mediante acumulación de terróns ou por sebes de ramas entrelazadas de toxo e xestas, ou permanente con muros de pedra (cf. S. Calvo, G. Méndez e R. A. Díaz, 2011.  “Los paisajes culturales de agras en Galicia y su dinámica evolutiva” in "Ager").

AS AGUIAS (Muras -lugar das Aguias)
Topónimo transparente, relativo á ave de presa, aludindo a unha paraxe na que pousan ou aniñan.

AS AIRAS DO COCHÓN (Silán)
Os termos "aira", e "eira" designan un "sitio chan próximo á casa, no que se mallan os cereais, se secan os legumes, etc".
Para Cochón, debe aludir a un alcume.Ver O COCHÓN para máis detalles.

OS ALBARIÑOS (Silán)
Segundo Navaza, os termos "Albariña" e "Albariño" son diminutivos de "albar" para formas fitotonímicas como "carballo albariño", "uva albariña" ou "toxo albariño". Tamén sindica que algúns dos topónimos "Albariño" e "Albariña" podería ser diminutivo de "árbore", de arboriña > alboriña (cf. G. Navaza. "Fitotoponimia Galega". 2006).

A ALBARIZA (Muras -lugar de Parapar, O Burgo, Irixoa -lugar de Sabucedo, O Sisto, Muras -lugar de Parapar)
O termo "albariza" designa un  sitio onde abundan as colmeas. Cf. DdD.
Xeralmente implicaba un cercado, para protexer as colmeas dos osos e outros animais.
De ser esta a interpretación correcta, debería grafarse "Alvariza", pois derivaría do latín alveus 'cavidade', do cal xa en latín tamén deu alvearium 'colmea'.
É importante notar a existencia do topónimo "O monte da Abariza", así como a de "O Monte das Abellas", ambos os dous neste mesmo concello, e que parecen confirmar esta interpretación.

A ALCACEREIRA (O Sisto)
Lugar onde abunda o "alcacer" ou que produce boas colleitas del. A voz "alcacer" designa o centeo, por veces cebada ou avea, segado en verde para forraxe.

O ALLEIRAL (Muras -lugar de Baxín)
Lugar onde abundan os allos. Pode referirse tanto aos allos comúns como aos allos bravos. Navaza non o ten recollido no seu estudo de fitotoponimia (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega"), con todo, non parece ofrecer maior dúbida neste caso, combinando -eiro + -al, dous sufixos abundanciais.
Existe un "Os Allás" en Viveiro, "A Alleira" en Xove. Para Allares (Viveiro), Navaza mantén a dúbida da súa orixe semántica.

O ALTO DA CURUXEIRA (Irixoa)
Unha "curuxeira" designa, metaforicamente, un "lugar en sitio elevado e con penascos". Cf. DdD.

O ALTO DA  VESURA (Muras -lugar do Coto)
Ver "A Vesura".

O ALTO DO CURISCADO (Irixoa)
Este é o nome dun pico. Ver "A Curiscada".

O AMALLÓ (Muras -lugar de Vedille)
Seguindo a Martínez Lema, tería o significado de "viña, bacelar". Do latín malleolus, "pequeno martelo", "chanta de vidra cortada en forma de martelo" (cf. P. Martínez. "A toponimia das comarcas de Bergantiños, Fisterra, Soneira e Xallas na documentación do tombo de Toxos Outos (séculos XII-XIV").
Existe outro Amalló no Valadouro e outro en Ribadeo.

O AMEIXÓN (Muras -lugar de Baxín, Muras -lugar de Leganitos, Silán)
O AMEIXÓN GRANDE (O Viveiró)
OS AMEIXÓS (Muras -lugar da Carballosa)
O nome "ameixón" debe estar relacionado co verbo "ameixoar" ("xuntar as ovellas, as galiñas, etc). O feito de se referir neste caso a un outeiro, parece confirmar esta hipótese.
En efecto, dada a situación en zonas de montaña deste e doutros "Ameixón",  podemos interpretalo coa acepción que indica M. do Carme Ríos en que teña máis ben relación co portugués ameijoar 'reunir o gado'. Igualmente, ameixoar mantén en galego o sentido de "reunir, xuntar" (cf. DdD). En portugués existe a a ameijoada 'pastagem onde o gado passa a noite' (cf. Priberam).

Aínda que menos probábel, tampouco podemos rexeitar a hipótese de, se houber regatos na zona, interpretalo na acepción dada polo dicionario de Luís Aguirre del Río "El acto de dejar en el rio una nasa para pescar" (cf. DdD). 

Por outro lado, a acepción de ameixón como "alevín da anguía" non encaixaría. Ao meu entender, esta acepción vén orixinada polo feito de se atoparen reunidos, xuntos,  os alevíns das anguías (as codiciadas "angulas").

A AMEIXOSA (Muras -lugar do Castro)
Podemos interpretalo en relación a "ameixón" na acepción que indica M. do Carme Ríos en que teña máis ben relación co portugués ameijoar 'reunir o gado'. Igualmente, ameixoar mantén en galego o sentido de "reunir, xuntar" (cf. DdD). Véxase "O Meixón".

Alternativamente, de "(finca) meixosa", indicando lugar onde abundaba o "meixón", a cría da anguía. Neste caso, hai un regato que pasa pola zona, o cal reforzaría esta interpretación. Neste sentido, existe o topónimo "As Meixosas" en Xelgaiz, xa sen o "a" inicial, que parece confirmar esta hipótese.

A AMOSA (Irixoa)
A "amosa" posiblemente derive da raíz paleoeuropea *am-, frecuente en  hidrónimos de orixe prerromana, e cun significado relativo a "suco, canle, cavar". Esta é a interpretación de Bascuas, que refire a un Amossa atestado no ano 1253. Cf. p. 220 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". 
Estaría, por tanto, relacionado cos topónimos A Amoá (Cabanas) e As Amoás (Sumoas). De feito, hai múltiples hidrónimos relacionados, como "fonte da Amosa" en Recaré (O Valadouro). Hai outra "A Amosa" en Cabreiros, Xermade, así como varios "Amosa": en Moeche, en Camanzo e en Ollares (Vila de Cruces (Pontevedra).

A AMPORREDELA (Muras -lugar de Rioseco, 
Muras -lugar de Caraceiro,)
Aínda que desfigurado polo tempo, non parece ofrecer moitas dúbidas de que fose un "A Empurradela" - a vacilación de vogais átonas é común no galego.
É por tanto unha forma en diminutivo de "empurrada", acción de empurrar. 
Canto á motivación do topónimo, podemos supoñer que está situado ao comezo dunha pendente, ou preto xa do final, co cal "só queda unha pequena empurrada" para chegar á zona chá.
O feito de levar o antigo diminutivo -ela remítenos á antigüidade do topónimo, medieval como mínimo.

A ANELLADA (O Burgo -lugar de Inciñán)
A ANILLEIRA (Silán, A Balsa, O Viveiró)
O ANILLEIRO (O Viveiró, A Balsa)
OS ANILLEIROS (Silán)
Se estou no certo, os topónimos "Anellada", "Anilleira" e "Anilleiros" non teñen que ver co termo castelán anilla, senón que terían a orixe no tema pre-latino *ann-, que Bascuas  liga co radical céltico  *an- 'poza, pántano, lama', como o galo anam "poza" ou o topónimo "Guadiana" (=río Ana).
De feito, tamén son frecuentes os topónimos "Anilleiro", "Anido" e "Aneiro". 

De feito, tamén son frecuentes os topónimos "anido" e "aneiro".
Existe outro "Anilleiro" e "Anilleira" no Valadouro

O ANOVADO (Muras -lugar de Baxín, Muras -lugar de Musdradas, O Viveiró, A Balsa, Silán)
OS ANOVADOS (O Burgo, Silán)
Topónimo que remite a un terreo arranxado para o cultivo, un terreo que era ermo, que nunca fora cultivado ou que estaba a prado.

O APIEGADOIRO (O Viveiró)
Sustantivo deverbal derivado de "apiegar" 'pór a piega' (cf. DdD). 
Debe remitir, xa que logo  a un lugar onde acostumaban ter cabalarías apieagadas. Lembremos o uso do sufixo -doiro (latín -torium) como referente a lugar onde se realiza unha acción.
Nota: agradecemento a Manuel Gato pola súa indicación ao respecto.

A ARCA CAVADA (Silán, O Viveiró)
Unha "arca", xeralmente refírese a restos de dolmen (tales como os esteos e a furada). Outras veces indica soamente a existencia dun marco divisorio.

A AREOSE (Ambosores)
Posiblemente relaxamento na pronuncia de "Areosa", con relaxamento da vocal final, típico na microtoponimia, do mesmo modo que hai un "Veiguelle".

A ARMADA (Muras -lugar da Armada, O Burgo)
A ARMADA CATIVA (Muras -lugar da Armada)
A ARMADA GRANDE (Muras -lugar da Armada)
A ARMADA DE RIOSECO (Muras -lugar da Armada)
Unha "armada" refírese a unha trampa para cazar animais.

A ARNEEIRA (Muras -lugar do Pico Verde)
Podería tratarse dunha evolución alternativa a partir de Arenaria 'lugar onde abunda a area'.
Por outro lado, autores como E. Bascuas e outros relaciónano coa forma hidronímica paleoeuropea *arn- (como nos casos de "Arnoia", "Arnela", etc), derivada da raíz indoeuropea *er- 'fluír, moverse'. Tería un significado de "corrente de auga", e despois tería evoluído o significado para "casca de árbore usada de canaleta para conducir a auga" ou simplemente "casca dos castiñeiros e carballos"

AS ARUXEIRAS (A Balsa)
Significado incerto. Talvez de "terras aruxeiras", posiblemente relativas a "aruxo" (lixo, pequena partícula que se mete no ollo e produce molestias).
O Nomenclator rexistra un conxunto de topónimos galegos probablemente relacionados, tales como "O Aruxo", "Aroxa", "Arexa". Dados eses topónimos, posiblemente este topónimo se relacione coa raíz hidronímica prerromana *ar-, presente en moitos ríos europeos, e relativamente común noutros topónimos galegos. 
Ver a entrada específica sobre Rego do Aro no blog Pena da Cataverna.

ASTANTE (O Viveiró -lugar de Astante)
Tamén grafado "A Estante". Talvez derivada de (uilla) Astantiforma en xenitivo de Astantus, nome do antigo posesor (e talvez fundador)  da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola) que deu orixe ao actual núcleo de poboación. Porén, non hai documentación que o confirme nin está documentado este antropónimo na Hispania.

A AVESÍA (A Balsa)
De "a terra avesía", sombría, a cara norte.

A AVIEIRA (Ambosores)
De "aveeira", lugar onde se planta avea.

BAAMONDE (O Burgo)
No Catastro de Ensenada do Burgo (1753) ao describir os muíños da freguesía está atestado como "Va/amonde".
De *(uilla) Badamundi, forma en xenitivo de Badamundusnome do antigo posesor (e talvez fundador) da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola) que deu orixe ao actual núcleo de poboación. É un nome de orixe xermánica. En efecto, J. M. Piel, que menciona este "Baamonde" específico de Muras,  interpretouno deste modo, como derivado dos temas *badu 'combate' e munds  'protección'. Cf. p. 379, J. Piel "Os nomes germánicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VII. 

É importante notar que a orixe xermánica do nome non indica que o posuidor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.

BAGOS DA CASA (Muras -lugar de Brías)
De "terreos vagos", do latín vacuus, Os dicionarios danlle as acepcións de "terreos incultos", "terreos sen propietario", e, finalmente, a que encaixa perfectamente neste caso: "terreos sen produción que se destina a servizos agrícolas, como os currais, as eiras". Cf. DdD.
Por todo o anterior, a grafía correcta sería con "v", "Vagos da Casa".

A BAIXADA DAS CAMPAS (Muras -lugar da Fraga Chá)
Ver "AS CAMPAS".

AS BALOCAS (A Balsa)
O termo "baloca" designa castaña ou pataca. 
Alternativamente, de "valocas", derivado de val.

AS BALOIRAS (O Burgo)
Grafía alternativa de "valoiras", derivado de "val", o mesmo que "fontoira" de fonte.
O significado real é discutido. Hai quen encontra "-oira" como un simple sufixo, e hai quen o deriva de "ouro", ben en todos os casos, ou ben en casos específicos. Para ver un resumo das hipóteses, ver o artigo de Cabeza Quiles "O topónimo Baloira".

A BALSA (A Balsa)
O topónimo "balsa"  indica unha charqueira, un estanque, e tamén un lugar onde medra a vexetación. Segundo Coromines, é unha voz hispánica prerromana que ten o significado de ‘oco do terreo que se encharca’.
Villar relaciónaa coa raíz indoeuropea *bhel- 'branco, brillar', con extensión -s-. Cf. p. 299  de F. Villar. "Indoeuropeos y no indoeuropeos en la Hispania prerromana".
Alternativamente,  podería ter a orixe na raíz indoeuropea   *uel- 'virar', que E. Bascuas apunta para "Baleira" (cf. p.315, E. Bascuas. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). 
Finalmente, A. Tovar asígnalle unha orixe pre-indoeuropea, por ter correspondencia co vasco.

OS BARBEITOS (Silán)
O dicionario define "barbeito" como "terra de labor que se deixa descansar unha tempada sen sementar", ou tamén "terra de secaño".

AS BARGAÑAS (A Balsa -lugar das Bargañas)
Topónimo de orixe  prelatina. Poderia ter un significado de "lugar cercado, valado", aínda que hai varias teorías canto á raíz concreta. Aínda que algúns autores lle dan orixe latina, é maiormente aceptada a orixe prelatina. De feito, a terminación -aña < *-an-ia,  é frecuente na hidronimia paleoeuropea, 
Esta orixe prerromana é a sostida, entre outros, por Bascuas, quen analizou detalladamente toda a serie Varga/Barga, Vargo/Bargo. Bascuas diferencia a etimoloxía segundo os tres significados principais de varga/barga: 1) lugar que se encharca (< *war-i-ka , de *war- 'auga, humidade'), 2) laxe, valado (*wer-gh-, de *wer 'torcer, virar'), 3) choza.
Bascuas estudou tamén este topónimo concreto, e interpretouno como un derivado prelatino en -ia de *vargana, que xeralmente indicaría "valado" ou "cercado" (e polo tanto de *wer-gh-). Cf. p. 160 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.
En efecto, Bascuas resalta a homonimia existente nos topónimos Varga/Barga, que poden proceder tanto de *varga como de *vargana, e o mesmo para Vargo/Bargo. No caso que nos ocupa, é clara a orixe nun *Vargania, polo que é máis probabel a interpretación indicada de "lugar valado", "lugar cercado".

O BATÁN (O Burgo)Irixoa -lugar do Porto)
O BATÁN VELLO (Muras -lugar de Casateita)
Os topónimos "Batán" son frecuentes en Galiza (e fóra), referidos aos antigos "batáns" de auga, dispositivos situados ao pé dos ríos e destinados á operación de abatanar ou bater os panos ou teas de lá ou liño fabricadas nos teares caseiros. O batido era feito por dous mazos hidráulicos. O batido dos tecidos tiña como fin desengraxalo e darlle corpo.
O termo "batán" provén do latín battere 'bater, golpear'.

BAXÍN (Muras -lugar de Baxín)
Este lugar está atestado como "Baxin" no Catastro de Ensenada de Muras (1753).
Deriva de  *(uilla) Baginiforma en xenitivo de Baginusnome do antigo posesor (e talvez fundador) da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola) que deu orixe ao actual núcleo de poboación. É un nome de orixe céltica, de feito é o nome dunha divindade céltica.
Existe outro lugar "Baxín" no veciño Roupar (Xermade).

O BELLEGAL (Irixoa -lugar do Couce)
A BELLEGUEIRA (Ambosores)
Un "bellegal" ou "vellegal" significa algo similar a "fraga", no sentido de terreo pedregoso e abrupto.  Cf. DdD.
O Nomenclator rexistra "O Bellegueiro" nas Grañas do Sor.

A BERCEIRA (Irixoa)
Significado incerto, talvez na forma relacionado con "berce", pola forma en vale do lugar, ou relativo a lugar vesío, onde sopra o vento do norte. Cf. DdD.

A BERNALDA (Silán)
Aludindo a "a (terra) de Bernaldo" > "a (terra) bernalda". É un uso adxectival-posesivo, típico da toponimia galega.

BESTEMUZ (Muras -lugar de Bestemuz)
Posibelmente de Bustu Bermudici, un "busto" dun posesor chamado posiblemente Bermudicus, aínda que sería preciso confirmalo documentalmente.
Un "busto" é un lugar para pasto, "rabaño de gando vacún" ou "curral de bois e vacas", xeralmente no monte, lonxe das poboacións. Ver "Bustelo" para máis detalles.

O BICO DA PENELA (Muras -lugar da Armada)
En canto a "bico", trataríase dun orónimo metafórico, en relación á forma do bico das aves.
O apelativo "bico" proviría do celta *beccus 'parte saínte da cabeza das aves' (cf. "pico", DCECH).
Eladio Rodríguez  figura o "bico do monte" como "cima ou cumio dunha montaña" (cf. dicionario de E. Rodríguez DdD).

O BICO DA VESURA (Muras -lugar de Debodas)
Para "bico" ver "O Bico da Penela", e para "Vesura" ver "A VESURA".

A BISPILLEIRA (Muras -lugar de Guimarás)
Grafía alternativa por "vespilleira", topónimo relativamente abundante en Galiza, posiblemente relacionado coa abundancia de "vespas" ou "avespas", do mesmo modo que "golpilleira" para "golpe" (raposo).

A BITORNA (Irixoa)
AS BITORNAS ( Muras -lugar de Suaschousas)
O termo "bitorna" posiblemente sexa composto de "torna", con "torna" no sentido de "espita", 'caño'. Hai varias "fonte da bitorna" que parecen encaixar e confirmar este significado.

Os topónimos  "Torna", "Torno" e "Retorno" son de orixe prerromana, cun significado de "chorro de auga",  probablemente derivados da raíz hidronímica prerromana *ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica do blog Pena da Cataverna para máis detalles.

AS BORRALLAS (Muras)
O termo borralla designa a cinza, o residuo de madeira totalmente queimada.
A orixe do topónimo pode estar nas actividades de roza: cando se cavaba na roza, facían borralladas cos toxos, etc, que servían de abono para a sementeira de centeo ou trigo que se facía na roza.

O BORDELLÓN (A Balsa)
Posiblemente relacionado co "bordello" que o dicionario define como "parella de bois de reforzo".
Alternativamente, talvez de orixe prerromana, que se reflexaría tamén en céltico ou xermánico *boirt-/*bord-, de onde o aragonés, navarro borda 'redil de pedra', 'refuxo de gado no monte', 'curral no monte'. Cf. aquí.

BOUZOA (Muras -lugar de Casateita)
O topónimo "Bouzoa" constitúe un diminutivo co sufixo derivado do latín -ŏla de "bouza" (cf. C. Pérez, 2015. "Toponimia e variación dialectal en galego. Os topónimos rematados en -oa, -oá, -úa, -uá").
Canto a "bouza", comunmente refire un 'terreo inculto poboado de mato, como toxos, xestas, uces etc.' (cf. bouza no DRAG).

A BRETOÑA (Irixoa -lugar do Couce)
O termo "bretoña" podería ter unha orixe céltica, co típico sufixo -oña. 
Haberá quen o relacione co histórico Bispado de Britonia, antecedente do actual bispado de Mondoñedo. Ao mesmo tempo, afírmase que este bispado de Britonia tería a orixe en inmigrantes "bretóns" que se terían asentado no norte da Galiza no século V e VI. No entanto, outros estudosos, por múltiples razóns, rexeitan esta hipótese.

Alternativamente, é preciso tamén ter en conta a acepción do termo "bretoña" como a planta Stachys officinalis. Cf. DdD.

BRÍAS (Muras -lugar de Brías)
Este lugar está atestado no Catastro de Ensenada de Muras (1753) ao describir os muíños da freguesía:
 ...  "al sitio de Breas"...
Bascuas explicou o topónimo "Brías" a partir da raíz prelatina  *bri-,  relacionada co céltico *breino "xunco" (cf. E. Bascuas, 2001. "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses". Num. 17. Ver pp. 450 e ss).
Autores como F. Villar derivárono do céltico *briga; no entanto, semella case imposíbel tal como xustificou Bascuas no estudo indicado.

O BRIXEL (Silán)
O máis probable para un topónimo é que se trate dunha forma evoluída de "verxel", o cal deriva do antigo occitano vergier, e este á súa vez do latín viridiarium (de verde, arboreda).
Como mera especulación, podemos pensar na alternativa de, sendo unha zona de prados, *brixelo, como diminutivo de "brexo" 'matorral, zona húmida'. O apelativo brexo foi estudado por Bascuas, que o relacionou co tema céltico *bhreg-io. Cf.  páx. 462 de E. Bascuas, 2001. "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses". Núm. 17. Bascuas non menciona este topónimo pero si menciona o topónimo "Brixela" en Celtigos (Ortigueira).

Por outro lado, aínda que o dicionario defina "brixel" como "unha clase de rede" (tanto no galego como no asturiano, para pescar troitas no caso asturiano), semella non ter un encaixe esta interpretación para un topónimo.

A BUFA (Muras -lugar de Baxín)
Posiblemente relacionada con "bufar", no sentido de "lugar ventoso", aínda que podería estar relacionado con alcume de antigo posesor(a).

AS BUGALLAS (Silán)
A "bugalla" é a "excrecencia arredondada que se forma en certos vexetais debido a infestación de insectos parásitos". Descoñecemos o significado que intenta transmitir no topónimo.
Podería vir do apelido "Bugallo" do posesor.

O BURGO (O Burgo)
O apelativo "burgo" vén do xermánico burg 'fortaleza, castro', do cal pasou para o latín.
Na Idade Media nomeaba un núcleo formado arredor dun castelo ou dunha
cidade amurallada, para designar, posteriormente, unha aldea ou vila pequena, dependente doutra maior ou máis importante, que ficaba próxima (cf. "Gran Diccionario Xerais da Lingua". 2000). 
No século XVIII atopámolo atestado como "Búrgo" (cf. aquí "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

O BURIZ (Irixoa -lugar de Buriz, Muras -lugar de Leganitos)
Probablemente derivado de (uilla) Oburici, forma en xenitivo de Oburicus, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica. Este nome atopámolo en J. M. Piel, Joseph e D. Kremer, 1976. "Hispano-gotisches Namenbuch".
Aínda que non haxa documentación antiga para estes dous topónimos que atesten esta orixe, si a hai para a freguesía do Buriz en Guitiriz, que figura como Ovoriz en 1136 e, xa que logo, confirma a interpretación indicada.

Por outro lado, Miguel Costa postula similar orixe pero na forma Eborici do antropónimo Eburicus, mesmo nome que o do rei suevo Eurico/Eborico (cf. blog Frornarea).

BUSTATE (A Balsa -lugar de Bustate)
De *Bustu Tattae, ou *Bustu Tatti, un "busto" dun posesor chamado talvez Tatta  ou Tattus. Porén, calquera das dúas alternativas do antropónimo son incertas, ao ser incomún o xenitivo latino -ae ao nome xermánico e ao non haber rexistros suficientes do antropónimo Tattus.
O que é seguro é a presenza da raíz "busto", que é un lugar para pasto, "rabaño de gando vacún" ou "curral de bois e vacas", xeralmente no monte, lonxe das poboacións. Ver "Bustelo" para máis detalles.

BUSTELO (Muras -lugar de Bustelo)
Diminutivo de "busto", lugar para pasto, posiblemente con cortes, para "rabaño de gando vacún" ou "curral de bois e vacas", xeralmente no monte, lonxe das poboacións.
J. M. Piel matizou que especialmente se refire a “pastos altos, pastos de verán”, citando a Sarmiento, que xa adiantaba as mesmas ideas.
Gonzalo Navaza, na súa Toponimia de Catoira, di que os topónimos "Busto" e "Bustelo" naceron na Alta Idade Media como granxas ao cargo dunha familia de servos que coidaba os rabaños dun señor. Neste sentido, e seguindo a J. J. Moralejo, Miguel Costa deriva bustum do composto proto-céltico *bou-st-om 'estáncia (para/de) vacas' (cf. Frornarea), á súa vez derivado da raíz indoeuropea  *gwōw- 'vaca' (IEW: 482).

O CABUNCHEIRO (Muras)
Para este topónimo non se atopa unha interpretación clara nin plausíbel.
Podemos talvez pensar nunha deturpación de Cabuxeiro, ben como alcume dun posesor deste terreo ou ben como referido á orografía axeitada para as cabras. 
Tamén podemos pensar nun Cavucheiro, deverbal de "cavuchar": o dicionario de aníbal Otero define Cavuchar como "Cavar cunha sachola para cubrir a semente tirada sobre a cinza do monte queimado".

AS CABURNAS (Irixoa, Muras -lugar do Rego da Parede)
Tendo en contra que o topónimo en cuestión se refire a unha "valgada" do terreo, podemos considerar a relación co latín cava 'cova'. En efecto, en Asturias existen o apelativo "caborno" ou "caborniu", ‘tronco hueco y añejo del castaño’ (X. L. García, 2000. "Pueblos asturianos: el porqué de sus nombres").
Como indica Pascual Riesco, a base estaría no latín căvus, que interpreta outros topónimos Cabuernia e similares como en referencia a unha árbore de tronco oco ou a unha cova (cf. P. Riesco, 2011. "Testimonios toponímicos del léxico arcaico de las provincias leonesas). 

O Nomenclator de Galicia rexistra outro  "As Caburnas" nas Somozas e "A Caborna" en Cervo. Tamén son relativamente frecuentes en Asturias os topónimos "Caburno" e "Caburna" (cf. aquí), fronte ás formas "Cabuernio" e "Cabuernia".
Por tanto,  parece plausible pensar que "Caburna" e "Caborna" sexan termos cunha mesma raíz, pero diferentes sufixos, dada a duplicidade ben preservada tanto en galego como en asturiano, -orna=-uernia, fronte a -urna=-urna.

Por outro lado, no Piamonte, "caburna" significa "cabana" e tamén "outeiro" (cf. aquí).

Con todo, aínda que menos probable, non se pode descartar totalmente unha orixe na raíz prerromana *cabur- 'castrón, macho cabrío', tamén presente no Piamonte e nas Illas Británicas.

O CACHÓN (Silán)
OS CACHÓS (Muras -lugar de Freán)
Sinónimo de "fervenza","cascada".

A CADABECHA (Muras -lugar da Fraga Chá)
O CADAVAL (Ambosores, O Burgo)
O CADAVALO (A Balsa)
A CADAVEIRA (O Burgo)
O CADAVELLO (Muras -lugar de Bustelo)
OS CÁDAVOS LONGOS (A Balsa)
Os termos cadaval e cadaveira son sinónimos e abundanciais, remitindo a un lugar no que abundan os cádavos: "toxal queimado no que permanecen os cepos dos toxos en pé". Cf. DdD.
As formas  Cadabecha (grafía alternativa por "cadavecha") e Cadavello son ambos os dous diminutivos ou despectivo derivado de "cádavo", tamén cun senso abundancial.
Para Cadavalo, semella deturpación de "Cadaval", por contaminación léxica con "cabalo".

O CADOLAL (O Viveiró, Silán)
Lugar onde abundaban os "cadolos" 'paus de toxo'.

A CADRA (O Viveiró, A Balsa)
Topónimo que probabelmente remita á disposición chá e rectangular do terreo, á forma cadrada da leira, fronte ao máis xeral de forma alongada. 
En efecto, aínda que os dicionario de galego inclúan a acepción de "establo, corte", se observamos a localización dos topónimos "Cadra" de Foz, Barreiros, Muras, así como a d'As Cadra" en Lousame, derívase que en todos os lugares se refire a fincas rectangulares chás, e en ningún caso ten edificacións nin parece encaixar o lugar para que as tivese.
Non podemos descartar, no entanto, que poida aludir aos restos dunha edificación en cadro, en ángulo recto, e remitir talvez a restos romanos (a planta dunha vila ou outro edificio) ou dun castro. Estas cementacións en escuadra resultarían pouco comúns para os poboadores da Idade Media. En efecto, Pascual Riesco asígnalle esta orixe arqueolóxica a varios "Escuadro" existentes na provincia de Zamora e noutras (cf. P. Riesco, 2019. "Toponimia de la provincia de Zamora. Panorámica documental, ...").

O CAÍNZO (A Balsa)
O CAÍNZO (O Viveiró)
Un caínzo ou canizo designa unnha armazón ou tecido de varas, en particular de canas. Constantino García resume as múltiplas acepcións derivadas:
 "armazón formado por unas tablas y un entretejido de cañas, varas o mimbres que tiene muchos usos: lateral del carro para sostener la carga; rastro para allanar la tierra después de arada; portilla de una finca; verja; recipiente que recibe las uvas para ser prensadas; cubierta que se coloca al comienzo de la campana de la chimenea y sirve para secar castañas y otros productos; cubierta sostenida por unos palos que hace el servicio de alpendre, etc".
Rivas Quintas recolleu ademais a acepción de "Canaval" (lugar onde abundan as canas ou canaveiras), que pode ser a motivación de parte destes topónimos.
Un "caínzo",  na toponimia galega, é un termo frecuente que pode referir a algunha construción ou armazón (talvez unha pesqueira no río) feita de canas ou vimbes. Tamén podemos pensar nun terreo cerrado de vimbes ou canas, nunha trampa feita de canas, ou incluso nunha cancela feita de tales materiais. Tamén encaixa unha adxectivación, de "terreo canizo", onde abundan as canas, tal como recolleu Rivas Quintas.
Por outro lado, seguindo a Navaza, encaixaría noutros topónimos tamén a a acepción de "Pesqueira" da voz "cañizo" (semella castelanismo) recollida por Eladio Rodriguez no seu dicionario.

O CAL DA RESTREBADA (Silán)
Lugar con restrebas, os couces das pallas ou canas de cereal que quedan presas á terra despois da sega.

O CAL DA UCHA (Muras -lugar de Couce Mouro)
O topónimo debe tratarse dunha tautoloxía de "cal" e "ucha", unha vagoada situada nunha cale, 
A interpretación máis tradicional para "ucha" tn sido a de derivalo do latín ustula, no sentido de "lugar queimado" ou onde queimaban (cf. e.g. aquí).
No entanto, hai moitos topónimos "Ucha" e "Hucha" para os cales non encaixa esa orixe. En efecto, se reparamos na situación de  varios "Ucha" na Laracha, en Ferrol,  así como"Hucha" en Valdoviño, correspondentes a accidentes costeiros, en zonas rochosas, e nunha zona de rochedo "A Ucha das Covas" (Lobios), o mesmo que "A Ucha Nova" en Louro, sendo accidentes costeiros e ladeiras con rochedo, encaixa interpretar "ucha" como unha aplicación orográfica do apelativo "hucha" no sentido de "lugar nunha vagoada". Atopamos máis exemplos, como as "Uchas de Abaixo" en Riós, no que se trata dunha valgada. 
Certo é que non podemos descartar totalmente que este "ucha" concreto aludise a unha "queimada de matos, de uce". No entanto, dados os exemplos anteriores de accidentes terrestres e costeiros, semella improbable.

Autores como C. Búa (cf. p. 141 "Onomástica Galega II") relacionaron topónimos "Ucha" co latín ostia, plural de ostium 'esteiro, porta'. No entanto, aínda que moitos topónimos "Hucha(s)" no territorio galego se localicen preto do mar, non nomean esteiros senón rochedos maiormente. 
Temos  "As Ucheiras" tamén na parroquia de Muras.

CAL DO BAÑO (O Burgo)
O termo "Cal" indica un cauce ou espazo de terra, formada pola parte baixa de dúas montañas ou por alturas poco distantes entre si.
No caso de "O Baño", talvez podería vir do significado directo, aínda que non acostuma ser o máis probábel. Hai atestado un "O Baño" procedente de Ovanio, termo que se deriva da raíz hidronímica indoeuropea *ap-/ab- (cf. J. J. J. Moralejo aquí).

O CAL DO MIÑOCO (Muras -lugar de Bestemuz)
O termo Miñoco debe remitir ao alcume dun antigo posuidor destas terras. Figura como alcume, de feito,  na prosa de Pardo Bazán (cf. GONZÁLEZ, Luis e SOTO, Mª Rosario, 2000. “O Galego na producción de Emilia Pardo Bazán”).

O CALVARIO (Muras -lugar da Paleira)
Os topónimo "Calvario", frecuentes en Galiza, polo xeral refiren á existencia de cruces, ligadas ao culto do Via Crucis.

A CALVIÑA (A Balsa)
Lugar con pouca vexetación. Topónimo derivado de "calvo", topónimo moi frecuente en Galiza. Tanto "calvo" como "calvelo", calvela e calveira refiren a un lugar sen vexetación arbórea ou arbustiva.

A CALZADA (A Balsa, Irixoa, Silán, Muras -lugar de Vedille)
A CALZADA DA FONTE DA GALIÑA (Muras -lugar de Bestemuz)
A CALZADA DA PENA DE MULLERES (Muras -lugar de Bestemuz)
Os topónimos "Calzada" son transparentes, aludindo a un camiño empedrado que pasaría por este lugar.
A curiosidade da "Pena de Mulleres" descoñecemos a motivación.

O CAMBEIRO (Silán)
OS CAMBEIROS (Muras -lugar de Caraceiro)
Probablemente alude ao alcume dun antigo posesor do predio, facendo referencia ás características das pernas e ao modo de andar. É formado a partir da base camb-, a mesma de cambelo / cambela e cambés/cambesa (‘estevado, de pernas tortas’) e de cambelas, na frase "facer cambelas" ‘facer eses ó andar’ (cf. DdD).

termo "cambeiro" tén outras acepcións (cf. RAG) rexistradas, aínda que encaixan pior como topónimo ("gancho"; "caínzo").
Noutras latitudes, Cambarius está documentado como nome de persoa, e tamén o termo cambarius é asociado con fabricante de cervexa.

CAMIÑO DE SAAMIL (Muras -lugar de Vedille)
O termo "Saamil" deriva de (uilla/agru) Salamiri, forma en xenitivo de Salamirus, nome dun antigo posesor dunha uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). É un nome de orixe xermánica.

CAMIÑO DO MEITÍN (Muras -lugar de Debodas)
O termo "Meitín" deriva de (uilla) Mactiniforma en xenitivo de Mactinus, nome do antigo posesor (e talvez fundador) da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola) que deu orixe ao actual núcleo de poboación. É un nome de orixe xermánica  Cf. M. Costa, Nominaeorum.

AS CAMPAS (O Viveiró)
O termo "campa" ten varias acepcións recollidas nos dicionarios de galego. Debemos interpretar que remite a unha "campiña no monte" ou "lugar no que medra espontaneamente a herba, prado de pasto". 
A outra acepción, de "laxe de sepultura", sería improbable que tivese tantas ocorrencias na toponimia. Menos aínda semella que encaixe a acepción de "campá", tamén usada na zona.

A CAMPELA DA AUGA (Ambosores)
A CAMPELA DO MEDIO (Ambosores)
AS CAMPELAS (Muras -lugar do Coto)
AS CAMPELAS (Muras -lugar de Sanxillao)
A voz "campela" é o antigo diminutivo de "campa", derivado de "campo" (ver AS CAMPAS).
O dicionario de Constantino García recolle "campela" coa acepción de "camposa", "campiña" e tamén como "prado pequeno".
Se a interpretamos puramente coa acepción de "campa" en diminutivo, entón pode aludir a unha pequena "campiña no monte". 

O CAMPO DA ARCA (O Burgo)
Unha "arca", xeralmente refírese a restos de dolmen (tales como os esteos e a furada). Outras veces indica somente a existencia dun marco divisorio.

O CAMPO DO FOXO (A Balsa)
Ver "O Foxo".

O CAMPÓN (varios)
OS CAMPÓS (O Burgo)
OS CAMPÓS (Silán)
O dicionario define "campón" coas acepcións de "prado de secaño de moita extensión", e máis "terreo que despois de ser cultivado se deixa a campo". Cf. RAG.

A CAMPOSA (Muras -lugar de Debodas, Muras -lugar da CuriscadaMuras -lugar de Sanxillao, O Viveiró, O Burgo)
A CAMPOSA DA XISTRA (A Balsa)
A voz "camposa" indica un campo grande e chan (cf. DdD).

En canto ao termo "xistra" ten varias acepcións (cf. DdD):
  • a planta "pirixel de monte", de nome científico Meum athamanticum. Tamén a planta Sorbus aucuparia.
  • xota, vara delgada (daí o termo "xistrazo", golpe con vara delgada).
  • Vento frío do norte con ráfagas de chuvia
A acepción axeitada, se estamos no certo, é a planta chamada "xistra" (meum athamanticum), tal como indicamos no artigo "Xistral" do blog Pena da Cataverna.

A CAMPOSA DO CHIBADOIRO (Irixoa)
Ver "A CAMPOSA".
En canto ao termo "chibadoiro", é definido como "lugar onde se xuntan ou separan os rabaños ao ir ou voltar do pasto. Cf. C. García, 1985. "Glosario de voces galegas de hoxe" (DdD).

A CAMPOSA DO RIAL (O Viveiró)
Este lugar está atestado no Catastro de Ensenada do Viveiró (1753):
       ... "rio de Silan subiendo por la matriz de esta a la camposa do Rial" ..

A CAMPOSA DO XISTRAL (O Viveiró)
Este lugar está atestado no Catastro de Ensenada do Viveiró (1753):
       ... "la camposa de el monte do Xistral" ..
Ver "A CAMPOSA" para o termo "camposa".
Canto ao termo "xistral", remitiría a un lugar onde abunda a "xistra", voz que ten varias acepcións (cf. DdD):
  • a planta "pirixel de monte", de nome científico Meum athamanticum. Tamén a planta Sorbus aucuparia.
  • variante de "xostra", xota, vara delgada (daí o termo "xistrazo", golpe con vara delgada).
  • Vento frío do norte con ráfagas de chuvia e neve.
A acepción axeitada probablemente sexa a de lugar onde abunda (ou abundou) a planta chamada "xistra" (meum athamanticum), tal como indicamos no artigo "Xistral" do blog Pena da Cataverna.

A CAMPOSA VERDE DE ACÁ (O Viveiró)
A CAMPOSA VERDE DE AlÁ (O Viveiró)
O significado é transparente, aludindo a un campo grande e chan moi produtivo. Ver "A CAMPOSA" e "A PENA VERDE" para máis consideracións.

O CANDEAL (Silán)
Os termos "candedo", "candaoso", "candeal" indican un garabullal, un lugar onde abundan os "candos" ("garabullos", "guizos"). Cf. Verba num. 4. Cf. E. Rivas Quintas (2001).

En Galiza son frecuentes os topónimos relacionados Candaedo, Candaendo, a Canda, o Candal, Candaoso, Candaosa, etc. En Asturias, León e Zamora existen as formas correspondentes Cándano, Cándana, Candanal, etc.

CANDEDO (Muras -lugar de Xelgaiz)
O termo "candedo" indica un garabullal, un lugar onde hai "candos" ("garabullos", "guizos"). Cf. Verba4. Cf. E. Rivas 2001.
En Galicia rexístranse outros topónimos relacionados:  Candaedo, Candaendo, a Canda, o Candal, Candaoso, Candaosa. En Asturias, León e Zamora existen as formas correspondentes Cándano, Cándana, Candanal, etc.

A CANETA (Ambosores)
Unha "caneta", derivado de "cano", indica un canal de regadío. Cf. DdD.

O CANGO DO PORTO DO RÍO (Muras -lugar do Chao)
O CANGO DO REGO DA PAREDE (Muras -lugar do Coto)
O nome "cango" aparece para estas dúas pontes do río.
Un "cango" é definido no dicionario como as "táboas onde se poñen as lousas do tellado". Outra acepción é a de "pau groso malformado". Ambas as dúas acepcións están relacionadas: xeralmente os cangos dos lousados aproveitaban paus tortos.
Cremos sería o caso dunha ponte asentada orixinariamente nun tronco malfeito.

O CANO DOS MOUROS (Muras -lugar de Curralvello)
O topónimo alude a un foso ao que se lle atribúe unha orixe antiga,  probablemente ligado á existencia de restos megalíticos próximos e lendas asociadas a eles.
A referencia aos "mouros",  frecuente na toponimia galega, non parece que teña relación coa súa preencia na Península, de feito algún topónimo destes xa está atestado antes de chegaren os árabes, tal como o texto do ano 572
 "ad Maura Morta usque ad Paramio" (cf. Tombo Vello de Lugo).
Algúns autores identifican este termos "mouro" co celtismo *mrwos ‘morto’, ‘ser sobrenatural’, en relación co culto aos mortos (cf. F. Benozzo e M. Alinei, 2007. "A área galega na prehistoria lingüística e cultural de Europa").

CANTALARRANA (O Burgo)
Os topónimos "Cantalarrana" e "Cantarrana" abundan por toda a xeografía galega, tanto para núcleos de poboación como de terras. O topónimo Cantalarrana non só abunda en Galiza mais tamén por toda a xeografía española.
O significado directo do topónimo é transparente: un composto do verbo cantar e o zoónimo castelán rana ‘ra’. 
Estes topónimo non son, por tanto, topónimos patrimoniais galegos, senón que terían aparecido tardiamente, tendo nacido xa coa forma en castelán.
Amais das localidades chamadas Cantalarrana tamén atopamos as correspondentes formas galegas Cantarrá en Mugardos e Ribadeo, así como Cantarrán en Salvaterra de Miño. Estas formas galegas semella seren recentes, probablemente a partir doutros Cantalarrana. 

López Boullón menciona documentación de 1664 dunha Cantalarran para unha herdade en Outes, así como nun documento de 1582 para unha rúa coruñesa de "Canta la Rana" (cf.  Xosé R. López, "Toponimia de Ames").
López Boullón postula que, tendo en conta o feito de moitos dos microtopónimos Cantalarrana galegos seren 'lugares próximos á igrexa parroquial, ou incluídos nas súas propiedades (ademais de húmidos, aptos para verse poboados polas ras que xustifican o nome) pode facer pensar que foron os párrocos os que difundiron este nome castelán “de repertorio” na toponimia rural galega a partir do século XVI'.

O CANTIÑO (O Burgo)
O CANTO DA MADEIRA (Ambosores)
O CANTO DA VILA (Silán)
O CANTO DE BAIXO (Muras -lugar da Paleira)
O CANTO DO MURO (Irixoa -lugar do Couce)
O CANTO DO PRADO (O Burgo)
O apelativo "canto" tén varias acepcións; a que ao meu ver máis encaixa na toponimia é a de  "recuncho", "lugar apartado", "saliente", "lado".  Isto é particularmente certo en "O canto do muro", ou noutros topónimos como "O  Canto da Vila" en Silán,  "O Canto do Pazo" en Castelo (Cervo) ou "o Canto do Prado" no Burgo (Muras).

Hai quen lle dá a esta acepción de "canto" unha orixe celta, pero iso non é máis que unha posibilidade. Corominas asígnalle unha orixe no latín cantus 'llanta de metal', que tería unha orixe estranxeira, talvez céltica en relación co antigo bretón cant 'circo, aro'. No entanto, os derivados da forma protoindoeuropea *kan-tho 'recuncho, extremo'  están presentes en moitas linguas indoeuropeas, non só celtas, incluíndo o polaco kąt 'ángulo' (< protoeslavo kǫtъ), ou o lituano kampas.
Outra acepción que tamén encaixaría é a de "pedra, pedra grande non tallada" presente tamén na maioría dos dicionarios de galego (cf. DdD). Corominas dá por case segura unha orixe céltica (cf. Corominas, DCECH, s.v. canto iii).

É un topónimo frecuente en Galiza, incluíndo os derivados Cantelo, Cantiño, Cantón. En particular, hai outros "Canto do Muro" en Riobarba e nas Negradas (O Vicedo).

O CANTÓN (A Balsa, Ambosores, O Viveiró, Muras -lugar de Baxín, Muras -lugar da Abidueira, Muras -lugar de Couce Gordo, O Burgo)
Formalmente esta voz corresponde co aumentativo de "Canto", ben na acepción de "recuncho" ou ben na de "pedra grande non tallada".
Aínda que os dicionarios de galego non recollen acepción ningunha que encaixen coa toponimia, si figura recollido no vocabulario do galego usado na zona das Médulas (León), no que a voz "cantón" se define como ‘Terreo valdío, pedregoso’ (cf. aquí).

A CAÑOTA (Muras -lugar de Bestemuz)
Unha "cañota" refire a un castaño secular, de tronco oco, moi grande.
Outro significado, aínda presente na lingua actual, é o de "o resto de tronco de árbore ou planta que fica despois de cortala".

O CAPARÓN (O Viveiró)
Aumentativo (ou diminutivo) de cáparo. Un "cáparo" é a cría de corzo.
Hai un topónimo "Cáparo" en Taboada e un "Capariña" en Cabanas (O Vicedo).
O comentario de que poidese ser un antigo diminutivo é serio: orixinariamente, este sufixo puido ter carácter diminutivo.

A CAPELADA (O Viveiró)
Probablemente estemos diante dun uso metafórico de "capela", non no sentido de igrexa pequena, senón de diminutivo de "capa", indicando metaforicamente a forma do monte, semellando un sombreiro cónico.
Os dicionarios rexistran para "capela" a acepción de "coroza", que era a capa, con carapucho, feita de palla ou xuncos e que se usaba antigamente para se protexer da chuvia  (cf. "capela", L. Carré Alvarellos (1928-1931), "Diccionario galego-castelán").
O Nomenclator rexistra varias "A Capelada", todas elas no curuto de monte ou preto del.
Así, ademais da Serra da Capelada, atopamos  "A Capelada" en Burela e en Ortigueira, así como "O Capelado Pequeno" na Lama (Po).
Os varios "Capeludo" que atopamos na xeografía galega tamén terían igual significado.

É interesante reparar en que este uso metafórico non se dá soamente na toponimia galega: no centro de Italia atópase una "Serra Cappella", cuxa motivación é igualmente interpretada  "nella forma tondeggiante del monte" ("forma redondeada do monte", cf. Davide Boccia, 2017. "La Toponomastica dell'Alta Val di Sangro").

Temos tamén un "O Capelo" na freguesía da Balsa.

O CAPELO (A Balsa)
Debe remitir ao apelido ou alcume dun antigo posesor, tal como ocorre noutros casos como "Cercado do Capelo" (Ribadeo) ou Bouza do Capelo (Burela). 
É un alcume xa atestado naa Idade Media ("..Maior Petri dicta Capelo .." (cf. E. Cal, "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo. Transcrición íntegra dos documentos". 1999).
O alcume aludiría, talvez, á roupa que usaba: o dicionario de Luís Aguirre del Río recolle "capelo" como "capote de croza, con capucha" (cf. L. Aguirre (1858): "Diccionario del dialecto gallego).

Aínda que máis improbable, algún "Capelo" podería tratarse dun uso metafórico de "capelo", referíndose á forma do monte, semellando a un sombreiro cónico, como debe ocorrer cos topónimos recollidos no Nomenclator tales comos "Capeludo" e "A Capelada", un deles no Viveiró.

CAPÓN (O Viveiró)
Este topónimo debe aludir ao apelido ou alcume dun antigo propietario do lugar. De feito, o apelido Capón xa figura rexistrado no século XIII (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos"). Reforza esta interpretación o feito de haber unha "Fonte da María Capón" no Porto de Bares.
Non podemos descartar completamente, tratándose dun núcleo de poboación, que poidese provir dun (uilla) Capponiiforma en xenitivo de Capponiusnome do antigo posesor (e talvez fundador) da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola) que daría orixe ao actual núcleo de poboación. No entanto, descoñecemos a existencia documental na Península Ibérica deste antropónimo.

O CARACEIRO (Muras -lugar do Caraceiro)
O dicionario de Leandro Carré define "carazo" como "xeada" (cf. L. Carré (1979): Diccionario galego-castelán e Vocabulario castelán -galego").
Terá un sentido metafórico, por tanto, aludindo, en sentido real ou xocoso, á lentura e friaxe do lugar.
Alternativamente, pode aludir ao apelido ou alcume dun antigo propietario do lugar. 

OS CARBALLÁS (Muras -lugar dos Carballás)
Un "carballal" fai referencia un  lugar poboado de carballos.
O apelativo "carballo" é de orixe prerromana. O correspondente termo en latín robur non perdurou no galego, excepto na toponimia, na que si se conserva a forma  "reboredo",  co mesmo significado que "carballeda" e "carballal".

CARBALLO DO GATO (Ambosores)
Este topónimo debe aludir ao alcume ou apelido do posesor do lugar onde se atopaba este carballo, que debeu ser unha árbore importante para servir de referencia.
Ver PENA DO GATO para máis detalles.

A CARBALLOSA (Muras -lugar da Carballosa)
Lugar onde abundan os carballos.

CARELLE GRANDE (O Burgo -lugar de Carelle Grande)
O termo "Carelle" deriva de (uilla) Carellii,  forma en xenitivo de Carellius, nome do antigo posesor (e talvez fundador) da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola) que deu orixe ao actual núcleo de poboación. 
Para Josep Piel viría de (uilla) Carilli, forma en xenitivo de Carillus (cf. J. M. Piel. "Nomes de possessores latino-Cristãos"), nome de orixe celta.

CARRACEDO (O Burgo)
Lugar onde abundan os carrizos ("canaveiras").

CARRÁS DE LUCAS (Irixoa)
O termo "carrás" corresponde co plural de "carral", derivado do latín carralem  'do carro', ao ser aplicado a un topónimo refire a un camiño carral, para o paso de carros.
Os topónimos "Carral" son relativamente frecuentes en Galiza. Como exemplo, citar o "Carral de Fóra", lugar pertencente ao concello de Barreiros.

O CARDAL (O Burgo -lugar de Carelle Grande, O Sisto)
Lugar onde abundan os cardos. Cf. DdD.

O CARDUXAL (Muras -lugar de Freán, Muras -lugar da Paleira)
Posiblemente de "carduchal", lugar onde abunda o carducho, "Brezo amarelo que crece nos montes nas sombras das penas." Cf. DdD.

O CARNAZAL (Muras -lugar de Furco)
O adxectivo "carnazal" é definido como "[Animal] que se alimenta da carne de animais mortos". Porén, non queda clara a relación deste significado cun topónimo.
Podería estar relacionado coa raíz prelatina *kar-, "rocha, lugar pedregoso".

O CARRANCO (Muras -lugar de Bestemuz, Silán)
Aínda que os dicionarios consultados soamente indiquen para "carranco" o significado de "unha clase de paxaro" e a outra de "verme",  existe unha acepción relacionada con "encosta", "ladeira", "lugar peado", similar a "barranco".
Derivaría da raíz prelatina *kar(r)-, "rocha, lugar pedregoso", xunto co típico sufixo -anco, tamén típico na toponimia de orixe prerromana.
O topónimo "Carranco" é frecuente, por exemplo en OurolBarreiros, ou Mañón, onde tamén hai "Carrancón" e "Carrancova".
Atopamos inclusive en siciliano a forma análoga carrancu 'lugar escarpado'. Hai tamén un "Carranque" en Toledo, nunha zona de talude da ribeira do río Guadarrama. 

O CARREGAL (O Burgo)
Lugar onde abunda o carrizo ou cana silvestre dos pantanos. Do latín *carricale, derivado de carex, carrizo.
É de notar que esta forma "carregal" é máis antiga que a forma alternativa "carrizal" que xa derivou directamente da forma galega "carrizo".

CARREGO (Irixoa -lugar do Couce)
Se for con "e" pechado, "carrego" correspondería coa acción de carrexar. Porén, este nome figura transcrito con "e" aberto, polo que, de ser certa tal transcrición, non tería ese sentido.
Non cremos que proveña dun "Cas Rego" (< "Casa Rego") ao non ser un núcleo poboacional.

A CARRICEIRA (Muras -lugar da Rega)
O CARRIZAL (Muras -lugar da Fraga Chá)
Os termos "carriceira" e "carrizal" aluden a lugares onde abunda o carrizo ou cana silvestre dos pantanos.
É de notar que a forma "carrizal" é máis moderna que a forma alternativa "carregal". Ou sexa, derivou directamente da forma galega "carrizo", mentres que "carregal" xa procedería directamente da forma latina carricalem, derivada de carex 'carrizo'.

A CASA LOUSADA (A Balsa -lugar da Casa Lousada)
Indicando casa con teito de lousa. Este topónimo é de interés ao destacar, por inhabitual ao tempo en que tomou este nome, que a casa fose lousada, en lugar de teito de palla de centeo, que sería o común naquel tempo. O teito de palla precisaba ser renovado cada 15 anos, con palla nova de centeo (un grosor duns 40cm, cf. aquí). 

CASAL, O (varios)
O CASAL GRANDE (Muras -lugar do Coto)
O CASAL PEQUENO (Muras -lugar do Coto)
OS CASÁS (O Sisto)
A voz "casal" é transparente, e procede do latín casalis. Un casal designaba na Idade Media unha propiedade illada no campo, tanto a casa coma as dependencias auxiliares e as terras de labor. Máis tarde pasou a referirse a un grupo de casas nunha aldea.

CASALDAR (A Balsa)
Derivado de Casa Alduariiremite ao nome do antigo posesor chamado Alduarius, nome de orixe xermánica. Igualmente tamén do mesmo nome feminino, dunha Casa Alduare, dunha posesora Alduara.
Hai de feito un Vilaldar atestado como Uilla Alduari no 944 (cf. CODOLGA ".. in villa que vocitant Alduarii .. "), aínda que se refire a outro lugar.

CASATEITA (Muras -lugar de Casateita)
De "Casa teita", casa tellada. Nótese que, o "tellado" podía ser de palla, e sería necesario renovar o teito  (teitear) de cada 15 anos, con palla nova de centeo (un grosor duns 40cm). 
O Nomenclator rexistra outros lugares con nome similar como "Casateite", nas Grañas do Sor.

O CASÓN (Muras -lugar da Carballosa, O Burgo)
A voz "casón" é o aumentativo de "casa". Posiblemente "casón" deba interpretarse como aludindo a unha "casa grande", no sentido de "casa señorial". Ao non ser este lugar un núcleo de poboación, é posible que aluda ao lugar dos propietarios do predio.

O CASTELO (A Balsa, Muras)
O CASTELO DA PIÑA (O Viveiró)
Topónimo con orixe na palabra latina castellum ‘forte, reduto’, diminutivo de castrum ‘campamento fortificado’. É un topónimo moi frecuente en Galiza.
A motivación deste topónimo  pode vir  tanto dunha fortificación medieval como por unha aplicación metafórica para nomear un outeiro do terreo, houbese ou non algún tipo de fortificación. Os vestixios de castros prehistóricos tamén reciben este nome, polo xeral ao estaren situados en lugares elevados no terreo, non por unha referencia a unha entidade xeográfica ou étnica dos pobos da Gallaecia durante a administración romana.

O CASTRILLÁN (O Burgo)
O termo "Castrillán" deriva de Castru Iuliani, remitindo ao antigo posuidor  chamado Iulianus.
A existencia de "Castro de Castrillán" confirma esta hipótese.

O CASTRILLÓN (O Viveiró)
Voz derivada de "castro". 
Aludiría a antiga existencia dun castro, aínda que por veces refire simplemente a un lugar elevado na paisaxe. Así, o dicionario de Eladio Rodríguez define castrillón como "vocablo toponímico de Galicia, que es aumentativo de castro y significa monte alto, eminencia, altura o elevación del terreno" (cf. DdD).

O CASTRO (A Balsa, Muras)
O CASTRO VELLO (A Balsa)
Do latín castrum 'castelo, fortaleza’'. En galego designa un tipo de asentamento prehistórico característico do Noroeste peninsular, aínda que tamén é usado na toponimia para se referir a outra clase de edificacións semellantes ou mesmo a unha elevación do terreo onde puidese ter existido un castro (cf. P. Martínez Lema, 2012. "Toponimia de Begonte e Rábade").

CASTRO DO CASTRILLÁN (O Burgo)
Ver CASTRILLÁN.

CASTROSOL (Silán)
O termo "Castrosol" derivaría de Castru Sauli, dun posuidor chamado Saulus, nome do antigo posesor do castro que deu orixe ao actual núcleo de poboación.

O CAXIGAL (Ambosores, Muras -lugar de Caraceiro, O Viveiró)
Un caxigal designa un lugar onde abundan os caxigos.

O CAXUMIL (O Viveiró)
Posiblemente derivado de (agru) Casi(u)miri, forma en xenitivo dun posuidor de nome Casi(u)mirus

O CELEIRO (Muras -lugar de Guimarás)
Do latín cellarium, "despensa, silo, lugar onde se almacenan provisións, hórreo".

O CEPETAL (Muras -lugar da Armada)
Significado incerto. Talvez abundancial de "cepo", lugar onde hai cepos.
Existen outros "O Cepetal" en Xermade, Galdo, etc. Existe tamén "O Zopetal".

O CERRADO (Varios lugares)
Os topónimos "cerrado" e "cerrada" remiten no xeral a unha finca rodeada de muro, moitas veces muro baixo, dun metro ou meno. En masculino, "cerrado", costuman aludir a un (monte) cerrado.

A CERNADA (Muras -lugar de Couce Mouro, O Viveiró)
O termo "cernada" viría do latín (terra) cinerata 'terra queimada' (cf. DdD). Tería relación con sitios de monte onde se facían actividades de roza: facían borralladas ao queimaren os toxos e outros arbustos, que servían de abono para logo plantar o cereal (maiormente centeo).

Di Risco: "Nas terras de montaña, vese ao lonxe polo vrau arder o monte en moitos lados, dando de día un basto fume azul que vai empardecendo conforme sube, e véndose de noite as luces e o resprandor das flamas baixas, coma se estiveran acendendo braseiros eiquí e acolá. Ollando ao lonxe, as máis das veces é o fume o único que se move na calma azul da largancía" V. Risco, "Terra de Melide".

O CHAO DA ESTANTA (Silán)
Ver "A Estante".

O CHAO DAS CAMPAS (Muras -lugar de Abeledo)
Ver "AS CAMPAS".

O CHAO DAS LAGOAS (O Viveiró)
O topónimo "lagoa", do latín lacuna 'lago pequeno', está moitas veces asociado a lagoas artificiais. Algunhas veces poderían referir ás formadas no "cono de violación" de mámoas, escavadas xa desde tempos antigos na busca de tesouros.
As primeiras mencións destas construcións rexístranse na Idade Media : "per suis terminis ubi inueneritis lacos anticos et mamolas" (Tumbo de Celanova).

O CHAO DAS MEDAS (Silán)
O termo  "meda" designa unha morea de mollos de cereal segado, e tamén ten a acepción de 'mámoa', ‘enterramento funerario prehistórico’ ou,  en xeral, metaforicamente, a de monte cónico con punta redondeada.
Este topónimo pode indicar, por tanto, a (antiga) existencia dun conxunto de mámoas nese lugar.

O CHAO DAS MEDELAS (Irixoa)
O termo "medela" é diminutivo de "meda".  Ver "O Chao das Medas".

O CHAO DE VEIGUELLE (O Burgo)
Probablemente "Veiguelle" sexa relaxamento na pronuncia de "veiguella"con palatalización da vocal final por efecto da consoante palatal, como en Cidadelle (antigo Cidadella), Cameselle (Camesella), etc.,  talvez tamén influído por outros topónimos en -elle, polo xeral derivados de xenitivos de posesor.
Unha "veiguella" sería o diminutivo de "veiga".

O CHAO DO FOXO (Irixoa, Muras -lugar de Curralvello, O Sisto -lugar de Piocorto)
Ver "O Foxo".

O CHAO DO OUROSO (Ambosores, Muras -lugar de Sanche, Muras -lugar da Valiña)
Ver "O Ouroso".

O CHAO DO SOBRADO (O Viveiró)
O apelativo "sobrado" refire no galego actual ao "piso superior dunha casa" ou "pavimento de madeira". 
Na toponimia alude á existencia dunha (casa de) sobrado, ou sexa, de dous pisos.
Xaime Varela, analiza este termo no seu estudo da documentación medieval galega, concluíndo que se refire a un tipo de construción enteira, caracterizada por posuír dous pisos, en oposición ás "casas terreas" que soamente posúen un (cf. X. Varela, 2008, "Léxico cotián na alta Idade Media de Galicia: a arquitectura civil"). 

Igualmente, vemos que no norte de Portugal tiña o mesmo uso, inclusive no S. XVI, diferenciando "casas de sobrado" son diferenciadas coas "casas terreiras", dun só piso:
Como exemplo, na documentación antiga do norte portugués atopamos textos como:
 *  "Item huma caza de sobrado telhada com sua varanda pera o poente  .."
 *  "Item huma caza de sobrado colmassa .."
 (cf. Tombo da Igrexa de S. Miguel de Lousada de 1542)

Xa J. Piel interpretara "sobrado" dun modo similar, aínda que coa diferencia de a ver como casa de certo lustre, "residencia máis ou menos fidalgas", pertencente á mesma categoría de "pazo" (<palatium) e sá (<sala). Cf. J. Piel, 1953. "Sobrado. Perfil histórico de uma palavra").
Tradicionalmente foi interpretado como derivado de superatum, ou superadditum 'engadido por riba', no sentido de 'sitio alto, eminente, que sobresae'. Así, I. Millán defíneo como "terra alta, elevación dominante" (cf. I. Millán. "Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz". 1987).
Tanto Piel como outros autores rexeitan interpretacións como a de provir de suberatum, tendo en conta a forma en que figuran na atestación medieval.

É un topónimo frecuente en todo o contorno, presente en Ourol, Viveiro, Xove, Foz, Muras.

O CHAO DOS BOIS (O Viveiró)
Ver "A PENA DOS BOIS".

O CHAO DOS MARCOS (Irixoa)
O termo "marcos" indica a existencia, actual ou antiga, dun marco (pedra fincada no terreo, de límite territorial). A orixe destes "marcos" pode ser medieval,  ou miliarios romanos, ou tamén poderían ser pedrafitas ou menhires prehistóricos.

O CHAO DOS ZARAMELLOS (Silán)
Posiblemente o nome "zaramello" estea referido ao alcume dun antigo posuidor. Aínda que non se atope no dicionario, cremos relacionada con outros moitos termos pexorativos como "zarabeto, zaragalleiro, zarambeque, zaramelo, zaramullo, zarapalleiro, zaparrastroso". 

A CHAVE (Muras -lugar da Abelaira)
Probabelmente relativo á forma do terreo en "L", de feito este é o termo para caracterizar, por analoxía, esta clase de terreos.
Analogamente en portugués "chave" denominaba un "recanto ou cotobelo que uma belga ou um terreno faz para algum dos lados" (cf. Viterbo. "Elucidário"). 

O CHIBOZO (O Viveiró)
O termo "chibozo" defíneo o dicionario de Aníbal Otero (1967) como "caseta para gardar ferramentas e enseres da casa de labor". Posiblemente a etimoloxía deste termo estea relacionada coa de "chibadoiro", topónimo existente na comarca (cf. "Chivadoiro" no Valadouro).

O CHOPE (Muras -lugar de Debodas)
O termo "chope" defíneo o dicionario de Aníbal Otero (1967) como "pedazo pequeno dun monte cercado."
Este topónimo encontrámolo na toponimia menor de varios concellos de toda Galiza, como en Mañón, na Estrada, etc.

O CHOUPÁN (O Sisto)
Posiblemente derivado do sobrenome dun antigo posuidor estes terreos, un alcume en relación a choupar.
De feito, o alcume Choupeiro xa figura rexistrado no séc. XIV  (cf. R. Soto, 2018. "Alcumes e sobrenomes medievais en Galicia").
O Nomenclator rexistra outros terreos denominados O Choupín en Ribadeo e Choupín en Viveiro.

O COBREIRO (O Burgo)
O termo "cobreiro" defíneo o dicionario como "terreo onde abundan as cobras". Cf. dicionario de Aníbal Otero (1977).

O COCHEIRO (Muras -lugar de Bestemuz)
Un "cocheiro" fai referencia a un antigo covil de cochos bravos, lugar onde crían ou que frecuentan. 
O Nomenclator rexistra na contorna un A Cocheira en Ortigueira.

O COCHÓN (Irixoa)
O termo "cochón" pode significar "pedazo de terreo labradío de certa extensión". 
Tamén pode vir dun alcume despectivo, aumentativo de "cocho". De feito, os alcumes Cocho e Cocharro xa figuran rexistrados no séc. XIII (cf. R. Soto, 2018. "Alcumes e sobrenomes medievais en Galicia"). 
Aínda que máis improbable, pode ser unha reinterpretación de "cachón" 'fervenza', aínda que descoñecemos o lugar.
Existen outros topónimos "Cochón" en lugares cercanos como Ourol e Mañón.

O CODESO (A Balsa)
Debe provir dun alcume referido a un antigo posesor do lugar. De feito, o alcume Codeso xa figura rexistrado no séc. XIII : "Iohanni Fernandi, dicto Codesso,
1258, Fernandus Iohannis dictus Codesso, 1273" (cf. R. Soto, 2018. "Alcumes e sobrenomes medievais en Galicia"). 

O CÓMBARO LONGO (A Balsa)
Os termos "cómbaro" e "cómaro" remiten á faixa de terreo que é deixada sen labrar arredor dunha leira.
Tanto cómbaro como cómaro veñen do latín cŭmŭlus ‘morea'.

O COMBARRO (Muras -lugar das Ucheiras)
O termo "Combarro" é unha palabra de orixe prerromana. 
Canto ao significado, ten a acepción de "alpendre" en algunhas zonas. Por outro lado, no latín tardío da Galia está atestada no S. VII a voz cumbres 'palizada, estacada no río para a pesca', que menciona Du Cange.
Xaime Varela, analiza este termo no seu estudo da documentación medieval galega, aínda que ao atoparse en poucas ocasións, o contexto non permite saber a cal das acepcións se refire, se a un alpendre ou se a unha pesqueira (cf. p. 201, X. Varela, 2008, "Léxico cotián na alta Idade Media de Galicia: a arquitectura civil").
Aínda que non coñecemos o lugar, dada a súa situación nunha zona de prados, aventuramos a interpretación como "pesqueira".
Sexa ese o significado que tivo este topónimo, ou outro similar, é claro que foi un apelativo usado comunmente, dada a presenza do artigo.
Canto á etimoloxía, aínda que claramente prerromana, é difícil establecer a orixe concreta. Segundo Corominas "parece claro que provén dun ártabro *com-barro 'pontiagudo, provisto de cabeza ou cume' (cf. páx 517 de DCEH s.v. "barra").  Segundo autores como Machado e J. Piel, tería orixe no céltico comborosTampouco podemos descartar unha orixe na raíz céltica *camb- 'cousa curva', de onde podería vir o adxectivo "combo" 'torcido, encorvado'.

O Nomenclator rexistra tamén o topónimo "Combarreira", nas Grañas do Sor (Mañón), que aínda que tampouco ofrece interpretación clara, ao ser igualmente nunha zona de prados, semella reforzar a interpretación como "pesqueira do río".

O CONCHAREGO (O Burgo -lugar de Inciñán, Muras -lugar de Brías)
OS CONCHAREGOS (Muras -lugar de Xelgaiz)
Probablemente se trate dunha forma derivada de "concha" (de "conchal"), o mesmo que lamego de lama ou bustarego de busto. Talvez sexa un orónimo, referindo á forma de "concha" do terreo.
Por outro lado, os topónimos "Concheiro" e similares foron analizados por Navaza, que indica que algúns deles poderían ser fitotopónimos, dada a acepción de 'noz' para "concho". Xa que logo, "Concharego" sería sinónimo de "nogaredo", lugar onde abundan as nogueiras. Atopamos un "Crabuñego" en Ribadeo, aludindo a abundancia de carabuñas.
Navaza tampouco desbota que algún deles estea relacionado coa "herba concheira" (escrophularia nodosa).
Dada a situación, ben lonxe da costa, desbotamos que o topónimo estea relacionado cun abundancial de cunchas, un depósito prehistórico de cunchas mariñas.
mesmo topónimo rexístrase nas Grañas do Sor (Mañón).

OS CONCHARELOS (O Burgo)
Probablemente se trate dunha forma diminutiva de "conchal", abundancial de "concha". Ver comentarios para "Os Concheiros", tamén abundancial de concha.
Existe outro "Os Concharelos" no Burgo (Muras) e un "Concharelo" nas Grañas do Sor (Mañón).

OS CONCHEIROS (O Viveiró)
Forma derivada de "concha", probablemente indicando abundancial. Talvez sexa un orónimo, referindo á forma de "concha" do terreo.
Por outro lado, os topónimos "Concheiro" e similares foron analizados por Navaza, que indica que algúns deles poderían ser fitotopónimos, dada a acepción de 'noz' para "concho". Xa que logo, "Concheiro" sería sinónimo de "nogaredo", lugar onde abundan as nogueiras. 
Navaza tampouco desbota que algún deles estea relacionado coa "herba concheira" escrophularia nodosa (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega").
Dada a situación, ben lonxe da costa, semella improbable que o topónimo estea relacionado cun abundancial de cunchas, un depósito prehistórico de cunchas mariñas.

O Nomenclator rexistra outros "Os Concheiros", por exemplo en Morás (Xove), xa preto da costa.

A pronuncia rexistrada é "cuncheiros", co usual peche da vogal diante dunha sílaba en palatal "ei".

A CONCHOUSA (Muras -lugar de Freán)
Derivado do latín cum-clausa "lugar pechado", onde a partícula cum actuaría como superlativo. 
Nos dicionarios non aparece, pero si atopamos "conchousa" no vocabulario galego do "Bachiller Olea" (S XVI), onde a define como "Vn camino çerrado de anbas partes". Aludirá, por tanto, a unha congostra, verea ou similares.
Parece que ten, xa que logo, un significado máis específico que o do masculino: Cabeza Quiles define  "conchouso" como "lugar cóncavo ou deprimido", derivado do latín conclausum "horta pechada".

O CONCHOUSO (Muras -lugar de Sanxillao, Muras -lugar da Cabana, Muras -lugar da Pena da Leira, Muras -lugar de Prado, O Burgo, O Viveiró)
Derivado do latín cum-clausum "lugar pechado", onde a partícula cum actuaría neste caso de superlativo. No dicionario aparece como "lugar pechado dentro da corte, usado de cortello para os porcos".
Vén recollido tamén no portugués antigo (cf. Viterbo).
Cabeza Quiles define  "conchouso" como "lugar cóncavo ou deprimido", derivado do latín conclausum "horta pechada".

A CONGOSTRA DA AUGA (Irixoa)
A CONGOSTRA VELLA (O Viveiró, Irixoa)
CONGOSTRA DA REVOLTIÑA (O Viveiró)
CONGOSTRA DO MONTE (O Viveiró)
Na toponimia galega abundan as "congostras", camiños angostos, entre valados ou ribazos, escavados no terreo, e estreitos, para paso de xente ou carros. Pode ser sinónimo de "corgo". A palabra vén do latín congusta, "estreita".

O CORDEIRO (Muras)
Remite ao apelido dun antigo posesor do lugar. O sobrenome Cordeiro está xa atestado no século XIII (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos").

O CORISCADO (Irixoa)
Ver "A Curiscada".

A CORNELLA (O Viveiró)
O termo "cornella" ten varias acepcións, sendo as máis probables para un topónimo a de "pardiñeiro" e a de "casa pobre". 
Alén desas interpretacións, tamén pode ter unha orixe na raíz prelatina *kor- 'pedra, altura rochosa' , que encaixa no caso de "A Cornella" de Xove ou da "Pena da Corna", nas Grañas. 

Outras acepcións de "cornella", como a de sinónimo de "grallo" (paxaro) non parecen ter encaixe nun topónimo.

CORNIDO DE BAIXO (Silán)
CORNIDO DE RIBA (Silán)
Esta poboación está atestada no ano 1305 xa como Cornido:
" .. in montibus de Sor scilicet in locis inferius nominatis in Cornido in Nauacara (Nauaora?) in Carcallosa entre Ambolos Sores in Barroso in San Pantaon in Ysai in Lignares in Maia in Caparino in Cabanas .." (cf. CDMACM = E. Cal Pardo, "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo. Transcrición íntegra dos documentos". 1999).

Un "cornido", segundo Sarmiento, derivaría de cornu, e sería un lugar onde abunda a "cerdeira silvestre", denominación científica Sorbus aucuparia.
Porén, outros autores cuestionan esta hipótese. Gonzalo Navaza, recoñecendo esta dúbida, apunta a un termo derivado de "corno" nun sentido metafórico orográfico (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").
Alternativamente, Cabeza Quiles interpréta os topónimos Corn-, Carn- como de orixe céltica ou precéltica, derivado do tema *kar- 'pedra, zona rochosa'. Cf. F. Cabeza "A toponimia celta de Galicia", 2014.

O CORNO DA CHANCA (Silán)
O termo "corno", tratádose dun pico, indicaría unha "pena pontiaguda".
Canto ao termo "chanca" ten varias acepcións, "pozo", "o máis fondo dunha valgada", "zoco" (cf. DdD). 
Tamén existe o diminutivo "chancela", recollida por Aníbal Otero co significado "llanura poco extensa, sillada", e por Eladio Rodríguez no Caurel como "pequeña llanada", polo que cremos que a acepcion que corresponde para este topónimo "Chanca" é a de "o máis fondo dunha valgada", aínda que precisa confirmación.
Por outro lado, segundo E. Rivas, os topónimos coa forma "Chanca" ou as súas variantes terían feito alusión ao taboleiro disposto para atravesar un regato, motivo que explicaría segundo este autor a presenza desta expresión toponímica ao carón de correntes de auga, como "A Ponte da Chanca", sobre o río Rato (Lugo), "A Chanquiña" sobre o río Verdugo ou o "Río da Chanca" en Sanxenxo (cf. E. Rivas,"Toponimia de Marín". Anexo 18 de Verba, 1982).

OS CORUXOS (O Viveiró -lugar dos Coruxos)
Probabelmente que este topónimo faga referencia ao apelido dun antigo posesor. O apelido Coruxo xa figura atestado en Galiza no século XV (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos").
Dado que se trata dun núcleo de poboación, a anterior interpretación semella a máis plausíbel, no entanto , tampouco se pode descartar que  derive do tema prelatino *kor-/*kar "monte, altura". Cabeza Quiles deriva estes topónimos do tema prerromano *kar- 'pedra, zona rochosa' (cf. F. Cabeza "Os nomes de lugar", 1992).

O Nomenclator rexistra nesta zona outro Coruxos en Cordido (Foz),  en Moucide (O Valadouro) e Os Curuxos en Mañón.

A CORRIPA (O Burgo)
AS CORRIPAS (O Burgo)
Nos dicionarios de galego, corripa é rexistrada coa acepción de ‘pequeno cercado no que se botan os ourizos a curtir’. Detalla Krüger: 
  "En extensas comarcas de Asturias y Galicia, las castañas reunidas en los castañares suelen conservarse durante algunas semanas almacenadas en pequeños cercados de piedra a fin de que se ablanden las púas y los tegumentos exteriores. Estos cercados de castañas están al aire libre, en los mismos bosques. Son más pequeños y más bajos que las colmenas (aproximadamente de 1 m. de alto), pero tienen exactamente la misma forma circular (cf. F. Krüger, "Las Brañas").

O prefesor Navaza recolleu a explicación que sobre o seu uso en Ourovello:
«Os orizos botábanse nas curripas sen abrir. Nelas, coa humidade, apodrecían os o rizos, e ó apodreceren formaban un líquido que conservaba as castañas, que non apodrecían nin as atacaban os vermes. Cando os orizos xa estaban podres, a xente petelaba as castañas nas curripas e recollíaas. Esas castañas estaban refeitas e sás. Así o recordaban os meus pais. Máis adiante, coa peste da tinta, ó haber menos castiñeiros e menos produción, os orizos botábanse na aira de mallar e logo, durante o outono e o inverno, ían petelándose segundo fixese falla. Se o outono era moi seco, á peteleira botábaselle auga para que apodrecesen os orizos coa humidade...». 

A forma "corripa" derivada de "curro", lugar cercado, da raíz prelatina *cor(r)- 'cercado circular', mesma  que "curro" e máis "curral". Inclúe o infixo -ip- de carácter diminutivo (cf. F. Krüger. "Problemas etimológicos. Las raíces car-, carr- y corr- en los dialectos peninsulares").

Tamén encaixaría a acepción recollida no occidente asturiano, tamén por Krüger citando a Acevedo ('Vaqueiros de alzada, p. 248), como "un pequeño cercado de pared, en forma circular, sin puerta y sin techo", e do mesmo autor tamén recolle "corribia" como "cercado' de pared. con poca altura, generalmente con forma circular" (cf. F. Krüger, "Las Brañas").

A CORTIÑA (varios)
AS CORTIÑAS (O Viveiró)
Do latín tardío cohors ‘sitio cerrado’, do cal derivou cohortina ‘cortiña’ e  cohorticulum  ‘cortello’. 
As "cortiñas" son leiras que orixinariamente estaban pechadas, situadas preto da aldea, eidos traballados e estercados nos que se plantan legumes e hortalizas.

A COSTA DA NOIA (A Balsa)
O topónimo "Noia" foi estudado por E. Bascuas, que o deriva da forma paleoeuropea (pre-céltica) *noigw-. da raíz indoeuropea *neigw'lavar'. Cf. p. 354 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.
En Céltigos (Ortigueira), tamén atopamos unha "Fonte Noia", que parecería reafirmar esa posible orixe hidronímica (cf. Céltigos no Cadastro de Ensenada).
Podería tratarse dun apelido, aínda que non semella moi probable, ao levar o artigo diante,  como ocorre con outros topónimos "A Noia" existentes en Galiza. Por iso, semella máis ben que foi un apelativo prerromano que se tería conservado no romance galego.

A COSTA DA LESTA (Silán)
Sitio onde abundan as "lestas", planta da familia das gramíneas, Anthoxanthum odoratum. Cf. DdD.
Existe un "O Prado da Lesta" en Suaschousas, un "Lestido" en Vieiro, así como un "Lastigueira" en Cabanas (O Vicedo) e  outro en Ortigueira
Xa en 1717 Sarmiento destaca a existencia desta planta en Galiza: "Noté que hacia Pontevedra solo tiene un dedo de ancho la hoja. Hacia La Coruña tiene dos; y hacia San Andrés de Teixido, junto al cabo de Ortegal, tiene la hoja cuatro dedos de ancho, y allí está poblado de esa lesta olorosa el monte da Capelada". 

Non podemos descartar tampouco que remita ao o sobrenome dun antigo posesor. O alcume Lesta xa figura rexistrado no séc. XIII ".. Rodericus Martini, dictus Lesta.." (cf. R. Soto, 2018. "Alcumes e sobrenomes medievais en Galicia"). 

A COSTA DA VELLA MORTA (Muras -lugar de Bestemuz)
O termo "vella morta" podería ser unha derivación por "etimoloxía popular" dun termo prelatino de similar fonoloxía. De feito existen topónimos de similar fonoloxía "vella", "ovella" que non sempre parecen ter relaciòn co significado obvio senón talvez co tema paleoeuropeo *uel- 'xirar'. Os termos "morta" ou "marta" tamén acostuman ser frecuentes en topónimos prerromanos.

A COSTA DE ARXEMIL (Irixoa)
"Arximil" deriva de (agru/uilla) Argimiri, terreo ou lugar dun posesor chamado Argimirus, nome de orixe xermánica. 

A COSTA DO PIÓN (O Burgo)
O termo "pión" é o mesmo que "peón".

A COSTELA (Muras -lugar de Leganitos, Muras -lugar das CuíñasMuras -lugar de Vedille, O Viveiró, Silán)
AS COSTELAS (A Balsa)
O termo "costela" procede da base latina *costanĕlla, diminutivo de *costana, derivado,  de  cŏsta.  
Pode tamén corresponder co antigo diminutivo de costa. Este diminutivo en -ela foi  substituído en galego polo sufixo –iña, comezando xa esta substitución na Idade Media. Polo tanto, estes topónimos deben ter unha orixe medieval ou anterior, sendo en xeral anteriores aos correspondentes "Costiña".

O COTELO (varios)
OS COTILLÓS (Silán)
Tanto "cotelo" como "cotarelo" como "cotillón" son formas diminutivas de "coto", voz de orixe prerromana, que indica 'parte máis alta dun monte, que ten forma cónica' (cf. RAG).
A forma "cotillós" é obviamente a forma en plural de "cotillón".

O COTO BAROLO (O Viveiró)
O dicionario define o apelativo "barolo" como sinónimo de "balor", "mofo". Porén, a aplicación toponimica deste termo é incerta.
Moi probablemente  este "Barolo"  teña una orixe distinta, relacionada co topónimo "Vara", que E. Bascuas e outros autores derivan da raíz hidronímica indoeuropea *awer-, 'auga, mollar, chover, fluxo'. Cf. p. 91 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".

O COTO CHURIZMADO (A Balsa)
Posiblemente relacionado con "chorisma", flor do toxo. Indicaría por tanto un coto onde abundan os toxais.

O COTO DA AURELA (O Viveiró)
Os termos de río en diminutivo son frecuentes para designar afluentes ou o curso alto do río. Neste caso, estaría relacionado co diminutivo de Aurium, antigo nome do río Ouro, do cal deriva tamén o topónimo Valadouro < "O Vale de Ouro".
Moitos dos topónimos "ouro" e similares son relacionados por Bascuas e outros autores coa raíz hidronímica prerromana *aur-, presente na toponimia de toda Europa. Cf. e.g. aquí.
Neste caso, o mantemento do "a" inicial pode explicarse polo influxo do artigo previo.

O COTO DA CHOCA (A Balsa)
Posiblemente sexa un topónimo de orixe anecdótica, talvez referido a unha "choca" no sentido de "campaíña que se pendura no pescozo do gado".
Porén, o sufixo -oca pode indicar unha orixe nun termo prelatino descoñecido.

O COTO DA FONTE DAS OLGAS (A Balsa)
Neste caso, dada a forma de hidrónimo, referido a fonte, o termo "olga" posiblemente non corresponda con nome de persoa senón co substantivo galego "olga". Ver "Veiga da Olga" para máis detalles.

O COTO DA SILLA (A Balsa)
O topónimo "Silla" neste caso é complicado ao non dispormos de documentación antiga.
A priori excluímos que se trate dun nome recente, dun castelanismo "silla" pola orografía do coto. Tampouco cremos que de "Sella" pasase a silla por atracción do apelativo castelán homónimo.
Podería tratarse dun termo prerromano, tan vivos en Galiza e, especialmente, nesta zona. Podería ter orixe nunha forma *Seil-ya, a partir da raíz hidronímica indoeuropea *sei- 'gotear, fluír, húmido', identificado por Pokorny, con alongamento -l-, a mesma forma que a de "río Sil". Este tema *Seilia, indica Bascuas que se tería conservado como apelativo ata a romanización. Cf. p. 248 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

O COTO DAS PIELES (A Balsa)
Aínda que "pieles" podería ser un castelanismo, o máis probable é que se trate dunha forma deturpada por "Pielas", que, ao perderse na fala a forma "pielas" reinterpretaríase hai pouco como "pieles". Tratándose dun coto, vólvese aínda máis probable esta hipótese.

O termo "Pielas" é un diminutivo plural de "pía", do latín pila., aludindo a concavidades nas rochas, quer naturais ou feitas polo home.

O COTO DE ANDEREDÍAZ (O Viveiró)
Referido ao nome dun antigo posuidor, probablemente dun "André Días" ou "Andrea Días".

COTO DO FORNO (O Burgo -lugar de Inciñán)
Aínda que o significado da voz "forno" sexa transparente, non o é a motivación para lle asignar este topónimo á zona de bosque á que fai referencia.
Por un lado, pode remitir á existencia de fornos de tella, que se construían preto das barreiras. Sendo nun coto, semella mellor encaixe un uso metafórico, relativo a dolmens ou a cistas prehistóricas: tal como indica Manuel Lorenzo (cf. Toponimia de Dodro e de Laíño), "díselle ás mámoas fornos e fornelas dos mouros". Lembremos o exemplo do "Forno dos Mouros" en Mañón.

COTO DO FOXO (Irixoa)
Ver "O Foxo".

O COTO DO MUXÍN (Irixoa)
Tamén existe "O Prado do Muxín" na mesma parroquia.
Posiblemente "Muxín" proveña de *(agru) Mugini, dun antigo posuidor de nome Muginus, de orixe xermánica.
Alternativamente, aínda que máis improbable, podería interpretarse como  de orixe en hidrónimo, no tema paleoeuropeo *mu-s- 'húmido, turbo', o mesmo que para o "río Muxa" (cf. D. Kremer "Onomástica Galega II". 2008).

COTO DOS BOIS (O Viveiró)
Ver "A PENA DOS BOIS".

O COUCE (Irixoa -lugar do Couce, outros varios)
OS COUCES (Silán)
A voz "couce" ten múltiples acepcións. Nestes casos viría de calce "calcañar", e designa un "sitio de forma semicircular que remata en terraplén ou baixada pronunciada".

O COUCE DO ESPERÓN
 (Muras -lugar da Armada)
Para "couce" ver "O COUCE". 
O composto "Coude do Esperón" é unha tautoloxía, pois o termo "couce" indica 'saliente do terreo', e "esporón" tamén indicaría a mesma topografía do terreo, en forma de "saliente", pola forma de 'pata de ave'. A orixe sería no gótico  *spaura 'espora' (cf. DCECH), cognado  do francés éperon e do italiano sperone.
Sen dúbida "esperón" e Asperón aluden a un accidente xeográfico, tal como se pode ver en documentación antiga onde se usa como referencia en deslindes (fonte: CODOLGA):
  "... per illud Saxum et per illud Asperon et per pennam ..." (1128)
  "... in monte de Reuoredo sicut diuidit per Asperon ..." (1220).
  "... intrat portum de Freixenedo, et deinde sicut diuiditur per Esperon , et inde per torrentem " (1234)
O mesmo termo "asperone" aparece nun deslinde en Asturias no 1100: "... per illo asperone.." (cf. A. Gambra Gutiérrez, 1988. "Alfonso VI: Cancillería, curia e imperio, II". Colección Diplomática).

O dicionario confírmanos esta interpretación, pois "asperón" figura recollida no dicionario galego de Constantino García (1985), como sinónimo de esporón.
É interesante reparar que, tanto na documentación antiga como na toponimia, a forma máis común son Esperón e Asperón, en canto a frecuencia de "Esporón" é residual.

COUCE DOS MUROS (Ambosores)
O termo "couce" ten múltiples acepcións. Nestes casos viría de calce "calcañar", e designa por analoxía un "sitio de forma semicircular que remata en terraplén ou baixada pronunciada".

Tamén Rivas Quintas indica que o topónimo couce aparece con frecuencia cun sentido topográfico de ‘fondal’, “base de monte” (cf. E. Rivas, "Lingua galega, historia e fenomenoloxía". 1989). 

COUCE MOURO (Muras)
Para o termo "couce", ver "Couce dos Muros".
En canto a "Mouro", é importante notar que este lugar tamén se chama "Couce de Xan Mouro". Por tanto, parece que neste caso o termo "Mouro" viría do apelido dun antigo posesor.

O COUSIÑO (A Balsa)
O COUSO (O Sisto)
Ver "Couso".

COUSO (Muras -lugar de Xelgaiz)
O termo "couso" acostúmase a interpretar como "sitio coutado", para actividade específica,  xeralmente  remitindo a un foxo no monte para a caza de alimarias, maiormente lobos. Ten outras acepcións, como a de "sitio para facer cacería, xustas" e a de "horta pequena".

Xa Sarmiento indicaba no séc. XVIII que "nas montañas de Samos chaman [couso] ao buraco ou foxo que se fai para coller lobos".
Silveira fixo tamén esta interpretación, derivándoo do latín medieval caussu, da forma secundaria de participio do verbo caveo 'gardar, vigxiar’, xa recollida por Du Cange (cf. Revista Lusitana n. XXIV, p. 206). Corominas explica couso como resultado dun cruzamento de cosso (< cŭrsum) e couto (< cautum).

É un topónimo moi frecuente en Galiza e na contorna, como no Valadouro, Muras, Alfoz. Nalgúns casos, como "O Couso dos Lobos" (Manzaneda) ou "O Couso do Foxo" (Triacastela), o significado é claramente o indicado.
É un topónimo moi frecuente en Galiza e no contorno, como no Valadouro, Alfoz, Viveiro. Nalgúns casos, como "O Couso dos Lobos" (Manzaneda) ou "O Couso do Foxo" (Triacastela), o significado indicado é claramente o indicado.

O COUZO GORDO (Muras -lugar de Sanxillao)
Probable deturpación de "O couce gordo". Ver "O COUCE".

A COVA DO SARAMAGAL (Muras -lugar de Prado, Muras -lugar da Cabana)
Un saramagal é un lugar onde abunda a planta chamada "saramago".

A COVELA 
(A Balsa, Ambosores, O Burgo, Muras -lugar do Pico Verde, O Viveiró, Muras -lugar da Fonte)
AS COVELAS (Muras -lugar das Covelas, Silán, O Burgo)
O termo "covela", orixinariamente derivado como diminutivo de "cova", designa un "pequeno vale cóncavo formado na converxencia de dúas encostas peadas de monte". É, por tanto, un termo similar a "cale" ou "cal".

Aínda que varios autores indican que "covelo/a" e similares a priori poderían corresponder tanto cun diminutivo de "covo/a" como de "cubo/a", Santamarina demostrou que a meirande parte dos Cuvelo/a(s) e Cubelo/a(s) galegos  remiten a *cova e non a cupa, chegando a suxerir a posibilidade de que cuba non presentase derivados toponímicos en Galiza (cf. A. Santamarina, 2008 "Covelo, covela, cubelo, cubela. Un problema gráfico e etimolóxico").

O COVELO (Muras -lugar da Cabana, Muras -lugar das Cuíñas)
OS COVELO(Silán)
Diminutivo de "covo", no sentido de "lugar no fondo dunha concavidade".
Aínda que varios autores indican que "covelo/a" e similares a priori poderían corresponder tanto cun diminutivo de "covo/a" como de "cubo/a", Santamarina demostrou que a meirande parte dos Cuvelo/a(s) e Cubelo/a(s) galegos  remiten a *cova e non a cupa, chegando a suxerir a posibilidade de que cuba non presentase derivados toponímicos en Galiza (cf. A. Santamarina, 2008 "Covelo, covela, cubelo, cubela. Un problema gráfico e etimolóxico").

O CRAVADOIRO (Muras -lugar de Rioseco)
Probablemente se  trate dunha reinterpretación dun  "O Crebadoiro", de "crebar", pola forma do terreo. De feito o lugar está situado nunha ladeira.
Así, Rivas Quintas rexistra "cabradoiro" como un "crebe no terreo" (cf. E. Rivas, 1989. "Lingua galega, historia e fenomenoloxía").
Alternativamente, tamén supoñendo un "Crebadoiro" orixinario, pode aludir a actividades de regadío, tendo en conta a acepción que recollida no dicionario Estraviz de "Apertura lateral numa presa de regadio ou de moinho, frequentemente provida de comporta, para deixar sair a água." (cf. aquí).

O topónimo ten certa frecuencia, en diversas formas, así, existen "Cabradoiro" nos Devesos (Ortigueira), en Viveiro, etc.

O CRISTO DAS RAIGOSAS (A Balsa)
Terreo onde abundan as raíces. Era unha información de interese nun contexto agrícola. 

CRUZ DO CANAVAL (Muras)
O topónimo Canaval remite a lugar nos que abundan/abundaron as canaveiras.
Ao se tratar dunha cruz, poderíamos pensar en Canaval como apelido, pero é improbable ao non ser un apelido frecuene nesta zona de Galiza.

A CUARTA (A Balsa)
Probablemente o nome derivado do reparto a cuartas dunha antiga finca. Existe tamén "A Oitava" en Muras.

O CUBILOTE (Muras -lugar de Sanche)
Diminutivo de "cubil", no sentido de "refuxo, madrigueira".

O CUCHAREGO (O Viveiró, A Balsa)
Podemos interpretalo como derivado de "cocho", co sufixo -ego, do mesmo modo que "lamego" de lama, "Navego" de navia, "Balsego" de balsa, etc.
Non cremos que teña relación coa acepción que dá o dicionario de Carré Alvarellos, como “leira pequena dedicada a leña ou a prado”, pois non parece que teña tido tanta vitalidade na fala de toda a comarca para quedar só como topónimo.

Este topónimo debeu ter vitalidade como apelativo, pois está rexistrado na maioría dos concellos da comarca, tanto no Ortegal como na Mariña como e.g. en AlfozBarreiros, no Valadouro, no Vicedo.
É interesante reparar que, mentres na maioría dos casos se perdeu a forma -u- fronte a -o- nas -o- pretónicas etimolóxicas, neste topónimo preservouse maioritariamente na gran maioría dos topónimos, probablemente polo influxo do castelán "cuchara".

AS CUÍÑAS (Muras -lugar das Cuíñas)
Este lugar está atestado como "sitio de Cuiñas" no Catastro de Ensenada de Muras (1753) ao describir os muíños da freguesía.
Hai controversia na interpretación dos abundantes topónimos galegos "Cuíña", que comparten orixe etimolóxica cos Cuña e os seus equivalentes portugueses Cunha.
Por unha banda, autores do prestixio de Martínez Lema interprétana como correspondente co apelativo "cuíña" 'pequena elevación do terreo'. Eladio Rodríguez recolle este significado como forma aínda viva en Abadín e Parga, definíndoa como "colina", e Constantino García tamén o rexistrou en Laxe, co significado "lomba" (cf. DdD).
Aínda que se podería pensar na voz patrimonial equivalente a "colina 'outeiro', a voz colina co sentido orográfico trátase dun italianismo introducido no séc. XVII (cf. Corominas, DCECH). Ademais, se viñese do latín collis/collina daría **coliña, non coíña/cuíña.

Por outra banda, se derivan da forma medieval "colina" (tal como figura atestado no caso dunha Uilla Colina), os rexistros medievais non parecen remitir a colinas orográficas senón a elementos moito máis definidos e delimitados na paisaxe (cf. CODOLGA):
(800) - Floriano,DiplomáticaAstur (800):
" .. et vadit ad illo pino, deinde ad colina et vadit ad via Angustina .." 
Floriano,DiplomáticaAstur (831):
" .. seneras uel quidquid ibidem est; et ad Bellenia colina et horreum, binia de Armentari ..."
Andrade,CelanovaTbo (885):
[...] integra vinea, pumares, ceresales, perales, ipsa colina medietate, et de ipso lagare de tercia medietate integra [...]
SáezE,CelanovaCD (935):
[...] , et alia uinea que comparauimus de Tano, et colina integra, et de alias mazanarias et ceresales  [...]
Andrade,Celanova (1009):
[...] vinea ad casa de Gundemaro, levat se de illa colina et vai per succo de Daniel [...]
Lucas,SamosTbo (1026):
[...] suo germano Stevano et de sua suprina pumare super illa colina ; [...]
Lucas,SamosTbo (1052) :
[...] et que vendivit domno Fredenandiz ad illa colina sua tercia in illo ortale [...]
Andrade,CelanovaTbo (1075):
[...] integra in vineas, in pumares, ceresales, ipsa colina media et ipso lagare de tercia medietate  [...]

Esta interpretación tampouco encaixa para o topónimo O Cuiñal (Celanova, Ou), pois un abundancial de outeiros non tería sentido. Tampouco encaixaría para A Cuiñeira Grande (O Grove, Po) por razóns similares.
Nicandro Ares interpretou os topónimos "Cuíña" como talvez 'lugar de coios ou de coles'.
No caso que nos ocupa, a forma en pural para un núcleo de poboación tamén resulta extraño interpretalo como "outeiros". Similarmente para "As Cuíñas" existente nas Negradas (O Vicedo).

CUNTUMIL DE BAIXO (Muras -lugar das Aguias)
"Cuntumil" deriva de (agru) Guntemiri, forma en xenitivo de Guntemirusnome do antigo posesor (e talvez fundador) da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola) que deu orixe ao actual núcleo de poboación. É un nome de orixe xermánica.
O nome Guntemiro figura atestado na documentación altomedieval do Tombo de Sobrado (Cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

A CURISCADA (Muras -lugar da Curiscada)
Grafía alternativa por "Coriscada", lugar frío, onde abunda o corisco.

CURRALVELLO (Muras -lugar de Curralvello)
AS CURRÁS (O Burgo)
O apelativo Curral defíneo o dicionario como "sitio contiguo á casa, pechado para recoller o gado e curtir esterco". No caso do topónimo Curralvello, ao caracterizar ao nome da poboación, debe aludir, por tanto, á súa orixe como lugar onde se gardaba o gado. Semella, xa que logo, que era un lugar suficientemente lonxe dos núcleos poboacionais como para crearse alí un novo núcleo.
Hai moitas teorías para explicar a etimoloxía deste topónimo. Así, Corominas afirma que deriva de *currale («circo de carreiras»), á súa vez de currus 'carro'. Outros defenden que procede do latín currere 'correr'. Autores como Rivas Quintas relaciónano coas formas célticas cor-, corr- 'construción circular, curvo'.

No caso das terras As Currás, plural de curral, debe remitir a un sobrenome, referido a un antigo posesor das finca. De feito, esta é a forma máis sinxela de explicar o xénero feminino de currás, como construción típica na toponimia, que se adxectiva o nome para indicar o posesor (As terras de Currás > As Currás).
Sorportando esta interpretación está tamén o feito de Currás ser un apelido relativamente frecuente nesta zona, en particular en Vilalba e Xermade (cf. CAG).

O CURRO (O Viveiró)
O termo "curro" é recollido nos dicionarios con diversas acepcións. Para un topónimo, a máis probable é a común, definida no dicionario de Eladio Rodríguez como "lugar descuberto e cercado onde se encerran as cabalarías que se crían no monte para marcalas". Cf. DdD.

A CURUXEIRA (Muras -lugar do Rego da Parede, Irixoa)
Unha "curuxeira", abundancial de "curuxa", designa por tanto un lugar caracterizado pola presenza ou abundancia de ditas aves. Probablemente sexa un uso metafórico, remitindo a un "lugar en sitio elevado e con penascos". Cf. DdD.

DEBODAS (Muras -lugar de Debodas)
Este lugar figura atestado no Diccionario de Madoz (1850) con este mesmo nome. Aínda que actualmente está deshabitado, contaba daquela con 9 casas habitadas e un total de 45 persoas (cf. P. Madoz, 1850. "Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar").
A orixe do nome é incerto. Podemos pensar nunha orixe en "Lugar de Bodas", provindo "bodas" de bóvadas (remitindo a restos de construcións) ou de Bovadas (devesa de gado). 
Danos un pouco de luz Pascual Riesco ao indicar a existencia na provincia de León dun Las Bodas atestado no 928 como Bouata, no 1291 como Las Bouadas e xa Las Bodas no 1293 (cf. P. Riesco, 2019. "Toponimia de la provincia de Zamora. Panorámica documental, ...").
A forma "Bodas" como evolución de "bóvada" non ten nada de estraño, en canto a evolución do grupo -óva->-óa->-ó- non presenta gran dificuldade. Pola contra, a evolución a partir de Bovada (devesa de gado) sería estraña a evolución no galego (e tamén no castelán como recolle Riesco) do grupo -oá- > -ó-, e máis ben daría un **Bouda ou similar.
Poderíamos tamén pensar nunha orixe en  bŭda 'planta parecida ao carrizo', aínda que o exemplo de León indicado non torna moi probábel esta orixe. Ademais, se fose abundancial desa planta chamaríase máis ben "Bodal" ou "Bodeira", non "Bodas".

O DILUVIO DAS CABURNAS (Irixoa)
En canto á "diluvio", non atopamos motivación algunha.
Ver "As Caburnas".

OS EITOS LONGOS (Silán)
Un "eito" é cada anaco en que se divide un terreo para traballalo. É partillado en sucos nun labradío, en canto que nun prado ou monte son os anacos que quedan  cando se sega a herba ou cortan os toxos ao ir e volver, ata concluir. Cf. DdD.

OS EITOS TRAVESOS (Silán)
Ver "Os Eitos Longos".

A ENGOIBA (Muras -lugar de Bustelo)
Deturpación de "engroiba". Unha "engroiba", "engrobia" ou "engroba" é un "desfiladeiro, paso estreito entre montes ou outeiros". Cf. DdD.
Hai un "As Engrobias" en Galdo, o cal confirma o uso deste apelativo na contorna.

ENTRE OS RELOS (O Burgo)
Significado incerto por descoñecimento do lugar. Entre as acepcións para "relo", a única que encaixaría é a de "muíño relo", que se trata dun "muíño primitivo que só funciona no invierno coa auga dos regatos", ou tamén dunha "cale que leva a auga da represa ao muíño ou aos canos de regadío" (cf. DdD).

ENTRELOSXISTRÁS (O Viveiró)
Lugar situado entre "xistrás", plural de "xistral".
A acepción axeitada para Xistral, se estou no certo, é a de lugar onde abunda (ou abundou) a planta chamada "xistra" (meum athamanticum), tal como indicamos no artigo "Xistral" do blog Pena da Cataverna.

A ENTRETICIA (O Viveiró)
Significado incerto. Existe unha "La Entreticia" en Asturias.

O ENTULLO (Ambosores)
Lugar onde hai restos de pedras e terra arrastradas por unha corrente de auga, ou que se depositan no leito dun río, ou por acción humana.

A ENXA (O Burgo)
Significado e orixe incertas. 
Aventuramos unha orixe no paleoeuropeo *Alesia, ou *Alescia, derivado da raíz indoeuropea *el 'fluír'. Este termo *alesia sería similar á orixe de Alija (León). O tema paleoeuropeo *al- é tratado ampliamente por Bascuas. Cf. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". 
A evolución sería *Alesia > *Aeija Eixa > Enxa. A nasalización non sería un feito excepcional, senón o mesmo que ocorre en moitos casos como aixada> enxada,  fraixo > franxo, etc.
O Nomenclator rexistra tamén un "Monte da Enxa", en Baroña (Porto do Son). Igualmente se rexistra "Enxeira" en Cariño, talvez abundancial de "enxa", sexa o que for.

A ENXERTADA (Silán)
Indicativo de que orixinariamente sería un lugar con árbores enxertadas, probablemente castiñeiros, segundo indica, entre outros, Gonzalo Navaza  (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

O ERBELLAL (O Burgo)
Grafía alternativa de "ervellal", lugar onde abundan as ervellas (planta leguminosa trepadora).

O ESCADÓN (Muras -lugar da Cabana)
Aumentativo de "escada", escaleira.

O ESCAIRO (O Burgo)
O dicionario defíneo como "pasadizo para atravesar un valado", e tamén "Escaleira rústica feita con pedras nun comareiro, o con ocos formados coa misma terra do comareiro".

A ESCANAVADA (Silán)
Aínda que non o recolle os dicionarios de galego, podemos interpretalo como un derivado co  prefixo ex-, indicando aquí unha acción de extracción, neste caso de canaveiras (canas bravas, carrizos), no mesmo sentido que estoxar "quitar os toxos". Aludiría por tanto a unha finca que antes de ser labrada estivo a bravo con canaveiras ou canas. 

Por outro lado, Pascual Riesco dálle a interpretación como forma deturpada por "escadavada" (cf. P. Riesco, 2011. "Testimonios toponímicos del léxico arcaico de las provincias leonesas). No entanto, dado que só atopamos en Galiza unha "Escadavada (en Vilalba) e sete "Escanavada", sería estraño que a forma maioritaria fose a deturpada, polo que creo que son topónimos distintos.
O Nomenclator rexistra outras non moi lonxe: ESCANAVADA en Cabanas (O Vicedo), un MONTE DA ESCANAVADA (Viveiro). Con grafía incorrecta existe A ESCANABADA en Xustás (Cospeito).

A ESCARRANCADA (O Viveiró)
Relacionado con "carranco", na acepción de "encosta", "ladeira", "lugar peado", similar a barranco. 
Atopamos inclusive en siciliano a forma análoga carrancu 'lugar escarpado'.
Deriva da raíz prerromana *kar- ''rocha, lugar pedregoso'. 

O ESCOIRAMA (Silán)
Posiblemente de *"escoirame", conxunto de escoira.

ESCOIRAS DE BAIXO (Silán)
A "escoira" ou "escoura", é o refugallo de pedra, ou a pedra de cor do ferro (cf. DdD). Por veces sería produto de labores metalúrxicos.

O ESPIÑAREGO (Muras -lugar da Abelaira)
Topónimo que remite  a un lugar onde abundan os espiños.
O sufixo relacional -ega /-ego, de orixe prerromana, aparece na toponimia por veces como abundancial para cereais e outras plantas, así atopamos tamén "Millarega" (millo miúdo), "Escanarega" (escanla), "Pallarega", ou "Pomarega".
Gonzalo Navaza indica  que o sufixo -ega é "característico da fitotoponimia luguesa"(cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega"). Neste concello atopamos igualmente As Silvaregas e As Pallaregas.

A ESPORA (Irixoa)
Remite á orografía do terreo, "saliente", "couce", pola forma de 'pata de ave'. A orixe é no gótico *spaura 'espora' (cf. Corominas, DCECH, s.v. espuela).

OS ESTALLÓS (Muras -lugar de Guimarás)
Aumentativo de "estallo", posiblemente relacionado con "estalla", no significado de "lucha", "pequena partición de terra".

A ESTANTE (O Viveiró -lugar de Astante)
Tamén transcrito como "Astante". Ver "Astante".

A ESTIBADA (O Viveiró, A Balsa, O Viveiró -lugar de Manzoi, Irixoa)
A ESTIBADA GRANDE (Muras -lugar da Abelaira)
A ESTIBADA PEQUENA  (Muras -lugar da Abelaira)
AS ESTIBADAS (Silán)
Xa Sarmiento indicou que unha estivada era “labor que consiste en rozar o monte, queimar a broza cortada, arar a terra e sementala de trigo ou centeo”. 
Concretamente, o  termo "estivada" ten varias acepcións, relacionadas coas antigas "rozas":
  • o mesmo que "roza": operación de cavar un anaco de monte ou terreo inculto, xuntando a broza e facendo borralleiras para despois sementar trigo ou centeo.
  • Terra na que foi feita unha roza despois de extenderse as borrallas desta.
  • Peche dunha herdade con terróns.
Para maior detalle, ver o estudo de Gonzalo Navaza  aquí, así como a información indicada por Eladio Rodríguez aquí.

O ESTIBO (Muras -lugar da Cabana)
O dicionario define "estibo" como "terreo labradío con varias parcelas de distintos donos".
Posiblemente orixinado nunha estivada (roza). Ver "A Estibada".

A ESTREIRA (O Burgo)
Unha "estreira" é un conxunto de cousas "estradas", esparexidas. Descoñecemos a razón deste topónimo.

O FARNEL (Irixoa)
O termo "Farnel" defíneo o dicionario como "fardel: Saco onde se levam as provisões, roupas, etc., para a viagem". Tamén ten a acepción de "Persoa mal configurada ou vestida" (cf. Estraviz).
Probablemente remita ao alcume dun antigo posesor do predio.

O FEAL (Muras -lugar de Suaschousas, Muras -lugar da Paleira, O Viveiró, A Balsa, Muras -lugar de Musdradas, A Balsa, Silán, Muras -lugar de Bustelo, Muras -lugar de Xelgaiz)
Un "feal" indica un herbal, un terreo que produce "feo", herba de pasto, probablemente silvestre (Deschampsia flexuosa).
Por extensión,  “feal” indicaría “prado que se sega”. Así, na documentación medieval atopamos exemplos como:
         “ ... e deuesas e feaes e cortes e cortiñas, ...” (LUCAS, 1991:428).

A FELLA (Muras -lugar de Rioseco, Muras -lugar de Debodas)
AS FELLAS (Muras -lugar de Rioseco, Muras -lugar de Debodas)
Debe provir de "as terras fellas", aludindo ao antigo posesor destas terras, que sería oriúndo de Felle (Irixoa). É unha construción típica na toponimia, que se adxectiva o nome para indicar o posesor (As terras de Felle > As Fellas).

FELLE DE ABAIXO (Irixoa)
FELLE DE ARRIBA (Irixoa)
De *(uilla) Fidelii, forma en xenitivo Fidelius, remitindo ao nome do antigo posesor (e talvez fundador) da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola) que deu orixe ao actual núcleo de poboación. É un nome de orixe latina.

O FELPÓN (Muras -lugar do Coto)
Debe tratarse dun alcume, aludindo a un antigo posesor destes terreos. Como alcume podemos talvez interpretalo, seguindo a Rosario Soto para o alcume Felpinus (séc. XIII),  como "peludo, pero tamén podemos pensar nun comerciante ou fabricante dese tecido, ou simplemente na persoa que o viste". Indica ademais que o atestamento desta voz Felpón, en plural Felpoes ocorre no séc XIII, o mesmo para Felpinus, Felpeiro no séc. XIV e Felpeto no séc. XVI (cf. R. Soto, 2018. "Alcumes e sobrenomes medievais en Galicia"). Tmén aparece un Felpelo atestado no séc. XIII (cf. L. Méndez, 2020. "O Tombo das viñas de Ribadavia. Estudo histórico e lingüístico").

É interesante reparar que no mesmo concello atopamos os microtopónimos O Felpón, O Folpón, O Felpeto e O Feltraño. Isto semella apuntar a que  Felpón e Felpeto aludisen a comerciantes de felpa, e de feltro para O Feltraño.
Atopamos O Folpón no Viveiró, un Felpós como poboación de Palas de Rei, e un Os Felposos para un terreo en Bravos (Ourol).

O FELTRAÑO (Muras -lugar de Bestemuz)
O nome deste monte alude ao alcume dun antigo posesor. Como alcume xa está atestado na Idade Media "Feltrello", tamén derivado de feltro con sufixo despectivo, e igualmente Feltrón 'home noxento, mullereiro' (cf. R. Soto, 2018. "Alcumes e sobrenomes medievais en Galicia").

É significativa a existencia dunha Ponte de Foltreiro e Muíño de Foltreiro en Catoira, que confirman a hipótese de ser sobrenome e non cualificativo de terras.
Tamén rexistra o Nomenclator un Feltraño en Muras, dúas A Feltreira nos concellos de Cangas e outra en Moaña, así como unha A Faltreira tamén en Moaña, e mais O Feltro en Cospeito. Igualmente hai O Foltreiro e Foltrón en Brión e un O Foltreiro en Faro (Viveiro).

O FERREIRO (A Balsa -lugar de Ferreiro) 
FERREIROS (A Balsa -lugar de Ferreiros)
Topónimo transparente,  do latín ferrariu ‘que ten por oficio traballar o ferro’.
Refiriríase por tanto á profesión dos antigos donos ou habitantes do lugar, un
oficio relevante na Idade Media e nos séculos posteriores e que conformou tamén un dos gremios máis importantes.
É un topónimo bastante común das entidades de poboación na toponimia galega, habendo dez parroquias Ferreiros, dúas Ferreirós (< ferrariŏlos un diminutivo) e preto de cincuenta núcleos de poboación.

A FERVENZA DE XIMARÁS (Muras -lugar de Sanxillao)
Ver "Ximarás".

AS FIOSAS (Silán)
O termo "fiosa" indicaría abundancia de "feo", herba de pasto, probablemente silvestre (Deschampsia flexuosa). Aínda que o dicionario dalle un significado máis específico "lugar resgardado cerca dos cumes, ás veces coincidente con prado" (cf. DdD), non cremos sexa o caso, senón que ten o significado etimolóxico. De feito, existe tamén en Muras a "Fonte dos feás".

AS FOLGUEIRAS (O Burgo)
A FOLGUEIRA (Muras -lugar das Covelas, Muras -lugar da Fraga Chá, Muras -lugar das Aguias, Muras -lugar dae Freán, Muras -lugar de Musdradas, Muras -lugar do Cal, Muras -lugar de Prado, O BurgoO Viveiró)
A FOLGUEIROSA (Irixoa -lugar do Couce, Irixoa, O Burgo)
Os topónimos Folgueira/o, Folgueiral, Folgueirosa remiten a un lugar no cal abundan os felgos.

O FOLPÓN (O Viveiró)
Debe tratarse dun alcume, aludindo a un antigo posesor destes terreos. 
Ver "O FELPÓN" para máis detalles.

A FONQUEIXEIRA (A Balsa -lugar da Fonqueixeira)
De "Fonte Queixeira", do latín capsaria, por estar "encaixada", nun lugar fondo. Non parece que estea relacionado co adxectivo "queixeira", de "queixa" ou "queixo".

Existe outra "Funqueixeira" en Portocelo (Xove).

A FONTE DA ALBUGA (O Sisto)
FONTE DA ALBUGA (Muras -lugar de Baxín, Muras -lugar de Suaschousas)
O termo "albuga" significaba no galego medieval, un estilo de frauta (cf. aquí). Podería referirse á forma da espicha.

A FONTE DA AMOSA (Irixoa)
Ver "A Amosa".

A FONTE DA FIOSA (O Viveiró)
O termo "fiosa" indicaría abundancia de "feo", herba de pasto. Aínda que o dicionario dalle un significado máis específico "Lugar resgardado cerca dos cumes, ás veces coincidente con prado." ( cf. DdD), non cremos que sexa o caso, senón que ten o significado etimolóxico; de feito, existe tamén en Muras a "Fonte dos feás".

A FONTE DA GALIÑA (Muras -lugar de Bestemuz, Muras -lugar de Abeledo, O Viveiró)
Alén dun posible significado relativo a algunha anecdota ou lenda que descoñecemos, podería estar relacionada con formacións rochosas. Ver "A Galiña Medrosa" para máis detalles.

FONTE DE GOÍA (O Burgo)
Este lugar está atestado no Catastro de Ensenada de Muras (1753) ao describir os límites da freguesía
 ...  "lagoa de Guhia".
O topónimo deriva de Gaudila, o nome altomedieval, que correspondería coa forma hipocorística de Gauda, nome de orixe xermánica.
Estaríamos ante unha evolución normal no galego en Gaudila > Goía, coa caída do -d- e do -l- intervocálicos. Da mesma raíz atopamos en Galiza tamén o topónimo Goiás (<Gaudilanis, forma en xenitivo de Gaudila).
É de notar que pode gardar relación co Goía existente en Lousada (Xermade).
Este antropónimo está atestado en Galiza, na documentación do Tombo de Sobrado do século X atopamos "hereditate que habemus de patre nostro Gaudila et matre nostra Uistrilli".

FONTE DO ENCANTO (Muras -lugar de Boca da Grande)
Para "Encanto", ver "A Pena do Encanto".

FONTE DO FIXÓN (O Viveiró)
A voz "fixón" vén de "foxón", aumentativo de "foxo" (furada)
A evolución foxón>fixón é común en galego, o "o" átono evolúe para "i" ao ir seguido de palatal; así, existen topónimos como "Fixoa", de "foxoa", "Fixouco" de "Foxouco", "Tixoso" de Toxoso, "filloa" de "folloa", etc.

A FONTE DOS FEÁS (Muras -lugar da Abidueira)
O termo feás alude á abundancia de "feo", herba de pasto, probablemente silvestre (Deschampsia flexuosa). 

A FONTE LOBEDA (Muras  -lugar do Pico dos Paraños)
Talvez "lobeda" indique abundancial de lobos, lugar onde abundan os lobos. Porén, parece máis probable a relación coa raíz prelatina *lup-/*lub- referente a hidrónimos.

A FONTE ROCÍN (Muras -lugar de Sanxillao, Muras -lugar da Armada)
Ver "O Rocín".

A FONTE ROMEU (O Viveiró)
Ver O ROMEU.

AS FONTELAS (Muras -lugar de Bestemuz, O Viveiró, O Burgo, Silán)
A voz "fontela" remite a unha fonte cun caudal escaso.
É unha forma derivada de "fonte", co antigo sufixo diminutivo -ela. Derivaría directamente do latín fontanella(m) (cf. R. Álvarez, "Dialectoloxía e toponimia: Fontán, Fontenla, Fontaíña").

AS FORCADAS (Muras -lugar de Musdradas)
Termo relativo a unha bifurcación (de río, camiño, cordal).  Na toponimia atopamos frecuentemente a aplicación de termos derivados de forca (Forcada, Forcadela, Forcadiña, Forqueta) para referirse a confluencia de ríos ou regatos. De feito, neste mesmos concellos atopamos varios "Forcón" e Forcós, con similar alusión.
Dada a súa frecuencia en Galiza, podemos descartar que fosen orixinados nunha referencia ao aparello "forcada" ou "forqueta", pois sería un topónimo anecdótico e non se darían con tal frecuencia.
A mesma interpretación dáa Corominas para a toponimia catalá, con alta frecuencia dos correspondentes "Forques", Forcat(s), Forcada (-es), Forcall, Forquet, aludindo a un accidente xeográfico, a unha bifurcación nun camiño, río, val ou barranco.

OS GALLÓS (Muras -lugar do Caraceiro)
OS GALLOS DO BIDUEIRAL (Silán)
Os termos "Gallós" e "Gallos" probablemente indiquen nestes casos "abundancia de rochas", e proviría do tema prerromano *kal(l)- 'rocha'. Ver entrada específica no blog Pena da Cataverna para máis detalles.

O FORCÓN (Muras -lugar de Caraceiro, Muras -lugar de Xelgaiz, Muras -lugar de Guimarás)
FORCÓS (O Viveiró -lugar de Forcós)
OS FORCÓS DA PENA DA MEDA (Muras -lugar de Xelgaiz)
O dicionario define "forcón" como "pau rematado en dúas gallas pequenas que serve de soporte ou apoio a algo". A súa aplicación na toponimia, deste e doutros derivados de "forca", é relativamente frecuente, referindo xeralmente a unha bifurcación de río ou regato. 
Tamén podería referir a bifurcación dun camiño, ou de montañas; neste último caso, sería no sentido de "desfiladeiro". A acepción de "forca" como "desfiladeiro", aínda que no galego actual non se rexistre, en portugués si que se conserva.

Ver "Pena da Meda" para a segunda parte deste topónimo.

FORNELOS (O Viveiró -lugar de Fornelos)
Os dicionarios de galego definen a voz "fornela" como "boca do forno" e mais "sitio para a cinza, debaixo ou ao pé do forno". Tamén ten a acepción de "alacena na parede".
A motivación para os topónimos Fornela e Fornelo(s) é xeralmente metafórica, para se refererir a dolmens ou a pequenas covas. Tal como indica Manuel Lorenzo (cf. Toponimia de Dodro e de Laíño), "díselle ás mámoas fornos e fornelas dos mouros". Tamén indicou Almeida Fernandes que "a metáfora dolménica e a espeleológica são as únicas que, salvo casos especiais, podem satisfacer à congruência toponímica" (cf. A. de Almeida Fernandes, 1991-1993. "Taraucae Monumenta Historica - Livro das doações de Tarouca, I/1: Documenta; I/2: Indices & Studia (Anthroponymia); I/3: Indices & Studia (Toponymia) (Institutiones) (Communia Verba)").
Esta motivación arqueolóxica é por veces evidente, como no caso do topónimo "A Fornela" (Cariño), onde ao pé do lugar atópase a Mámoa de Fornela.
No entanto, tampouco se pode excluír que nalgún caso fixese alusión a forno de tella, de olas, ou a forxa de ferreiros.

O FORRÓN (Silán)
Podería tratarse do alcume dun antigo propietario do lugar. En efecto, os dicionarios de galego rcollen "forrón" como sinónimo de "aforrón", "aforrador". A etimoloxía é do árabe hurr, segudo Corominas e outros.
Tamén o filólogo Palacio interpretou do mesmo modo outro Forrón existente en Pantón (cf. J. A. Palacio, 1981. "Toponimia de Pantón").

O FOXO (A Balsa, O Burgo, Muras -lugar do Porto Novo)
O apelativo "foxo" vén do latín  fovea, e indica unha furada, un furado grande. Moitas veces os foxos eran trampas para lobos e outras alimarias. En efecto, o uso máis frecuente de foxo estaba ligado á caza. Di Viterbo (cf. Viterbo, "Elucidário", 1798):
       "era e é o fojo uma cova funda e redonda para tomar lobos e outras feras"
Por tanto, neste lugar talvez houvese unha trampa (para caza de animais) ou talvez indique simplemente un desnivel (valado) do terreo ou tamén a existencia dunha cova. 

Os "foxos" para a caza de lobos e outras alimarias eran de responsabilidade comunal. Nun documento  de 1623 o Corrixidor asinaba unha orde de prender a dous veciños de San Pantaión e de Riobarba por non acudiren a pechar o foxo.  Os veciños tiñan o labor "desde muchos siglos a esta parte, el remontar, correr y exterminar los muchos osos, lobos, jabalíes y otras fieras igualmente nocivas que se propagan en las montañas de aquella inmediación para impedir los estragos que solían causar no solo en los sembrados, sino en los ganados y poblaciones” (cf. Torrente; 1999. aqui)

Non se debe confundir "foxo" con "foso"("foxo" = port. fojo, cast. hoyo, mentres que foso = port. fosso, cast. foso) .

O FOZÓN (Muras -lugar da Armada)
Posiblemente derivado  do alcume dun antigo posesor ou, máis improbable, talvez remitindo a un lugar onde moran (e fozan) os porcos bravos.

FREÁN (Muras -lugar de Freán)
De *(uilla) Froiani, forma en xenitivo de Froianome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola). É un nome de orixe xermánica, de frauja 'señor'. 
Aínda que descoñecemos documentación antiga que proben esta orixe para este topónimo concreto, si é coñecida a orixe dun lugar "Freán" existente na freguesía de San Mamede de Carnota que figura atestado no Tombo de Toxos Outos como Frogiam e Froyan, o cal proba esta orixe como (case) segura (cf. p. 737 de F. J. Pérez. "Os documentos do tombo de Toxos Outos").

A FRAGA DA DEVESA (O Burgo)
Do latín terra defensa 'terra resguardada, vedada'. Significa "terras cercadas", xeralmente un terreo arborado acoutado con certas restricións e normalmente  destinado a pasto do gando.
Orixinariamente eran terras prohibidas para o pobo, do rei ou nobres, para cazar ou para explotación das árbores (carballos, etc).

A FRAGA DO FELPETO (O Burgo)
O nome Felpeto remitiría ao sobrenome dun antigo posesor desta fraga.
Como alcume podemos talvez interpretalo, seguindo a Rosario Soto para o caso Felpinus (séc. XIII),  como "peludo, pero tamén podemos pensar nun comerciante ou fabricante dese tecido, ou simplemente na persoa que o viste". Indica ademais que o atestamento desta voz Felpón, en plural "Felpoes" ocorre no séc XIII, o mesmo para Felpinus, Felpeiro no séc. XIV e Felpeto no séc. XVI (cf. R. Soto, 2018. "Alcumes e sobrenomes medievais en Galicia").
Non semella casual que neste mesmo concello atopemos O Felpón, O Felpeto e O Feltraño. Isto semella apuntar para ambos alcumes a hipótese de Felpón e Felpeto aludiren a comerciantes de felpa, e de feltro para O Feltraño.
Atopamos un Felpós como poboación de Palas de Rei, e un Os Felposos asociado a un terreo en Bravos (Ourol).

A FRAGA DAS BRALLAS (O Viveiró)
Talvez "brallas" relacionado co termo "varalla", de orixe incerta.

A FRAGA DAS CUÍÑAS (Muras -lugar das Ucheiras)
Ver "As Cuíñas".

A FRAGA DAS ESCOIRAS (Silán)
O termo "escoira" ou "escoura", ademáis de "residuo de metal", ten a acepción de pedra de cor do ferro.

A FRAGA DE AZAL (Muras -lugar de Santar de Riba)
A orixe do termo "Azal" é incerta. Podemos aventurar unha orixe en Ansarii, forma en xenitivo de Ansarius, antropónimo de orixe xermánica. 
A evolución Ansari > Assari non é estraña, o mesmo ocorreu co antropónimo atestado Ansuri > Assuri. A conseguinte evolución Assari ata Azal é común no galego.
O Nomenclator de Galiza rexistra un núcleo de poboación Asar en Navia de Suarna, que tería a mesma orixe.

A FRAGA DE BOUZOA DE ABAIXO (O Burgo)
Unha "bouzoa" é o diminutivo de "bouza".

A FRAGA DE SEILÁN (O Burgo)
O termo "Seilán" deriva dun  Segillani,  forma en xenitivo do antropónimo Segillanus ou do antropónimo Segila.

A FRAGA DE SUXARRÓN (O Burgo)
Probablemente "suxarrón" veña de "su-serrón", lugar situado ao pé do "serrón", montaña longa e picuda.

A FRAGA DE XIMARÁS (Muras -lugar da Armada)
Ver "A fervenza de Ximarás". 

A FRAGA DO CANEIRO (O Burgo)
O lugar do Caneiro está atestado no Catastro de Ensenada do Burgo (1753) ao describir os muíños da freguesía.
Un "caneiro" é unha canle, un canal, por veces usado para pescar.
Os "caneiros" xa foron definidos por Sarmiento como "Los canales de los ríos para la pesca" (M. Sarmiento (1746-1755c): Catálogo de voces y frases de la lengua gallega").
O dicionario de (M. Valladares (1884): Diccionario gallego-castellano") dalle un sentido máis específico, que talvez fose o caso:
  "Canal de pesca, compuesto ordinariamente de dos muros, ó estacadas, llamados guiares (V. guiar); muros, ó estacadas, que desde las opuestas orillas de un rio convergen en determinado punto del mismo, formando angulo, en cuyo vértice hay uno ó mas boquetes, para colocar las redes que son á manera de manga y destinadas por lo regular, á coger anguilas."

A FRAGA DO COUCE (Muras -lugar de Sumeiro, Muras -lugar de Santar de Riba)
O termo "couce" ten múltiples acepcións. Nestes casos de montes viría de calce  "calcañar", e designa por analoxía un "sitio de forma semicircular que remata en terraplén ou baixada pronunciada".  
Tamén Rivas Quintas indica que o topónimo couce aparece con frecuencia cun sentido topográfico de ‘fondal’, “base de monte” (cf. E. Rivas, "Lingua galega, historia e fenomenoloxía". 1989). 

A FRAGA DO ILLÓ (Silán)
Ver "O ILLÓ".

A FRAGA DO MALATO (Muras -lugar de Bestemuz)
Posiblemente signifique "fraga do leproso" ("malato"). Ver entrada específica para máis detalle no blog Pena da Cataverna.

O FRANCO DO LUGAR (Muras -lugar do Pico Verde)
Os termos "franco", "francos",  e similares poden ter relación con antigos colonos extra-peninsulares e/ou tamén por ter excencións de taxas.
Ver artigo específico no blog Pena da Cataverna.

A FURADA DO ENCANTO (A Balsa)
A referencia ao "Encanto" debe aludir a entornos míticos ou relixiosos antigos. 
Neste caso, A Furada do Encanto atópase ao pé de Trala Modia, aludindo a unha mámoa, posiblemente a mesma "furada" se trate do cono de escavación da mámoa.

Ver "A PENA DO ENCANTO" para máis detalles.

O FURADO DO PIMPÍN (Irixoa)
O termo "pimpín" pode estar relacionado con "pimpela", unha canle ou cano feita para que corra a auga (para que pingue).
Tamén en asturiano unha pimpana é unha fonte que mana gota a gota (=que pinga). Cf. aquí.

Hai lugares ou fontes "Pimpín" nas Ribeiras do Sor, en Mañón, nas Negradas, Viveiro, etc, polo que parece confirmar a relación con "pimpela" ("pinguela").

FURCO (Muras -lugar de Furco)
O termo "furco" ten varias acepcións. Neste caso, a máis probábel sería a de "foxo, furaco" (cf. Dicionário Estravis,  e tamén E. Rivas "Frampas").

A FURNA GRANDE (Silán)
AS FURNAS (Silán)
Unha "furna" defínea o dicionario de X. L. Franco como "cova subterránea que existe nun monte ou lugar áspero e brañoso."

O GABIÁN (Silán, O Viveiró)
É probábel que este topónimo faga referencia ao apelido dun antigo posesor. O apelido Gabián xa figura atestado en Galiza no século XII (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos").
Por outro lado, Joseph Piel indicou para os toponimos equivalentes portugueses Gavião que na maioría dos casos podería provir do nome da ave de rapina.  Noutros casos, difíciles de diferenciar, tería unha orixe nun nome de persoa, nunha (uilla) Gabilani, forma en xenitivo do nome Gabila ou Gabilo, o nome do antigo posesor da uilla (granxa, casal, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe xermánica (cf. páx. 376 de J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo III).
Alternativamente, de (agru) Gaudilani, dun antigo posuidor chamado Gaudila, nome de orixe xermánica. Cf. M. Costa, FrornareaTería evoluído en certo modo similar ao caso do verbo audire > ouir > ouvir). Ou tamén de (agru) Gabilani, forma en xenitivo xermánico de Gabilanome dun antigo posesor, nome de orixe xermánica (cf. p. 376, J. Piel "Os nomes germánicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo III). 

A GALIÑA MEDROSA (Silán)
Alén dun posible significado relativo a algunha anecdota ou lenda que descoñecemos, os topónimos "galo", "galiña" ou "galiñeiro", pese ao significado obvio, moitas veces a súa localización está relacionada con formacións rochosas, polo que pode ser metafórico por se atoparen en lugares elevados, ou agachar tras del unha orixe no tema prerromano *kal(l)- 'rocha'. Ver o blog Pena da Cataverna para máis detalles.
Alternativamente, Cabeza Quiles vincula os topónimos "Galiñeiro"  e "Galiña" con formacións rochosas que lembren a cresta deses animais ou fainos derivar tamén da raíz prerromana indicada.

A GALLADA DOS REGOS (O Burgo, Muras, O Viveiró)
AS GALLAS (O Burgo)
O GALLETE (O Viveiró)
O GALLÓN (O Viveiró)
Estes topónimos, derivados de "galla", deben aludir a unha "bifurcación", posiblemente de regos, tal como está explícito na "Gallada dos Regos".
Alternativamente, algún podería ter unha orixe no tema prerromano *kal(l)- 'rocha'. Ver blog Pena da Cataverna para máis detalles.

A GAÑIDOIRA (Muras -lugar do Pico dos Paraños, Muras -lugar de Leganitos, Muras -lugar do Pico Verde, Muras -lugar de Bestemuz, Muras -lugar de Furco)
Probablemente "gañidoira" proveña de "gañir", nun sentido extenso, dun lugar que roxe o vento ou similar, parello a "monte Bufadoiro" no Vicedo, e "A Pena que Fala" en Frexulfe (Valadouro), ou a Serra Faladora en Mañón.
Hai outro "As Gañidoiras" nas Pontes.

O GARAMALLO DE BAIXO (O Viveiró)
O GARAMALLO DE RIBA (O Viveiró)
Este lugar está atestado no Catastro de Ensenada do Viveiró (1753) ao describir os límites da freguesía, como "Llano do Garamallo".
Un "garamallo" defíneo o dicionario como "Póla, rama ou vástago de leña baixa do monte."

OS GARGALETES (O Viveiró)
Diminutivo de "gargalo", termo de orixe paleoeuropea (precéltica). O dicionario de A. Otero define "gargalo" como "terreo de mala calidade e pouco fondo", en canto que o dicionario de portugués defíneo como "pescoço, entrada estreita". Cf. Priberam.

GOIBETAS (O Burgo)
Derivado de "goiba", especie de formón acanalado.  En portugués chámase goivete. En asturiano aínda se conserva, coa forma "gubieta".
A aplicación á toponimia pode corresponder cunha das acepcións de "goiva" en portugués:  Passo estreito e profundo de corrente de água.

A GOLPILLEIRA DE ARRIBA (O Burgo)
AS GOLPILLEIRAS (Muras -lugar da Rega)
No Catastro de Ensenada do Burgo (1753) ao describir os muíños da freguesía está atestado o "Rego da gulpilleira".
Unha "golpilleira" refire a unha gorida ou cubil de golpes ("raposos"). O nome provén do latín vulpicularia, co mesmo significado, derivado de vulpes 'raposo', 'golpe'.
Existen varios topónimos en Galiza, como p. ex. no Vicedo. No portugués antigo tamén existía o mesmo nome, escrito "gulpilheira" 'terra onde abundam as raposas', e de feito presérvase na súa toponimia. Incluso atopamos o correspondente Goupillières en Francia, da mesma orixe e significado.

GONTELLE (O Burgo)
De (agru) Guntildiforma en xenitivo de Guntildusnome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola). É un nome de orixe xermánica. 

A GORGA (Muras -lugar de Musdradas)
Pode remitir a un 'vale estreito entre dous montes', que é o significado de "gorga" que se conserva nalgunhas zonas de fala galega do Bierzo (cf. aquí). Derivaría do latín tardío gurga ‘abismo, depresión no terreo, pantano". Nesta mesma interpretación, indica Luz Méndez que a palabra gorgueyra figura documentada no século XIII, co significado de ‘parte da vestidura relixiosa que rodea o pescozo; parte da armadura que protexe o pescozo'. Cf. L. Méndez. "Toponimia de Agolada".
Tamén pode ser un termo relacionado co gorgullo dos mananciais. Segundo E. Bascuas, sería un termo prerromano paleoeuropeo, derivado da raíz indoeuropea *gwer- (cf. p. 336, "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").
Para máis detalles, véxase o artigo sobre os topónimos relacionados no blog "Pena da Cataverna".
Non cremos que aluda a un lugar no que abunda a gorga,"barbas de raposo", planta parásita do liño e doutras plantas (cf. DdD), xa que é raro que nun topónimo figure en singular o nome dunha herba.

A GRANDELLA (Silán)
De "gandarella", diminutivo de "gándara".

OS GUERREIROS (Silán)
Alusión ao apelido dun antigo posesor. É unha construción típica na toponimia, que se adxectiva o nome para indicar o posesor. Neste caso refírese a unha zona de prados.
O apelido "Guerreiro", xa figura atestado en Galiza no século XIII (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos"). De feito, segundo o CAG, é un apelido frecuente na Mariña, e parece inferirse que tivo a súa orixe neste concello de Muras.

GUIMARÁS (Muras -lugar de Guimarás)
Primeiramente, notar que a pronuncia real usada ata moi recente foi Ximarás, e que a forma Guimarás é produto  da normativización toponímica da Xunta. Así o confirman os habitantes da freguesía, tal como nos indica Manue Gato.
Esta ultracorreción a "Guimarás", foi produto dunha interpretación errónea por parte dalgúns lingüistas, de tratarse dunha ultracorrección da gheada. En efecto, aínda que poida resultar estraña a evolución de Uimaranis ata Ximarás, con palatalización da consoante inicial, está en coherencia con varias series de topónimos, e nada ten que ver coa gheada (cf. X. L. González, 2021. "O topónimo Ximarás e o seu elenco").
Ver "XIMARÁS" para máis detalles.

O GUNDÍN DA ROXA (O Viveiró)
O termo "Gundín" deriva de (agru) Gundini, forma en xenitivo de Gundinus, nome dun antigo posesor nome de orixe xermánica.
Para o composto "Da Roxa", pódese aventurar a indicación de pertenza a unha persoa alcumada "A Roxa". 
Tamén podemos interpretar "DA ROXA" como "d'Arroxa", sendo Arroxa unha forma paralela a "arroxo" (arroio), de onde posiblemente virán as formas diminutivas ARROXOA e ARROXOÁ e ROXOÁ, presentes na toponimia galega.

OS GUNDÍS (O Viveiró)
De "(agros) gundís", pertencentes aos Gundín. O temo "Gundín" deriva de Gondini, forma en xenitivo de Gondinus, nome de orixe xermánica.

O ILLÓ (Muras -lugar de Abeledo, Muras -lugar das Pandas, Muras -lugar da Valiña, Muras -lugar de Casateita, Muras -lugar do Chao)
O ILLÓ VERDE (Irixoa, O Burgo)
A voz "illó" designa un sitio pequeno no que brota auga, e é pantanoso (cf. DdD). 
A orixe deste apelativo é controversa, hai quen o deriva do latín vulgar *oculiolu, (diminutivo de ollo), aínda que outros (e.g. o profesor Bascuas) derívano dun termo prerromano paleoeuropeo formado da raíz indoeuropea *wel- 'xirar'. Cf. p.142 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".

En canto a "O Illó Verde", aqui o adxectivo verde remite a un lugar moi vizoso, con vexetación abundante.

INCIÑÁN (O Burgo -lugar de Inciñán)
De (uilla) Ansilanisforma en xenitivo de Ansilanome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola). É un nome de orixe xermánica. 
Neste caso coidamos que se poden descartar relacións con "enciño" e con "enciñeira", pois encaixarían mal nun topónimo correspondente a un núcleo de poboación.

AS INFESTAS (Silán)
Os termos "infesta" e "enfesta"  defíneos o dicionario como "lugares elevados", do latín infestus ‘erguido’, o termo enfesta ou infesta está definido como ‘pico ou cumio’".

AS INSUAS (O Sisto)
Do latín insula. É interesante remarcar que, tanto no portugués como no galego, "insua" xeralmente refire a terreo rodeado en parte pola auga, xeralmente por un río, podendo ser unha península no río, ou incluso un lugar no medio de dous ríos. 

INVERNÉS (Muras -lugar de Invernés)
No Catastro de Ensenada do Burgo (1753) ao describir os muíños da freguesía está atestado como "Inbernes". 
O nomenclator de Galicia rexistra, amais deste Invernés, os topónimos Invernego, As Invernega(s) e Inverniza(s). Todos eles poderían referir ás condicións do clima en xeral do lugar, pero parece máis probable que adxectiven a unha paraxe usada no inverno, ben para pastos ou ben para refuxio de persoas ou animais. 

Rexistra Krüger este Invernés cando fala dos poboados de refuxio de inverno:
 En la designación, a menudo se distingue especialmente entre residencia de verano y refugio de invierno: la braniza, finca de verano en el puerto, e invernal, establo que hay en los puertos de invierno en la montaña cantábrica, así como brandas e inverneiras, poblados de verano e invierno en la región de Castro-Laboreiro. Este dualismo se perpetúa también en innumerables nombres de lugar: Enverniego en el concejo de Luarca en Asturias, Jnvernadero en Lugo, Invernal, Invernego en el ayuntamiento de Fonsagrada, Invernallas en el ayuntamiento de Navia de Suarna, Invernegas en el ayuntamiento de Santiago de Mondoñedo, Invernés en el de San Pedro de Muras (cf. F. Krüger, "Las Brañas").

Están relacionados, por tanto, con "invernar" 'Pasar o Inverno en lugar abrigado'. Invernadoiro está tamén rexistrado na toponimia. Os dicionarios de castelán recollen para "invernal" a acepción de "Establo en el que se recoge el ganado en los invernaderos".

Notar que no caso de "invernadoiro" o significado é máis xeral. Eladio Rodríguez recolle para invernadeiro:
  • Invernadero, sitio cómodo y a propósito para invernar.
  • Paraje destinado para que pasten los ganados en invierno.
IRIXOA (Irixoa)
Do latín ecclesiola "igrexa pequena". De feito, este lugar queda a rentes da igrexa parroquial.
É interesante reparar en que neste concello se dá a transición entre as formas -oá e máis a -oa  para o sufixo diminutivo derivado do latín -ŏla. Así atopamos topónimos, "Xunqueiroá", "Cabreiroá", en paralelo con este Irixoa, ou "Eiroa", "Bouzoa". As distintas variantes foron estudadas por Pérez Capelo (cf. C. Pérez Capelo, "Toponimia e variación dialectal en galego. Os topónimos rematados en -oa, -oá, -úa, -uá". 2015).

No século XVIII atopámolo atestado como "Irijôa" (cf. aquí "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

A IRLA (O Burgo, Silán)
A voz "irla" designa "unha pena alta, unha cima". Cf. DdD.

AS LABRADAS (Muras -lugar da Cabana)
Topónimo frecuente, co significado transparente de terras labradas, cultivadas. Xa non é tan obvio se aluden a terras que pasaron de monte a seren labradas ou ben que foron labradas e máis tarde foron deixadas a bravío. Calquera das dúas motivacións son posibles.

A LAMESTRA (Muras -lugar de Porto dos Paos)
O termo "lamestra" é derivado de "lama", de orixe prelatina. Nos topónimos, moitas veces "Lama" remite a "terreo de pastos para o gado", que tivo un uso frecuente na Idade Media, e aínda o ten en moitas zonas de Galiza. 
O sufixo -estra, correspondente co sufixo latino -astra, dalle certo significado pexorativo.
É un termo relativamente frecuente na toponimia galega, así, o Nomenclator rexistra "A Lamestra" en Cangas (Foz), "As Lamestras" en Morás (Xove), "Rego da Lamestra" en Alfoz, etc.

AS LAMÉSTRICAS (Muras -lugar de Curralvello)
Os termos "lamestra", "laméstriga" e "laméstrica" deriva de "lama", termo de orixe prelatina. Nestes casos, "lama"  ten probablemente a acepción de "terreo de pastos para o gado". O sufixo -estra, tamén de orixe prelatina, corresponde co sufixo latino -astra, con significado pexorativo.
É un termo relativamente frecuente na toponimia galega, así, encontramos "As Lamestras" en Morás (Xove).

AS LANCHAS (Muras -lugar de Abeledo)
O termo "lancha", alén da acepción náutica, ten tamén a de "laxe grande", pedra chá e extensa (cf. DdD), que sería a correspondente a este topónimo.

A LANZA (Silán)
O termo "lanza" é incerto no contexto de topónimo. 
Podería estar relacionado con topónimos como "Lanzós" e "Lanzás", e aínda con "Landro", todos eles, talvez, podemos derivalo da raíz indoeuropea *lendh- 'terra aberta, campo, landa' (cf. Pokorny IEW 675).
Dada a terminación -anza, presente (aínda que non exclusiva) na hidronimia de orixe paleoeuropea (pre-celta), podemos interpretar este topónimo como hidrónimo paleoeuropeo. De feito, "A Lanza" podería provir dunha falsa división de "Alanza", dun antigo termo de orixe prelatina *Aslantia, do que tamén deriva o río español "Arlanza".

O LEBOREIRO (O Viveiró)
Referido a lugar onde abundaban as lebres ou coellos.

LEGANITOS (Muras -lugar de Leganitos)
O nome deste lugar é de orixe e motivación problemsática. Primeiro resaltar a súa coincidencia co dunha rúa de Madrid, a cal tomou o nome dun antigo arroio, citado incluso por Cervantes no Quixote. Corominas postulou a orixe mozárabe de tanto Leganés como Leganitos, a partir da voz mozárabe “Leganets”. 
Aínda que a unha orixe directa nunha voz prerromana sexa posibel, semella máis probable que este topónimo galego sexa importado, que fose “transplantado” por migrantes medievais: tanto polo moi infrecuente en galego do sufixo -ito (aínda que temos "cabrito") como tamén como pola conservación do -n- intervocálico, pouco explicable en galego doutro modo.  En concreto, podemos pensar en que "Leganito" sería un nome traído por habitantes de orixe mozárabe, do centro ou sur peninsular. A data do poboamento debeu ser tardomedieval, para lle permitir conservar o ‘n’ intervocálico.
En efecto, estamos nunha zona, en particular este concello de Muras, con presenza de topónimos interpretábeis en base a un poboamento mozárabe (ou de ex-escravos musulmáns), tales como este Leganitos, Mezquita, Mouriscón.

Para o nome da rúa indicada, Coromines relacionouno co castelán légamo,  légano "barro pegadizo". Para tales termos casteláns, hai quen lles asigna unha orixe na raíz indoeuropea *legh- "deitarse" (cf aquí), talvez relacionados co céltico *lega 'sedimento, capa' (cf. aquí).

Como topónimos relacionados, ademais dos comentados Leganitos e Leganés en Madrid, hai tamén outro Leganitos en Sta. María de Sando (Salamanca), así como Los Leganares en Segovia, Leganales en Valladolid, Leganiel en Cuenca. 
É preciso reparar na existencia dun "Legomorto" en Benquerencia (Barreiros), que talvez nos forzase a repensalo e remitirnos a unha orixe non foránea.

A LEIRA DE OROSA (Muras -lugar de Xelgaiz)
O termo "Orosa" neste caso pode corresponder co apelido do antigo posesor, á súa vez remitindo a un lugar chamado Orosa.
En xeral, o topónimo "Orosa" deriva de "hedrosa", sitio no que abundan as hedras (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia Galega").

A LEIRA DE GATO (Muras)
O termo "Gato" neste caso debe aludir ao apelido do antigo posesor, tal como ocorre coas ACEAS DE GATO ou , xa con distinto apelido, coa LEIRA DE OROSA. En efecto, o apelido "Gato" é frecuente en toda a contorna.

A LEIRA DO FORO (O Burgo)
Topónimo que alude a unha leira suxeita a un foro.
O termo "foro" tivo en Galiza o significado de ‘dominio sobre unha propiedade’, e de aí pasou a designar un ‘Contrato consensual, comunísimo en Galicia en pasados tempos, polo que unha persoa cedía a outra, ordinariamente por tres xeracións, o dominio dunha cousa inmoble, mediante certo canon ou pensión anual" (cf. E. Rodríguez, Dicionario).
En palabras de Sarmiento;
 "Sobre todo hay en Galicia aquella especie de arriendos que llaman foros. Foro es dar a uno una posesión que la cultive y usufructúe por el tiempo de tres generaciones. Hoy solo se hacen por tres vidas de reyes, pero en lo antiguo se hacían los foros por tres vidas de particulares y veintinueve años más..." (cf. "Onomástico etimológico de la lengua gallega", ed. de J. L. Pensado). 

O LEIRO (A Balsa, O Viveiró)
Un "leiro" defíneo o dicionario como "finca de cultivo", xeralmente coa acepción de "terreo labradío de pouca extensión". "Terreo longo e estreito, destinado polo xeral a horta". Cf. DdD.

A LESTEGUEIRA (Muras -lugar da Rega)
A LISTIGUEIRA (Muras -lugar da Carballosa, Muras -lugar da Pena da Xelgaiz, Ambosores)
Estes topónimos remiten a un lugar onde abunda (ou abundou) a planta chamada lesta. De feito, hai un "Lestido" non lonxe, nas Grañas do Sor (Mañón), que parece reforzar esta hipótese, e tamén un "Prado da Lesta" en Suaschousas e "A Costa da Lesta" en Silán. Con todo, é soamente unha posibilidade, e Navaza non o incluíu na súa obra "Fitotoponimia galega".
O Nomenclator rexistra outro "Lastigueira" en Cabanas (O Vicedo) e  outro en Ortigueira.

LIÑEIRO (Irixoa -lugar de Liñeiro)
O termo "liñeiro" ten dúas acepcións principais:  "liñar, terreo onde se cultiva o liño", e "persoa que se adica ao comerzo do liño" (cf. DdD). Xa en portugués, a acepción de "linheiro" é a de "persoa que negocia co liño" e "persoa que carda o liño" (cf. priberam).
É difícil unha escolla, por tanto, entre calquera das dúas acepcións principais: un terreo onde se cultiva o liño ou un terreo pertencente a unha persoa que trata co liño. No entanto, G. Navaza inclínase pola acepción de "liñar" (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").

Xa outras dúas acepcións máis residuais, a de sinónimo de "leñeiro", lugar onde abunda a leña, e a de sinónimo de niño; cremos que non son usadas nesta zona, e non semella probable de teren sido usadas nun pasado.

A artesanía do liño tivo relevancia en Galiza, especialmente nas zonas do litoral e nalgúns vales do interior. O maior apoxeo desta industria artesanal deuse de mediados do século XVIII ata primeiro terzo do XIX. Neste período tecíase liño do país pero tamén de fóra, que entraba polos portos de Ribadeo, Carril e Vigo. Unha vez confeccionado o lenzo, era exportado para Castela e para América.

AS LONGARELAS (O Viveiró)
Este topónimo alude a (terras) longarelas, 'terras alongadas, un pouco longas'. En efecto, "longarela" é diminutivo de "lóngara", o cal está recollido en galego co significado de "terreo de forma alongada" (cf. Rivas Quintas,  Frampas).

En canto á etimoloxía, termo "longara" xa aparece atestado en documentos galegos en latín do ano 936 :
   ".. estremiro, ipsa terra que iacet de vallo usque in Longara, ipsa vinea cum suos pumares, et ipsa terra" (cf. CODOLGA)
Ao non aparecer atestado ningunha vez nin "longula" nin "longola", podemos pensar que non deriva de longula, senón directamente do sufixo -ara, tal como gándara.
Neste caso, é de reparar, xa que logo, o dobre diminutivo que presenta. Probablemente co pasar do temo seguiron sendo leiras estreitas, perdeuse o sentido diminutivo de -ara, e foille engadido un novo diminutivo, para volver a significar "un pouco longas".

O LUGAR DO CASEIRO  (O Viveiró)
Topónimo que alude á condición de "caseiro" que tería o dono ou alugueiro do predio. A voz caseiro remite a unha "persoa que traballa a medias ou como alugueiro as terras dun amo ou que coida dos bens dunha persoa ausente" (cf. DRAG).

O MACHUCO (O Burgo)
Neste contexto, a acepción do termo "machuco" corresponde co diminutivo de "macho", na acepción de "mazo", do latín marculum 'martelo pequeno'. Remite á existencia dun  mazo hidráulico, movido pola forza do río. De feito, localízase nunha zona de prados. Outras veces viría de "Casa de machuco", nome aínda usado no século XVIII pra se referir, por extensión, a unha ferraría.

MALAMOL (O Viveiró)
Orixe incerta. Talvez derivado da raíz prerromana *mal(l) "pena, rocha, altura".

AS MALATAS (Muras -lugar de Casateita)
Posiblemente aluda á condición do posesor do predio, como persoa con enfermidade da pel, en particular "leproso".
Ver entrada específica para máis detalle no blog Pena da Cataverna.

A MANDIÁ (Muras -lugar de Debodas, Muras -lugar da Carballosa)
Podería tratarse dunha referencia a un antigo posesor de apelido Mandiá, que ten a orixe na freguesía dese nome, en Ferrol. Este lugar de Ferrol remite a unha (uilla) Mandilani  altomedieval (granxa, explotación agrícola), indicando a pertenza a Mandilanome do antigo posesor. É un nome de orixe xermánica.

Porén, como atopamos varios microtopónimos Mandiá nas Somozas, podemos tamén pensar que alí houbo tamén unha uilla Mandilani altomedieval, polo que este lugar de Muras da Mandiá pode remitir a posesores daquela antiga poboación.
Tampouco se pode descartar a priori que tamén esta Mandiá de Muras poida tratarse directamente dos vestixios dunha *(uilla) Mandilani  altomedieval.

Descartamos que aluda a oriúndos do val do río Mandeo: ademais de quedar o río Mandeo algo lonxe, é improbábel que aparezan sempre en feminino, tanto o Mandiá de Ferrol como o das Somozas e mais este. 

É de notar que por veces a terminación -ani na toponimia acabou dando -á, polo que indicamos *(uilla) Mandilani, coa forma en xenitivo de Mandila. É un caso análogo ao que debeu acontecer cos lugares Ximará (de uilla Uimarani, xenitivo de Uimara).

A MANGUELA (Muras -lugar de Perros)
Forma en diminutivo antigo de "manga", derivado do latín manica. Metaforicamente, alude a unha faixa do terreo, peza alongada de prado ou de terra de labor, que sai do corpo máis central da paraxe e que se introduce noutro. 
Ao usar a forma de diminutivo en -ela, que xa decaeu na Idade Media, podemos pensar que é un topónimo xa abondo antigo.
É un topónimo relativamente frecuente, atopamos p. ex. outro "Manguela" en Xerdiz, e un "As Mangas" en Riobarba (O Vicedo).

MANZOI (O Viveiró -lugar de Manzoi)
Este nome ten orixe nun antropónimo, nun nome de posesor. O máis probable é interpretalo como derivado de (uilla) Macedonii, forma en xenitivo de Macedonius, o nome ou alcume do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola). 

Existen outro Manzoi en Carballido (Lugo), así como outros chamados "Mazoi", que terían a mesma orixe, e probablemente tamén "Mazón". Foneticamente, a evolución sería conforme á historia do galego. A aparición de nasalidade da primeira sílaba non é un feito extraordinario, ocorre por exemplo en "menciña".
É interesante o caso do lugar de "Santalla de Mazoi", o cal figura atestado como Macedoni no ano 760, e mais tarde como Maceoi no 1088 (cf. "Nomenclator toponímico Medieval da diócese de Lugo", in Lucensia núm. 5, 1992).
Para E. Bascuas, esa sería a interpretación correcta, e engade que podería tratarse dunha referencia a lexionarios macedonios (cf. aquí).

Por outro lado, Boullón Agrelo, para o antropónimo Mazon indica a posible relación co cognome latino Mattio, que aparece no Cognomina (Kajanto). Tamén hipotetiza con Macius, presente na onomástica latina (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

Alternativamente, J. M. Piel asignoulle a orixe en (uilla) Mansoi, indicando que, aínda sendo de orixe xermánica, estaría formado coa raíz *mans- derivaría do adxectivo latino mansus. Cf. p. 39&40 de J. M. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo V.

Hai quen postula unha orixe alternativa en (uilla) Mancionii, dun posesor chamado Mancius, nome persoal prerromano. Esta hipótese xurde a partir de que o "Manzoi" do concello de Lugo figura coa forma Mançoe na documentación catedral de Lugo  no século XV ".. Ruy Fernandes de Mançoe, notario publico da dita çiudade de Lugo .."  (cf. M. L. Albertos, 1966. "La onomástica personal primitiva de Hispania Tarraconense y Bética"). Porén, é improbábel tratándose dun nome somente rexistrado na Galia Cisalpina, en canto que Macedoni si figura rexistrado en Galiza, tal como se indicou.

O MARÁN (Muras -lugar das Aguias)
Grafía alternativa por "Merán". Ver "O Merán".

MARCO (A Balsa, Muras -lugar de Pico Verde, Muras -lugar de Musdradas, Muras -lugar da Casavella, O Burgo)
OS MARCOS (Viveiró)
A voz "marco" designa unha pedra fincada no terreo, sinalando un límite territorial. Posiblemente  aluda a un marco destacábel polo seu tamaño e antigüidade, talvez medieval, ou tamén un miliario ou incluso unha pedrafita ou menhir.

O MARCO DO BISPO (O Burgo)
Ver "O Marco".
En canto ao termo "Bispo", do latín episcopus pode aludir a un alcume ou sobrenome familiar. Alternativamente, talvez indicase unha antiga pertenza á xurisdición episcopal. 
É tamén preciso ter en conta que o termo "Bispo" como elemento onomástico persoal é frecuente na documentación altomedieval (Cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

A MARGARIDA (Silán)
Posiblemente con orixe en *Margaride, e este topónimo á súa vez proviría de *(uilla) Margariti, forma en xenitivo de Margaritusnome do antigo posuidor da uilla (granxa, explotación agrícola)nome de orixe latino-cristiá. En efecto, esta é a interpretación deste topónimo que fai Navaza (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega").
Aínda que sen dispormos de documentación antiga, é posible por ter ocorrido noutros casos do topónimo "Margarida", como por exemplo "A Margarida", en Cundíns (Cabana de Bergantiños) atestado no Tombo de Toxos Outos como "Margaride" (1334).

A MARAGOTEIRA DE BAIXO (Muras -lugar das Bouzas)
A MARAGOTEIRA DE RIBA (Muras -lugar do Pico Verde)
Posiblemente de terras pertencentes a unha persoa alcumada "Maragoteiro", ou "Maragoto". Como alcume, "maragoto" xa figura atestado no século XII  (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos").

O MARTINGATO (Muras -lugar da Curiscada)
Referido ao nome "Martín Gato", dun antigo posuidor. O apelido Gato era relativamente común na Idade Media.

A MEDOÑA (Muras -lugar da Paleira, Silán, Muras -lugar da Fraga Chá)
AS MEDOÑAS (Muras -lugar de Musdradas)
Unha medoña designa unha mámoa, ou sitio con tipoloxía similar.

O MEITÍN (Muras -lugar de Debodas)
O topónimo "Meitín" neste caso, ao levar o artigo, podería indicar o apelido dun antigo posesor.
Ese apelido viría de Mactini, forma en xenitivo de Mactinus, nome de orixe xermánica. 

AS MEIXOSAS (Muras -lugar de Xelgaiz)
Probablemente, de "(agra) meixosa", indicando lugar onde abundaba o "meixón", a cría da anguía, no regato que pasa pola zona. 

Alternativamente, podemos interpretalo en relación a "ameixón" na acepción que indica M. do Carme Ríos en que teña máis ben relación co portugués ameijoar 'reunir o gado'. Igualmente, ameixoar mantén en galego o sentido de "reunir, xuntar" (cf. DdD). Véxase "O Meixón" para máis detalles.

O MERÁN (O Sisto, Ambosores)
OS MERÁS (Muras -lugar do Brañal)
De "Monte merán", monte con "mera", "néboa miúda". A palabra "mera" é de orixe prerromana, dunha raíz *m'r (mar/ mer/ mir) relacionada coa auga.
Existe unha chea de topónimos "Mera" e "Merán" en Galiza. Hai mais "Merán" por exemplo en Mañón, nas Negradas, en Galdo, etc. 

A MESA PANDA (A Balsa)
Posiblemente relativo á orografía do terreo, con "mesa" como sinónimo de meseta e "panda" como comba.

AS MESTAS DO REGO (Muras -lugar da Curiscada)
AS MESTAS DO RÍO (Silán)
"Mestas" vén de (aquas) mixtas ("mesturadas"). 
Esta fórmula "as mestas do rego/río" non é única deste lugar, así o Catastro de Ensenada de Galdo (1752) tamén recolle nesa freguesía un "as Mestas do rio".
Hai tamén duas "Mestas" en Asturias, "Las Mestas" en Asturias e Cáceres, río das Mestas na Coruña, Ambasmestas en León, dous Entranbasmestas en Cantabria. En todos estes lugares mestúranse as augas de dous ou máis ríos ou regatos (cf. aquí).

A MEZQUITA (O Viveiró)
Descoñecemos se este topónimo "mezquita" é recente, aínda que está atestado en Galiza polo menos desde o século X.
A orixe e significado deste termo é discutida. Foi estudado xa por Sarmiento, quen relacionaba os topónimos "Mezquita" e similares coa planta homónima. Coromines, sen rexeitar esta relación nalgúns casos, apuntaba a que poderían ter orixe mozárabe, relativa a "lugar de rezo".
Para un resumo de hipóteses, ver Gonzalo Navaza, "Sarmiento Toponomástico: O topónimo Mezquita".

O MINADO (Muras -lugar de Santar de Riba, Muras -lugar de Suaschousas, Ambosores)
O termo "minado", ademais do significado transparente de lugar con túneles ou con fosos, tamén pode estar relacionado coa outra acepción "roturar un terreno, convirtiéndolo en labradío" que indica Rivas Quintas (1978).

MIRANDA (Muras -lugar de Caraceiro, Muras -lugar de Debodas)
A interpretación deste topónimo, bastante común, tanto na Galiza como na Península e fora dela, é controversa. En efecto, pode pensarse nunha descrición situacional (un mirador natural, un lugar en alto ou atalaia). Leite de Vasconcelos considerabao como xerundivo terra miranda "digno de ser mirado" e que de aí pasou a ter o sentido de "atalaia, lugar de vixiancia".
A interpretación alternativa é  nunha orixe na raíz prerromana *mira-, referida a hidrónimos, o cal parece confirmar o sufixo -nda, presente noutros ríos como Arganda, Aranda, etc. Corominas prefire ver un étimo celta *Miro-randa.
Para máis detalles, cf. aquí.

A MOA (Muras -lugar de Bestemuz, Silán)
AS MOAS (Silán)
Unha "moa" é unha pedra redonda, tanto a que se usa de pedra de muíño como a que se usa para afiar. Deriva do latín mola 'moa do muíño, muíño'.
Probablemente estea referido a un penedo de forma de moa, redondo, ainda que descoñecemos o lugar concreto.
Por veces, o termo "moa" é tamén usado por extensión (sinécdoque) para designar o "muíño" (xa ocorría no latín).

A MODIA (Muras -lugar de Bestemuz, Muras -lugar de Couce Mouro)
O termo "modia" refírese moitas veces a mámoa ou túmulo primitivo. Outras veces parece referirse somente a un outeiro, a unha "mota", sen existencia de túmulo coñecida. Descoñecemos o lugar concreto.

O MOIMENTO (Muras -lugar de Bestemuz)
O termo "moimento", do latín vulgar monimentu, é relacionado na toponimia coa acepción de ‘túmulo, sepulcro’. Xa indicara Leite de Vasconcelos que os topónimos portugueses e galegos "Moimenta", "Muimenta" fan sempre referencia a vestixios arqueolóxicos, polo xeral enterramentos, dolmens e túmulos. Tamén figura no portugués medieval coa mesma acepción (cf. "moimento" en Viterbo. "Elucidário").
Igualmente Corominas indica que monimentum xa figura en inscripcións romanas de Tarragona, e que no catalán antigo está atestado o sentido de ‘sepultura, tumba, mausoleo’  para moniment, e tamén noutras linguas romances (cf. DECat, s.v. monument).

O MONTE DA ALBARIZA (O Burgo)
Indicaría un "Monte da Colmea". Ver "A Albariza" e  ver "O Monte das Abellas".

O MONTE DA VESURA (O Viveiró, O Burgo)
Ver "A Vesura".

O MONTE DAS ABELLAS (Muras -lugar da Curiscada)
Posiblemente indicando un monte onde hai colmeas. Este topónimo é importante porque reforza a interpretación de "colmea" dada para "albariza" no "Monte da Albariza".

O MONTE DE SUAFONTE DA AMOSA (Irixoa)
O composto "suafonte", coa típica preposición "su" ('debaixo de', 'ao pé de'), significa "por baixo da fonte", "ao pé da fonte".
Ver a entrada "A Amosa" para máis detalles.

O MONTE DO CARRIZAL (O Burgo)
Ver a entrada "O Carrizal".

A MONTOUTA (Muras -lugar de Boca da Grande)
O termo "Montouto" é un composto de "Monte Outo", 'monte outo'.
Sendo en feminino, e tendo en conta que a maior frecuencia en Galiza do apelido "Montouto" ocorre neste concello de Muras (cf. ILG), deducimos que o topónimo deriva de "a terra de Montouto" (> A Montouta), sendo "Montouto" o apelido do antigo dono.

MONTOUTO (Muras -lugar de Bestemuz)
Composto de "Monte Outo" 'monte alto'.

MORÁN (Muras -lugar da Armada)
O MORÁN (Muras -lugar da Rega)
De (agru/uilla) Maurani, forma en xenitivo de Mauranus, nome dun antigo posesor. O nome Mauranus deriva de Maurus, e é de orixe latina. É un nome frecuente na documentación altomedieval (Cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

O MORTEIRO (Muras -lugar da Rega)
Aquí "morteiro" estaría referido a "horta preto da casa, en particular onde se planta un viveiro de sementes".

OS MOSQUEIROS (O Burgo)
O termo "mosqueiro", do latín muscarium, referiría á abundancia de insectos que fan "moscar" o gado. Así, o dicionario de Carré Alvarellos defíneo como 'lugar onde abundan as moscas' (cf. L. Carré,  1928-1931 - DdD). 
Tamén podería indicar o contrario; así xa fóra do territorio galego atopamos nos dialectos navarro-aragoneses "mosquera" 'paraje con arboledo o matorrales altos donde sestea el ganado' (cf. J. A. Frago, "Toponimia navarro-aragonesa del Ebro (V)" in "Archivo de filologia aragonesa XXXVIII").

O MOURISCÓN (Ambosores)
Este lugar está atestado no Catastro de Ensenada de Muras (1753) ao describir os límites da freguesía
 ...  "rio de Culleretes y por su natural corriente desciende al de Mouriscon de avajo"...
Interesante topónimo que, sen documentacion antiga da cal dispormos, déixanos unha morea de dúbidas.
Podemos interpretalo como aumentativo (talvez despectivo) de "mourisco", e como tal, indicaría que este lugar pertenceu a un mourisco, ou sexa, un cristiano converso, de orixe musulmá. De feito, están documentados os casos de escravos de orixe musulmá en Galiza (que terían sido mercados a consecuencia das guerras daquela), por veces atestada tamén a súa liberación.
Por outra banda, tamén sería posible pensar que este apelativo "mourisco" puido terse aplicado, de forma despectiva para un mozárabe (cristiano nacido en territorio musulmán), en relación ás hipotéticas inmigracións de mozárabes para Galiza na Idade Media.
Alternativamente, aínda que improbable, talvez podería facer referencia á cor do terreo mouro.
Ao non termos documentación antiga, tampouco podemos desbotar unha orixe na raíz oroníminca prerromana *mar-/*mor-  "rocha, altura", e por tanto sen relación co termo "mourisco".
Non é un caso único, así está atestado en 1753 un Mouriscos en Muras, existen "A Mourisca" en Cervo, "Mouriscos" en Fazouro. 

MOURISCÓN (Muras)
Aínda que xa desaparecido, este lugar está atestado no Catastro de Ensenada de Muras (1753) ao describir os muíños da freguesía:
 ...  "al sitio de Mouriscos"...
Para orixe do topónimo, ver os comentarios en "O MOURISCÓN".

MUÍÑO DO GATO (Muras -lugar de Musdradas)
Este topónimo debe aludir, máis que ao animal indicado, ao apelido ou alcume dun antigo propietario do lugar. De feito, o alcume Gato xa figura rexistrado como Catus no séc. XIII, ".. Martinus Iohannis cognominato Catus.." (cf. R. Soto, 2018. "Alcumes e sobrenomes medievais en Galicia").
Temos un Martingato tamén neste concello.

MURAS (Muras)
Plural de "mura". Rivas Quintas recolle a acepción de "mura" como "valado de terra, cerca de pedra e terra arredor dunha finca" (cf. Frampas). No latín medieval xa se rexistra mura coa acepción de "muro, muralla" (cf. aquí).

Pascual Riesco menciona varias referencias no Tombo de Celanova, de comezos do séc. XI, onde se mencionan "casa una murea" e "illa casa muria", remitindo a casas feitas de pedra en oposición ás tipo choza feitas de vexetais (cf. P. Riesco, 2019. "Toponimia de la provincia de Zamora. Panorámica documental, ...").
Dada a existencia do topónimo Muruás, que dá nome a outro lugar desta freguesía, que corresponde coa antiga forma en diminutivo de "muras", non semella encaixar que remita a casas "murias", pois entón as de Muruás serían casas "muriíñas", que non encaixa. Semella máis ben que derive do plural do latín muria 'conxunto de muros'.
Se fose este o caso, podería ter un significado orixinario similar ao uso en asturiano de murias 'muros de pedra seca, sen argamasa', usados por exemplo para cortes no monte onde recollen o gado. No caso galego, E. Rivas , en "Contribución ao diccionario galego" (2001), define "muira" como "muro antigo grande".

Hoxe en día, coa proliferación do porco bravo, entendemos mellor a necesidade destas muras para protexer os cultivos. Ten explicación, xa que logo, sinxela, co cal non se precisa de interpretacións máis complicadas como a de que aluda a de moreas de pedra ou similar que se postulou.
Cabeza Quiles recolle a voz "murias" nos Ancares leoneses co significado de "morea de pedras soltas" (cf. F. Cabeza, 2008. "Toponimia de Galicia").

No século XVIII atopamos a localidade xa atestada como "Múras" (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

MURUÁS (Muras -lugar de Muruás)
Este topónimo corresponde coa forma en plural do diminutivo antigo -ola (cf. C. Pérez, 2015. "Toponimia e variación dialectal en galego. Os topónimos rematados en -oa, -oá, -úa, -uá"). Sería o equivalente dun actual **Muriñas.
É interesante reparar que se trata, por tanto, dun diminutivo do mesmo topónimo que deu Muras. Ao corresponder cun núcleo de poboación, e estar en plural, o mesmo que Muras, parece encaixar no concepto de pequenas muradas, muros que rodearían a poboación. 
Ver MURAS para máis detalle ao respecto.

Dun punto de vista lingüístico (e histórico), é interesante o feito de que este concello de Muras é unha zona de transición, e danse tanto formas en -oa (Irixoa) como en -oá (Xunqueiroá). 

MUSDRADAS (Muras -lugar de Musdradas)
Seguindo a Gonzalo Navaza, tería unha orixe en "Muras Hedradas", con hedra (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia_galega"). Podería indicar, por tanto, un lugar abandonado que foi repoboado.
 A forma sería análoga á que atopamos no caso do topónimo Penadrade (< "pena hedrada"), existente nas Somozas e Vilalba, así como no de Carballadrade existente en Tordoia.

O NAVALLO DE BAIXO (Silán)
O NAVALLO DE RIBA (Silán)
Topónimo derivado de "nava", 'val, chaeira rodeada de montes'., 'ugar pantanoso'. É unha formación análoga á do topónimo "Os Covallos", que deriva de "cova". Este apelativo aínda fica vivo en portugués, na zona de Trás-os-Montes, onde "navalho" é "pedaço de terreno húmido entre as searas que se não cultiva para que dê erva"(cf. aquí). Formacións da mesma orixe inclúense o portugués navalhão, o salmantino navazo 'valle pantanoso' e mais no aragonés navajo "balsa para el ganado". 
Da mesma raíz, ademais da indicada Nava, temos Navia (co cognado portugués Neiva) e Navaza.
En resumo, O Navallo debe remitir a lugar no que, pola súa orografía, quedaban encharcados con facilidade. 
Hai cerca outros "O Navallo" en Mañón e Os Navallos en Riobarba (O Vicedo).

A OITAVA (Muras -lugar da Fonte, Muras -lugar de Guimarás)
Nome derivado do reparto a oitavas dunha antiga finca. Existe tamén "A Cuarta" na Balsa.

A OLIVEIRA (Ambosores)
Este topónimo posiblemente derive da árbore que produce as olivas. 
No entanto, aínda que pareza tan sinxela a explicación, semella nesta zona improbable que houbese plantadas oliveiras. Por iso podemos tamén, seguindo a E. Bascuas, interpretala como "olveira", lugar onde abunda a "olva", do latín ulva 'alga que medra nas fontes e estanques' (cf. p. 300 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").

A OROXEIRA (O Burgo)
A voz "Oroxeira" é construída a partir de "oroxo",  un hidrónimo de orixe prerromana, que Bascuas deriva dunha forma paleoeuropea *or-uw-io, a cal inclúe o tema que Pokorny reconstruiu *or-wo-, "rápido, apresurado",  coa raíz indoeuropea  *er-  "moverse". Cf. p.119 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". 
O topónimo "Ponte da Uruxeira" en Sanche reforza esta hipótese.

O ORXAL (Muras -lugar da Cabana)
O ORXEIRO (Muras -lugar de Sanche)
OS ORXÁS (A Balsa -lugar dos Orxás)
Terreo plantado de "orxo" (cebada) ou que produce abundante orxo.

O OUCEDO (Muras -lugar de Xelgaiz)
Lugar onde abundan as uces. Aínda que non vén recollido nos dicionarios de galego nin no estudo de G. Navaza sobre fitotoponimia galega, vemos que se conserva nalgunhas zonas de fala galega do Bierzo (cf. aquí). 

O OUROSO (Muras -lugar de Sanche, Muras -lugar da Valiña)
O termo "ouroso"podería ser interpretado como de orixe latina, indicando lugar con abundancia de "ouro". 
No entanto, cremos que deriva da raíz prerromana hidronímica *awer- 'mollar, fluír', e indicaría 'lugar onde abunda a auga, regato'. Esta raíz indoeuropea está presente no caso do río Ouro, así como probablemente no caso da Aurela, tamén en Muras. Esta é a hipótese de Bascuas para orixe do topónimo "Ouro" e outros similares. Cf. p. 166 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". 
Cabeza Quiles (2008) mantén unha opinión alternativa, derivando "ouroso" da raíz *or-, indicando que caracteriza lugares elevados. Tamén é desta opinión Carré Alvarellos no seu dicionario (1979), que indica para "Ouroso" o significado de "montañoso". No entanto, estas opinións non encaixarían ao confrontalas con "Aurela", diminutivo típico da hidronimia paleoeuropea.

OS PAINZÁS (Silán)
Plural de "painzal", aludindo a predios nos que se sementaba paínzo (millo-miúdo), ou que producía bon paínzo. 

A PALEIRA (Muras -lugar da Paleira, A Balsa)
Unha "paleira" (tamén "pala"), apelativo de orixe prelatina, defínea o dicionario como "cavidade que serve de refuxio ou vivenda para certos animais". Cf. RAG.
Antigamente, o significado incluiría o de "cavidade refuxio de pastores e de gado". Cf. aquí. En particular, as voces "paleira" e "pala" refiren a un saínte ou viseira natural que forma a rocha.  Estes saíntes eran valorados como abrigo para pastores. Nel podían acender o lume ou repousar. Alén de Galiza, en León atópase a voz correspondente "palla", co mesmo significado.

A PALLAREGA (Muras -lugar de Baxín)
O termo "pallarega" ten tres acepcións recollidas nos dicionarios de galego: "casa pequena cuberta con palla", "Palleiro", "Restrebas" (cf. DdD).
Probablemente estes topónimos aludan a unha zona que cultivou trigo ou centeo, propicia para iso. O sufixo relacional -ega  está ligado na toponimia moitas veces ao cultivo dos cereais, así atopamos tamén "aviega" (avea), "millarega" (millo miúdo) ou a "escanarega" (escanla).  Tamén Liñarega ou Fabega. 
Tampouco podemos descartar totalmente que aludisen a "(casa) pallarega".

É un topónimo relativamente frecuente en Galiza, así atopamos  "A Pallarega" en Cervo e en Boimente (Viveiro), así como "As Pallaregas" en Cabarcos e en Reinante (Barreiros), en Covas (Viveiro).

A PALLAZA (Silán)
Derivado de "casa pallaza", tamén chamada "palloza", construción típica con teito cónico de palla de centeo. Era preciso renovar teito cada 15 anos con palla nova (un grosor duns 40cm, cf. aquí). 
Ao ser un topónimo, parece indicarnos que, cando se comezou a chamar así, o teito de palla non era xa o máis común.
As "casas palhaças", citadas en Gil Vicente ("Auto da Feira"), son casas cubertas de palla de centeo, análogas en significado ás pallazas ou pallozas dos Ancares. A denominación de "casa pallaza" é tamén frecuente en documentos notariais de Zamora e Salamanca.
 Cf. P. Riesgo aquí.

AS PALLOSAS (Muras -lugar de Santar de Riba)
Lugar onde abunda a palla.

A PALLOZA (Muras -lugar da Cabana)
Sinónimo de "pallaza". Ver "A PALLAZA".

A PANCEIRA (O Burgo)
De "painceira", o mesmo que  "painzal", lugar onde se planta paínzo (millo-miúdo), ou que produce bon paínzo. 

A PANDA (Muras -lugar de Debodas, Muras -lugar de Santar de Riba, Muras -lugar da Paleira, Muras -lugar das Cuíñas)
AS PANDAS (Muras -lugar das Pandas)
Unha "panda" designa unha lomba, un terreo combado ("pandado").

A PANDA DA SELA (Muras -lugar da Fraga Chá)
Probablemente o topónimo sexa tautolóxico, aludindo dobremente á orografía do terreo, en forma de panda ou "sela" (lembremos que en galego "sela" é o asento de coiro para montar os cabalos). Esta é tamén a hipótese de E. Bascuas para a "Pena da Sela" en Suarna, na Fonsagrada. Cf. p. 312 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.
O Nomenclator rexistra tamén unha "A Sela" en Cordido (Foz).

Aínda que poderíamos pensar nunha orixe nun Salella (diminutivo de Sala), ao non ser un núcleo de poboación, nin o de Muras nin o de Foz, pensamos que non é probable.

PANDELLE (Muras, Irixoa -lugar do Couce)
Posiblemente evolución de "Pandella", diminutivo de "Panda". Este fenómeno é relativamente frecuente, así existe "Veiguelle", no lugar do Burgo. Noutros lugares de Galiza existe, neste modo, Valelle, Cidadelle, Muradelle, etc.

A PANDORCA (Irixoa)
Podería derivar  de "Panda", nun sentido diminutivo ou despectivo. Cremos máis plausible que procedade "Panda da orca" (ver "A Panda"), con "orca" tendo a mesma acepción que no portugués: arca, dolmen. No entanto, esta última acepción non a atopamos documentada no galego.

A PANDOTA (Muras -lugar de Musdradas)
Diminutivo de "Panda" (ver "A Panda").

PARAFONSO (O Viveiró)
Posiblemente derivado de "(lugar de) "Pero Afonso", antigo posesor ou fundador do lugar.
Alternativamente, de "Para Afonso" de "Pedra Afonso", pedra (pena) dun antigo posuidor chamado Afonso. Esta é tamén a interpretación que defende F. Cabeza Quiles (cf. F. "Toponimia de Galicia", F. Cabeza).

PARAPAR (Muras)
Talvez derivado de  Petra Parii, pedra (pena) dun antigo posuidor chamado Parius
Porén, esta é apenas unha mera hipótese, sería preciso dispor de documentación antiga para poder confirmala (ou rexeitala).

O PARAÑAL (Silán)
Nome colectivo que remite á abundancia de paraños.
Canto a "paraño", a interpretación máis ortodoxa é a de derivalo do  adxectivo  latino  *petraneum  'de  pedra’, designando un terreo desas características. Podería talvez aludir metaforicamente a pedras asociadas a construción megalítica antiga; de feito, as furadas dos dolmens son chamadas na nosa toponimia "fornos" ou "fornos dos mouros"; isto encaixaría coa acepción recollida en portugués de "pedra da parte superior da boca do forno, en forma de viseira".

Por outro lado, Carré Alvarellos define "paraño" no seu dicionario como "lugar amparado, protexido" (cf. DdD). Podería significar "terra con certos "privilegios", acepción tamén recollida no portugués. Con todo, estas acepcións non encaixan cando se usa un nome colectivo como "parañal".

AS PARAÑOLAS (Muras -lugar da Volta)
O termo "parañola" corresponde ao diminutivo de "paraño". Ver "O PARAÑAL".

AS PARDELLAS, (O Viveiró)
Pardellas vén da voz latina *paretĭcŭlas, diminutivo do latín vulgar *parete 'parede'. Similarmente ao caso de "Pardiña", aludiría ás paredes dun edificio en ruínas.

PARDIÑAS (A Balsa -lugar de Pardiñas)
O topónimo "pardiña" deriva do latín parietina,  "casa en ruínas, paredes", e despois pasou a ter un significado de "devesa ou terreo acoutado".

AS PARRUGUEIRAS (O Burgo)
Significado e orixe incerta.
Podemos pensar na acepción común de "parrugueira", sinónimo de "borralleira", talvez relacionado coa actividade das rozas. Se fose ese o caso,  tería un uso similar aos topónimos "Cernada".
O Nomenclator rexistra un núcleo de poboación "As Parrugueiras" en Xermade, "A Parrugueira" en Vilalba, así como "O Parrugueiro" en Xove. Ademais, é interesante notar a existencia dun "O Parrugal" en Cariño e mais dun "O Parrogal" no Vicedo, que semellan abundanciais, que dan por tanto conta da existencia dunha antiga voz *párruga, ou talvez *párrega.
Por outro lado, tendo en conta o topónimo Parga  de Guitiriz, que está atestado na Idade Media como Parrega, tamén podemos pensar que estean relacionados e teñan unha orixe nunha mesma base prerromana.

A PASADA (O Viveiró -lugar do Curro, Irixoa -lugar do Couce)
A PASADA CATIVA (Silán)
A PASADA DA ABELAIRA (O Viveiró)
A PASADA DA CAL DO MEDIO (Irixoa)
A PASADA DA FEIRA (Muras -lugar da Rega)
A PASADA DA LOUSA (Irixoa)
A PASADA DA VEIGA (O Viveiró)
A PASADA DE AUGAS ALTAS (Silán)
A PASADA DO portancho (O Viveiró)
A PASADA DO RÍO (O Viveiró)
A PASADA DOS CADRAMONENSES (Silán)
A PASADA LARGA (Ambosores)
A PASADA ONDE MATARON AOS ESCAPADOS (Silán)
O apelativo "pasada" indica un "lugar de paso, xeralmente de paso de río, a través de pedras colocadas como "pasos" formando unha liña". Esta acepción  consérvase na toponimia de toda a zona: en Mañón, en Viveiro, en Muras, no Vicedo, en Ferrol, ...
No caso da Pasada dos Cadramoneses, remite aos habitantes do Cadramón.

PASCAL (Irixoa -lugar de Pascal)
Este topónimo debe aludir ao antigo posesor do lugar. Podería tratarse dun sobrenome, xa existente na Idade Media (" ego Benedicti presbiter, cognomento Pasquale .." 932, CODOLGA), ou tamén  podería vir do nome Pascualis.

Alternativamente, podería corresponder co significado de "lugares de pastos", e derivaría do latín pascua (latín clásico pascuum).
No entanto, e tendo en conta que se trata dun núcleo de poboación, semella máis probable a interpretación previa.

O PAZO (A Balsa, Irixoa)
O termo "pazo" deríva do latín palatium, e xa na Alta Idade Media a forma paaço tomou esta acepción actual de "casa señorial", edificación de residencia de familia nobre. E de notar que as referencias medievais a un pazo non deben entenderse como un pazo na actualidade, senón que remitirían simplemente á casa do señor, de boa feitura, probablemente de cantería, de dous andares e cuberta de tella ou lousa, en contraste coas demais casas, que serían de planta baixa e cubertas de palla.

J. J. Moralejo puxo en cuestión a etimoloxía latina, e refiriu estes topónimos a un prelatino indoeuropeo *palatio, que designaría unha especie de curro, lugar pechado onde os pastores recollían temporalmente o gado, harmonizando co sentido etimolóxico de "pastoriza" (cf. J. Moralejo, "Callaica Nomina", 2007)

A PEDRA CHANTADA (O Viveiró, Silán)
Este topónimo, de significado transparente, o mesmo que "pedra fita" ou "parafita", podería indicar a antiga localización dun marco medieval ou incluso dun menhir.

O PEDRÓN (O Burgo -lugar de Inciñán, O Burgo, Muras -lugar da Carballosa)
Os dicionarios galegos inclúen "padrón" e "pedrón" como "Marco; poste de pedra alta e grosa que serve de indicador ou sinal" (cf. L . Carré, DdD).

Igual significado é recollido no portugués antigo "marco ou marcos de pedras altas que ainda hoje vemos nos antigos coutos" (cf. Viterbo, "Elucidário", 1798).

Para o apelativo "pedrón", Eladio Rodríguez indica que
       "llaman también así nuestros campesinos al menhir".

Aínda que puntualiza Filgueira Valverde en que
     “no siempre el topónimo indica un monumento prehistórico, puede tratarse de un miliario, de un hito liminar o sencillamente de una “piedra hita” natural”. Cf. X. Filgueira Valverde e A. García Alén. , 1977. "Inventario de monumentos megalíticos. .."

En calquera caso, aluden a unha pedra singular, probablemente arqueolóxica, un marco, un menhir, un miliario. É cognado do portugués pedrão e padrão, para os que Machado (DEP) dá a seguinte atestación do século XIV:
         “acharom sobre uũ pedram letras escritas dentro da pedra”.

Estes topónimos foron tamén analizados por J. Moralejo coas mesmas conclusións (cf. J. Moralejo, 2007. "Callaica Nomina") con similares conclusións.

Por outro lado, o termo petronus está tamén rexistrado no latín tardío, e Du Cange dálle o significado de acervus lapidum 'morea de pedras' (cf. Du Cange. "Glossarium mediae et infimae latinitatis"  aquí).

Finalmente, indicar que Corominas apunta a posibilidade de que algún deles remonte en realidade a un celtismo petronu, adxectivo formado sobre petru, que nas linguas celtas é o número "catro", en referencia a unha encrucillada ou xuntanza de catro camiños (cf. Corominas, DCECH, s.v. padrón).

O PEGAL (Muras -lugar das Bouzas)
Topónimo que remite a un lugar onde abundan as pegas.
Existe tamén un topónimo "Grallal" en Covas (Viveiro).

PEIRREI (O Viveiró)
Este topónimo remite ao antigo posesor do terreo, que debeu ser unha persoa chamada Paio Rei. O nome Paio foi moi popular na Idade Media, e de aí que ten unha gran presenza na toponimia menor de Galiza, así temos por exemplo un Peiperez en Alfoz, ou un Peibarba en Xove, ou Peiméndez en Viveiro.

O PEITEIRO (Muras -lugar de Baxín)
Con varias orixes e significados posibles.
Probablemente relativo ao significado antigo de "peiteiro": o que ten que pagar "peita", 'Tributo que pagavam os que não eram fidalgos'. Cf. priberam.
Pode tamén referirse ao oficio ou alcume do posesor do terreo. Navaza interpétado como posiblemente “escardadores de la ou artesáns dedicados á fabricación de peites”,  rexistrado xa na Idade Media como alcume (cf. G. Navaza. "Fitotoponimia Galega". 2006).

O PELAIMO (Muras -lugar do Coto, O Burgo)
O PELAIMO (O Viveiró)
O mesmo que "Pelamio", lugar onde houbo curtidorías de pel. Cf. F. Cabeza  "Os nomes de lugar".
Tamén pode vir referido ao oficio dos posesores do terreo, que terían sido curtidores.
É un topónimo relativamente frecuente,  así atopamos un "Pelaimo" en Xermade, un "Polaimo" no Viveiró, un  "Rego do Polaimos" e "Palaimo" en Ourol e "Os Polaimos" en Mañón.

OS PELEIRESES (Muras -lugar de Couce Mouro)
Formado por disimilación do "r" a partir d' "Os Pereireses". Indica, por tanto, terras pertencentes a unha familia orixinaria do "Pereiro", moi probablemente un dos dous núcleos de poboación dese nome pertencentes a este concello: ou "O Pereiro" pertencente á parroquia de Silán, ou "O Pereiro" pertencente ao lugar da Pereira, no Viveiró.

A PENA CHORIDA (Muras -lugar da Armada)
Pena que serve de divisoria coa freguesía do Freixo e das Pontes.
O termo "chorida" pode indicar "florida", a acepción antiga de "chorida", ou pode indicar a acepción actual de "flor da xesta".

A PENA CORRUGOSA (O Viveiró)
Pena con "corrugas" ou con "corgos"  'canos polos que escorre a auga'. 

A PENA DA FACHADA (O Burgo)
Nun contexto asociado a un lugar algo, neste caso unha pena, a interpretación máis plausible é que se trate dun lugar onde acendían fachos.
Formarmalmente, "Fachada" é unha construción análoga a "Rozada" (lugar no cal se facían rozas), Estoxada (lugar do cal extraían o toxo), etc.
Sarmiento sinalaba que "facho" era aplicado en Galicia "a las eminencias en donde, para avisar de la venida de los enemigos, se encienden hogueras; .... Si en ellas hay farol continuo para guiar a los marineros, se llaman "faros", y si sólo para hogueras "fachos". A veces se toma uno por otro".
Canto á etimoloxía de "facha", é incerta. Corominas derívaa dunha voz *fascula, explicándoa co socorrido "cruce", neste caso entre facula 'fachuzo' e fascis 'feixe'.

Por outro lado, poderíase interpretar como aludindo a unha pena fendida, fracturada. No entanto, ese caso tería máis sentido se fose "Pena Fachada", pero non "Pena da Fachada".

A PENA DA MEDA (Muras -lugar de Xelgaiz)
Diminutivo de "meda" 'morea de mollos de cereal segado', aínda que pode referir tamén a "mámoa" ou,  en xeral, metafóricamente, a monte cónico con punta redondeada.
A pena tería tido, por tanto, no seu cume unha mámoa ou unha forma similar.

Por outro lado, Sánchez Pardo indica que parte dos topónimos "Meda" (como "Pico da Meda") poderían aludir a un uso para sinalización con fogueiras, similar aos topónimos "Faro" e "Facho", e ser parte dos sistemas de sinalización a longa distancia no Noroeste Peninsular (cf. J. C.  Sánchez, 2014."Sistemas de señales a larga distancia. Estudio de los topónimos "faro", "facho" y "meda" en el noroeste peninsular").

A PENA DA MENTIRA (Muras -lugar de Casateita)
Orixe incerta, talvez referido a unha lenda.

A PENA DA MOSQUEIRA (O Viveiró)
Este lugar está atestado no Catastro de Ensenada do Viveiró (1753) ao describir os límites da freguesía, como "Pena Mosqueira".
Podería estar orixinado pola existencia de "mosqueira", unha clase de herba silvestre. Cf. DdD.

Máis probablemente será un sinónimo de "mosqueiro" (latín muscariumreferiría á abundancia de insectos que fan "moscar" o gado. Así o dicionario de Carré Alvarellos defíneo como 'lugar onde abundan as moscas' (cf. L. Carré,  1928-1931 - DdD). Tamén podería indicar o contrario; así xa fora do territorio galego atopamos nos dialectos navarro-aragoneses "mosquera" 'paraje con arboledo o matorrales altos donde sestea el ganado' (cf. J. A. Frago, "Toponimia navarro-aragonesa del Ebro (V)" in "Archivo de filologia aragonesa XXXVIII").

A PENA DA PUXETA (O Viveiró)
O termo "poxeta" ou "puxeta" remite a un tipo de xesta, e figura recollido no Atlas Lingüístico Galego (cf aquí).
O termo recóllese en toda a zona, así por exemplo "A Puxeteira" nas Somozas, "A Puxeta" nas Negradas e Mosende (O Vicedo), "O Poxetal" en Cedeira, e "Puxetal" en Cerdido, co sufixo abundancial usado para plantas e outros.

A PENA DA VELA (Irixoa, O Viveiró)
Significado incerto.
Neste contexto, "vela" podería ter a acepción de "vixía, centinela", indicando posto de vixiancia. 
Porén, aínda que existen varios topónimos "Pena da Vela" (e.g. en Mañón e no Vicedo), "Monte da Vela", que confirman esta orixe, hai outros "A Vela" que non parecen encaixar en lugar elevado . 
Alternativamente, podería vir da raíz hidronímica paleoeuropea *uel- 'xirar', estudada por Bascuas.

Descartamos a orixe que Nicandro Ares propón para outra "Vela", derivándoa do antropónimo xermánico Vegila
dada a frecuencia deste topónimo, non se correspondería coa baixa (nula?) frecuencia en que está atestado como elemento onomástico persoal na documentación altomedieval, así Boullón Agrelo non o recolle na súa onomástica (Cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

A PENA DA VESURA PEQUENA (Muras -lugar de Bestemuz)
Ver "A Vesura".

A PENA DAS TARABELAS (Muras -lugar da Casavella)
Talvez derivado do alcume dun posuidor: tarabela significa, entre outros, "veleta", "toleirán", voluble. É a mesma voz que "trabelo", tendo este sentido figurado pola "mobilidade" da trabelo que tranca e destranca a porta.
Tamén poderíamos interpretalo no sentido literal, como trabelas, o diminutivo trabes, remitindo a un conxunto de árbores propias para derivar delas uns trabelos (vigas pequenas).
Porén, estas interpretacións previas non explican a coincidencia da súa ocorrencia en topónimos referidos a lugares altos. Alternativamente, de orixe paleoeuropea (pre-céltica), derivada da raíz indoeuropea *ter- "fregar, perfurar". De feito, esta é a hipótese de E. Bascuas para o topónimo "Os Tarabelos" en Chavín (Viveiro),  aínda que tamén admita a posibilidade de ser un alcume. Cf. p. 281 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.
Esta "Pena das Tarabelas" en Muras, encaixa ben nesta interpretación, o mesmo que no caso do Coto das Tarabelas en Miñotos, ou "O Alto da Tarabela" en Riós.

Tampouco podemos desbotar a orixe no alcume da familia de antigos posesores: tarabelo significa, entre outros, "veleta", "toleirán", voluble. 

Máis difícil semella que remita á colocación no lugar de "tarabelas", na acepción de "espantallo cunha roda que, movida polo vento, bate nunha táboa", xa recollida por Francisco Rodríguez no S. XIX (cf. DdD).

A PENA DE BOSTORROLLO (O Viveiró)
Probablemente proceda de "Busto Rolle", e este de Bustu Rullii, un "busto" dun posesor chamado Rullius, ou alternativamente de *Bustu Rudili, analogamente derivado de Rudilus, nome de orixe xermánica.
O paso -rolle > rollo sería simplemente unha ultracorrección fronte ao relaxamento da vogal final.
A voz "busto" designaba un lugar para pasto, "rabaño de gando vacún" ou "curral de bois e vacas", xeralmente no monte, lonxe das poboacións. Ver "BUSTELO" para máis detalles.

A PENA DO ABELLÓN (Muras -lugar de Xelgaiz)
Aínda que este topónimo aparenta referir ao macho da abella, non parece moi probable para un topónimo: sería un topónimo anecdótico, e ademáis estraño.
Temos, por tanto, que ir á procura dunha orixe alternativa para o topónimo, e atribuímos neste caso a orixe á raíz hidronímica prerromana *au[a]–, presente en ríos como o Avia, Avión, Avon, etc. 
De feito, non soamente a raíz *au-, senón tamén o sufixo -ón corresponde en moitos casos coa fixación de voces prerromanas (cf. e.g. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega", F. Villar, "Estudios de celtibérico y de toponimia prerromanaaquí).
--- Nota 24/06/2016: anos despois da redacción deste artigo, comprobamos que Bascuas, na súa obra póstuma, indica a mesma orixe para topónimos similares, incluíndo os topónimos correspondentes en portugués Abelhão e Abelhão, ou o río Abejón (Soria). En efecto, Bascuas interprétaos como formacións derivadas, co sufixo -lo, da raíz hidronímica indoeuropea *aw(e)- 'humedecer, fluír, mollar'. Cf. pp. 120-121 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

A PENA DO AMEIXÓN (Muras -lugar de Bestemuz)
Véxase "O Ameixón".

A PENA DO COCHEIRO (Muras -lugar de Sanche)
O dicionario refire "cocheiro" (con "o" pechado) como "lugar en depresión, curruncho". Cf. DdD.
Alternativamente, con "o" aberto, o mesmo que en portugués "Indivíduo que conduz os cavalos de uma carruagem".

A PENA DO ENCANTO (Muras -lugar das Cuíñas, Muras -lugar de Couce Mouro)
A referencia ao "Encanto" debe aludir a con entornos míticos ou relixiosos antigos. 
Así, hai varias penas "do Encanto" nas que se teñen atopado petróglifos, tales como no caso da "Pena do Encanto" en Silleda, e da "Pedra do Encanto" na ría de Arousa, así como "As Pisadas do Encanto" nas Anzas. No caso da Pedra do Encanto (O Hío, Cangas, Po), preto dela atópanse petróglifos, así como un castro e mais unha capela.
No caso da Pena do Encanto de Sta. Mª Maior, Mondoñedo, atópase ao lado do Pozo da Moura, outra referencia mítica. Igualmente, no caso da Pena do Encanto dos Vaos (Ribeira de Piquín), atópase ao lado da Pena Moura, así como da Capela de Santa Apolonia, que pode tratarse da despaganización do lugar.
No caso da Furada do Encanto (A Balsa), atópase ao pé de Trala Modia, aludindo a unha mámoa próxima.

Segundo López Cuevillas, o "encanto", na mitoloxía popular galega, sería un ente misterioso con cualidades sobrenaturais que se converte en ser material. El sería o que garda os tesouros dos castros (cf. F. López, "Prehistoria de Melide", in Terra de Melide. 1933 e 1978).
Recolle Xabier Moure, para o caso da "Pena Leirada" a lenda ".. hai un encanto por sete reinados, tempos irán e tempos virán que as patas das cabras os descubrirán".  Cf. blog O Noso Patrimonio.
En particular, a "Pena do Encanto" pode ter relación coa existencia de petróglifos, gravuras prehistóricas na rocha, e o termo "encanto" estar asociado a posibles lendas surxidas ao respecto. 
Bouza Brey indica que:
  “entre os diversos aspectos que presenta a crenza animista das augas, figura a que supón o poboamento destas por seres marabillosos, por xenios de carácter especial que na nosa terra acadan diferencias específicas. Nos nosos relatos tradicionais, cítanse en primeiro lugar os encantos que moran ademais de nas covas ou minas, nas fontes e nos ríos. Estes seres, no sentir dos nosos primitivos, son, en Galicia, homes e mulleres escravizados polo demo, que dispoñen de grandes tesouros, que andan moi ben portados e que non morren xamais; pero sempre están pensando na maneira de que os desencanten e os deixen, unha vez libres do poder demoníaco, vivir entre cristiáns.

O termo "encanto" pode tamén estar relacionado, alén de con algunha lenda, coa raíz céltica *kant- relacionado con "rocha, canto, borde", "beira de río con coios".

PENA DO GATO (Muras)
Este topónimo debe aludir, máis que ao animal indicado, ao apelido ou alcume dun antigo propietario do lugar. De feito, o alcume Gato xa figura rexistrado como Catus no séc. XIII, ".. Martinus Iohannis cognominato Catus.." (cf. R. Soto, 2018. "Alcumes e sobrenomes medievais en Galicia"). Lembremos que o apelido Gato ten a maior frecuencia no veciño concello de Xermade.
Temos tamén un Martingato neste concello.
Tampouco é descartábel unha alusión anecdótica a un gato, pero semella improbable.

A PENA DO INGLETE (O Burgo)
Orixe descoñecida. Talvez relacionada co castelán inglete, bispel, corte en ángulo de 45 graos.

A PENA DO OURO (O Viveiró)
O mesmo que para "Fonte do Ouro", a frecuencia de "Pena do Ouro" na toponimia galega fai pensar que, en lugar de ser referido a unha anecdota ou lenda asociada co apelativo "ouro", do latín aureum 'dourado' teña máis ben outra orixe que explique esta frecuencia.
Cremos que esta orixe alternativa sería a mesma que a de "Fonte do Ouro", e "Río do Ouro", o cal que está documentado na Idade Media como Aurio, e para o cal tanto E. Bascuas como outros autores relacionan coa  raíz hidronímica prerromana *awer- 'fluír', termo paleoeuropeo. 

A PENA DO TOPETE (O Viveiró)
Este lugar está atestado no Catastro de Ensenada do Viveiró (1753) ao describir os límites da freguesía.
Este topónimo debe remitir ao sobrenome Topete dun antigo posesor destes terreos. 
Rosario Soto indica que este alcume xa está documentado como "Topete" ("guecho ou rizo de pelo que se levanta sobre a fronte") no séc XIII  (cf. R. Soto, 2018. "Alcumes e sobrenomes medievais en Galicia").
Tampouco podemos descartar totalmente que remitise á forma en diminutivo de "tope", referido a un lugar alto. De feito, esta Pena do Topete encaixaría nesta interpretación.

A PENA DO VISO (Muras -lugar de Leganitos)
A voz "viso" designa un "sitio alto, sitio elevado". Cf. DdD.

A PENA DOS BOIS (O Viveiró)
AS PENAS DOS BOIS (O Viveiró)
O termo "boi" neste topónimo, pode provir ben do significado obvio, ou ben da raíz prelatina *boi- "rocha, pedra", e por tanto reforzaría o significado, "Pena das Rochas".
Autores como J. M. Piel identifican os relativamente frecuentes topónimos "Boi" co animal do mesmo nome. No entanto, pode tratarse dunha homonimia, e tratarse dunha raíz prelatina; de feito, moitas veces na toponimia galega os topónimos boi son relacionados con penas e rochedos ou penas (A Pena dos Bois, Boi Louro, Boi Pardo, Pedra de Boi, Serra do Boi). Se for este o caso, aludiría á situación ao pé dun penedo.

Dada esta homonimia, é dificil separar as alusións zoonímicas das litonímicas. Hai casos complexos de distinguir isoladamente, así  as "Pena dos Bois" existentes en Muras e nas Negradas poden tanto aludir á forma das penas, como tamén a unha tautoloxía na cal "Bois" teña unha orixe litonímica.
Nalgúns casos, a alusión zoonímica é improbable, a non ser que fose metaforicamente pola forma dos penedos, como pode ser no caso do cantil do "Porto dos Bois" en Portocelo ou do con "Os Bois" en Foz, ou de puntas costeiras como "Os Bois" de Cariño.
Por outro lado, hai casos como "O Chao dos Bois" e "O Campo dos Bois" que semellan aludiren a un lugar onde se reunirían estes animais domésticos, para pastar ou para outras actividades. 

A PENA DOS LIÑEIROS (Ambosores)
Ver "LIÑEIRO".

A PENA FERREÑA (O Sisto -lugar de Muruás, Muras -lugar do Brañal)
O adxectivo "ferreña" refire ao ferro, tanto indicando unha cualidade "ferruxinosa", como tamén metaforicamente de "duro, de calidade de ferro". 

A PENA LADRA (A Balsa)
Este topónimo tería a orixe no tema prerromano *lat-r- 'terreo pantanoso', de orixe céltica ou paleoeuropea, derivado da raíz indoeuropea *lat- "pántano, lameiro, lama", o mesmo que ocorre no caso do río Ladra, xa documentado no ano 572 como Latra (cf. CODOLGA). Indicaría talvez, por tanto, un lameiro ou algo similar.
Outros topónimos cercanos similares son "A Ladrela" en Piñeiro (Xermade), afluente do Ladra e "Campo da Ladra" nas Ribeiras do Sor. 

A PENA MARAVEDÍ (Muras -lugar de Bestemuz)
Talvez relativo a algunha lenda relacionada coa antiga moeda "maravedí". 
Alternativamente, podería ter derivado por "etimoloxía popular" dun nome antigo co tema prerromano *mira.

A PENA MOLIDA (O Burgo)
Posiblemente indicativo da forma da pena, como unha molida.

A PENA MOSQUEIRA (O Viveiró)
Ver "A Pena da Mosqueira".

A PENA PIOA (O Burgo)
Posiblemente "pioa" como femenino de "pión", talvez no sentido de "peonza" pola feitura da pena (sería preciso confirmalo, descoñecemos o lugar), ou alternativamente de "piar", polo ruído que faría co vento.

A PENA VERDE (Muras, O Viveiró, Ambosores)
O termo "Verde" pode corresponder co significado transparente de "pena de cor verde", igual que existe "Penamoura", "Penarruba", "Penalba". Esta hipótese parécea confirmar a existencia do topónimo "Penas Verdes" no lugar de Curralvello.

Alternativamente, tampouco se pode descartar que algún "Verde" da toponimia derive dunha forma en xenitivo Viridii, Virdii ou Vertii, remitindo a un antigo posesor chamado Viridius, Virdius ou Vertius, tal como teñen indicado Nicandro Ares ou X. L. Gª Arias. Porén, E. Bascuas rexeita totalmente esta orixe, "nada autoriza a supor que teña unha orixe e sentido distinto do que parece [, referido á cor verde]".  Cf.  pp. 482 de E. Bascuas, 2001. "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses". Num. 17.

PENABRIL (Irixoa)
Debe provir do sintagma Pena Abril, remitindo ao posesor do lugar onde se sitúa a pena. O antropónimo Abril está abundantemente atestado na Idade Media en Galiza ("Domno Abril", "Abril Sebastiani", "Abril Veremudit" - cf CODOLGA). 

AS PENAS ARDIÑEIRAS (Muras -lugar da Balsa)
O topónimo "Ardiñeira" posiblemente derive do elemento hidronímico paleoeuropeo (precelta) *ard-,  formado da raíz indoeuropea *er- 'fluír, moverse'.  Bascuas estudou esta forma na toponimia galega (cf. p. 58 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). 
Alternativamente, podería derivar do céltico ard 'alto', relacionado co latín arduus 'empinado, escarpado', e ademais encaixarían neste caso. No entanto, E. Bascuas indica que non está demostrada a difusión de tal termo na Gallaecia.
Outros exemplos desta forma *ard- en Galiza son os topónimos  "Ardeleiro" (e.g. en Mañón), a maioría relativos á hidronimia, así como Ardilar en Samos e Ardilosa en Cedeira. Tamén hai varios "Ardilleiros" e o lugar de "Os Ardelleiros" en Burela, e "A Ardilleira" en Castro de Rei e en Boqueixón. Así mesmo, Navaza recolle "Ardereiras" en Chandrexa, que cremos podería ter a mesma orixe.

AS PENAS DAS VIELAS (Muras -lugar das Ucheiras, Muras -lugar da Cabanela, Muras -lugar da Abelaira)
O termo "viela" ten varios significados. Neste caso sería talvez diminutivo de vía, "pequena vía". Cf. DdD.

AS PENAS DO CAMPO DAS ABRÓTIGAS (Muras -lugar das Cuíñas)
Unha "abrotia" ou "abrótiga" ou "abrótega" é unha "planta herbácea medicinal e   ornamental, da familia das liliáceas". Sarmiento recolleu en Cervantes (Lugo) a voz  "abroita", coa anotación: 
        «cuécese para los cerdos, y no les daña»
En portugués é tamén abrótea. Etimolóxicamente, derivaría do latín abrotanumProbablemente a evolución teña sido a partir do plural latino dunha forma xeminada en -tt- abrottana >abrótena (por disimilación) > abrótêâ > abrótea (desnasalización) > abrótega (reforzamento do hiato).  No entanto, é unha suposición ao non coñecermos atestamento da forma xeminada.

AS PENAS DO FARNEL (Irixoa)
Ver "O Farnel".

O PENIDO (Muras -lugar da Fraga Chá, O Burgo, O Viveiró)
Abundancial de "pena". O dicionario define "penido" como "cabezo, monte en forma cónica". Cf. DdD.

O PENEDO DA FORCA (Silán) 
A  aplicación na toponimia, deste e doutros derivados de "forca" ("Forcada", "Forcadela", "Forcadiña") é relativamente frecuente, referindo xeralmente a unha bifurcación de río ou regato. Noutros casos tamén pode referir a bifurcación dun camiño, ou de montañas; neste último caso, sería no sentido de "desfiladeiro". A acepción de "forca" como "desfiladeiro", aínda que no galego actual non se rexistre, en portugués si que se conserva.
Neste mesmo concello atopamos "Forcada", varios "Forcón" e Forcós, con similar alusión.

É interesante o caso análogo do topónimo salmantino "Peñahorcada" que comenta Pascual Riesco que o dicionario de Madoz daba a seguinte explicación para esa poboación: “contiene en su estremo dos peñascos o rocas casi inaccesibles que forman una especie de horcada, de donde toma nombre el pueblo” (cf. P. Riesco, 2003. "Calzada de Valdunciel, palabras, cosas y memorias de un pueblo de Salamanca").

Dada a súa frecuencia en Galiza, podemos descartar que fosen orixinados nunha referencia ao aparello "forcada" ou "forqueta", pois sería un topónimo anecdótico e non se darían con tal frecuencia.

A mesma interpretación dáa Coromines na toponimia catalá, con alta frecuencia dos correspondentes "Forques", Forcat(s), Forcada (-es), Forcall, Forquet, aludindo a un accidente xeográfico, a unha bifurcación nun camiño, río, val ou barranco.

OS PENEDOS DA LANZA (Silán)
Ver "A Lanza".

O PENÓN (Muras -lugar da Pena da Leira)
Pena ou penasco de gran tamaño.

O PEPITO (O Burgo)
Interesante nome o deste núcleo de poboación. Cremos pouco probábel relacionado co hipocorístico castelán derivado de "Pepe".
É interesante tamén notar a coincidencia do sufixo "-ito", co caso de "Leganitos" neste mesmo concello, e de suposta orixe céltica.

O PEREIRO (O Viveiró -lugar da Pereira, Silán, O Burgo, Muras -lugar de Suaschousas)
A súa orixe pode ser de pirariu, da árbore que da peros. Nalgúl caso podería remitir a un petrariu ''lugar pedreiro, pedregal'.
Sería preciso dispor de documentación antiga ou do coñecemento da orografía da zona para diferenciar parte deles.

OS PEREIROS (A Balsa -lugar dos Pereiros)
OS PEREIRIÑOS (Irixoa)
A súa orixe pode ser de pirariu, a árbore que da peros. Nalgún caso podería remitir a un petrariu ''lugar pedreiro, pedregal'.
Ao ser en plural, aínda podería tamén remitir a un xentilicio, a un antigo posesor do lugar que tivese tal apelido ou alcume.
Sería preciso dispor de documentación antiga ou do coñecemento da orografía da zona para diferenciar parte deles.

O PERLUÍDO (Muras -lugar da Fonte)
Talvez derivado de  Pe(d)ro Luído, nome de antigo posuidor. O termo "luído" ("desgastado") podería ser un alcume ou un apelido.
Porén, esta é apenas unha mera hipótese, sería preciso dispor de documentación antiga para a poder confirmar ou rexeitar.

O PETEIRO (O Burgo)
Por "peteiro" enténdese algo que sobresai no terreo, por exemplo unha zona de herba alta ou incluso unha morea de mollos. Neste sentido, tamén pode ser unha "mota" ou "motillón".

A PEZA DE XARRALDO (Silán)
O topónimo remite a unha peza ("finca")  dun antigo posesor chamado Xarraldo. Este nome deriva de Geraldus, de orixe xermánica.

O PIAGO (Muras -lugar de Perros, O Viveiró)
Un "piago", "peago" ou "pego", do latín pelagus,  é unha poza profunda de auga, xeralmente nun río.
En efecto, este termo é definido por Piel como "sítio fundo do mar ou de um rio". Cf. p. 323, J. Piel "As Águas na toponímia galego-portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VIII, 1945.

A PICHA (Muras -lugar da Cabanela)
Á parte do significado do órgano sexual, o apelativo "picha" indica "fonte pequena que deita auga" (cf. Estraviz), e está relacionada con "picho", "pichoca", "pichel" e "picheira". Hai cerca de 400 topónimos rexistrados, todos co sentido de "lugar polo que sai a auga".
Ver "A PICHEIRA".

A PICHEIRA (Muras -lugar da Picheira de Musdradas, O Viveiró -lugar da Picheira, Silán, Muras -lugar da Pena da Leira, O Burgo, Ambosores, O Viveiró, Muras -lugar de Vedille, Muras -lugar de Bestemuz)
A PICHEIRA DE BAIXO (Muras -lugar da Pena da Leira)
A PICHEIRA DO REGO (O Viveiró)
A PICHEIRA GRANDE (Muras -lugar de Bustelo)
A PICHEIRA PEQUENA (Muras -lugar de Bustelo)
A PICHEIRA DAS NOCELLAS (Irixoa)
AS PICHEIRAS (O Viveiró)
O mesmo que "pichel" e "picha"; este termo está relacionado co "lugar polo que sai a auga". Coidamos que, no caso deste topónimo "Picheira", indica algo similar a "chorro, cachón", "pequena fervenza". Así, existen en Galiza as fervenzas chamadas "A picheira da Seara" e "Picheira do Fócaro" en Quiroga, "A Picheira de Vieiros" en Ferramulín (Courel). 
Aínda que os dicionarios de galego non rexistren esta acepción, si rexistran "pincheira" e "ficheira" con esta acepción.
O nome "picheira" en portugués é o mesmo que "pichel", xarra para sacar o liquido das cubas de viño.

En canto a "Picheira das Nocellas", alude á abundancia da "nocella", planta da familia das gramíneas (Arrhenatherum elatius). 
O Catastro de Ensenada para S. Salvador de Couzadoiro (1752) atesta o "chao das Nocellas" ao referir os límites da parroquia. 

AS PICHOCAS (Silán)
Unha "pichoca" é definida polo dicionario como "biquela", "picho". Posiblemente, no campo toponímico teña un significado similar a "picheira". Ver "A PICHEIRA".

O PICO DA SELA (Irixoa)
Probablemente o termo "sela" sexa metafórico pola forma pandada do pico, de "sela". 
Outro topónimo deste concello "A Panda da Sela", axúdanos a confirmar esta hipótese (ver tal topónimo para máis detalles).

O PICO DOS PARAÑOS (Muras -lugar do Pico dos Paraños)
Ver "O Parañal".

O PICO VERDE (Muras -lugar do Pico Verde)
O termo "Verde" do nome deste núcleo de poboación pode corresponder co significado transparente de "pico de cor verde", lugar fértil. Ver "A PENA VERDE" para consideracións adicionais.

AS PICOTAS (Silán)
A Picota designaba o pau espetado, poste ou columna no que se executaban as sentenzas ignominiosas impostas aos criminosos.  O dicionario de Marcial Valladares (1884) define "rollo" como "La picota, ú horca, hecha de piedra y en forma redonda, ó de columna. Era insignia de la jurisdiccion de villa, odiosa para los pueblos.." (Cf. DdD).
A Picota é sinónimo de Rollo, coa única diferencia que conceptualmnte a Picota podía estar situada en calquera lugar, en canto que o Rollo soamente se erguía nas vilas capital de señorío xurisdicional.
De feito, ao pé desta finca de Silán atópanse "O Cárcere" e mais "A Casa Vella do Concello", co cal deixa poucas dúbidas.
O termo "picota" ten tamén a acepción de "cima dun monte", non é o caso deste topónimo.

Finalmente notar que, aínda que este topónimo estea en plural, isto non é significativo.: o máis probable é que pasase o lugar de chamarse "A Picota" a "As Picotas" cando a finca á que dá nome se partillou entre varios propietarios, feito común na toponimia.
Para máis detalle, consultar a entrada "Algúns lugares de axustizamentos na Mariña e o Ortegal" no blog da "Pena da Cataverna".

A PINGUELA (Ambosores)
O termo "pinguela" ven de "pingar", "caer a auga ou o líquido", derivado do latín tardío *pendicare 'estar colgado ou inclinado'.

Pinguela significa "Fío de auga que mana dunha rocha", e tamén "Cano por onde verte auga unha fonte".
O mesmo que "pimpela", Fío de auga que mana dunha rocha. Cf. RAG.
É un topónimo relativamente frecuente, por exemplo no concello veciño de Xermade.

O PIÑEIRO (Muras -lugar de Baxín, Muras -lugar de Couce Mouro)
O topónimo Piñeiro remite á existencia dunha árbore deste nome.
Tanto nestes casos como en xeral na toponimia, é frecuente atopar este nome en singular, o cal pode aludir a un piñeiro illado que constituía unha referencia no territorio, nalgúns casos como linde.
Tal como indica Gonzalo Navaza, resulta curioso o feito de ser moito máis frecuente  como topónimo a forma simple, Piñeiro, que as formas en plural, Piñeiros, ou as colectivas,. Parece ser que a explicación é que esta  árbore se estendeu tardiamente en Galiza, sobre todo desde o século XVIII, e que ata entón xeralmente eran exemplares illados.

PÍOS DA LAGOA, OS (O Sisto -lugar de Muruás, Muras -lugar do Brañal)
O termo "pío" ten múltiplas acepcións, mormente a de maseira de pedra ou de madeira. Polo xeral na toponimia alude a un recipiente de pedra, que puido ter un uso para acumular a auga da chuvia ou a que brota dunha fonte, ou ter uso para morteiro dalgún tipo.
Por outro lado, tamén poida que aludise concretamente á existencia de píos para a industria artesanal da pel, xa que os píos eran os recipientes nos que se alagaban as peles con casca de piñeiro (pío de casca) ou con cal (pío de cal) co obxectivo de eliminar delas os restos orgánicos e proceder ao seu curtido
(cf. L. Carrasco e G. Navaza, 2014. "Toponimia do Val de Fragoso"). Ao ser "da Lagoa",  a auga puido contribuír á actividade do curtido, parece reforzar esta interpretación.

O PISÓN (Muras -lugar da Casanova da Xestosa, O Viveiró, A Balsa, Muras -lugar de Boca da Grande, Muras -lugar das Cuíñas)
Un "pisón" é similar a un "batán", máquina composta de grandes mazos que xiran para pisar os tecidos e darlles maior consistencia.

O PLANTÍO (Muras -lugar da Volta, O Viveiró, Irixoa)
OS PLANTÍOS (Silán)
Este topónimo, rexistrado na maior parte dos concellos,  refire en xeral a un abundancial de plantas. Probablemente moitos dos topónimos "Plantío" remitan a "Plantíos Reais", que tiñan o obxectivo de prover  madeira aos estaleiros da Armada. Probablemente fanreferencia ás Ordenanzas Reais (e.g. a de 1748 de Fernando IV), que impuxeron a reserva en cada concello dun espazo para plantío de árbores. Indica Carlos Breixo a constancia da existencia dos Plantíos Reais en Galiza a partir do reinado de Filipe II. As árbores que se plantaban nesta zona eran dous tipos de carballos, freixos, e nogueiras.  Cada veciño da freguesía na que había un Plantío Real tiña a obriga de plantar un número determinado de árbores e coidalas durante uns vinte e cinco anos (cf. C. Breixo, "A vila das Pontes no catastro do Marqués de Ensenada" in Hume n. 8). Os Plantíos Reais desapareceron como tales no século XIX, ao ser vendidos por non se usaren xa para os buques da Armada.
Igual interpretación, de referencia a ordenanzas reais, fai Pascual Riesco (cf. P. Riesco. "Paisaje y territorio en la toponimia menor de un pueblo sayagués: Escuadro").
Neste sentido, é interesante a acepción de ‘terreo de castiñeiros’, que recolle Marqués Valea na zona de Trabada (cf. X. Marqués, 2004. "A toponimia de Trabada"). 
Por outro lado, Navaza dálle unha acepción xeral, de "lugar onde se plantaron vexetais recentemente" (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").

PONTE BERMUZ (A Balsa -lugar de Ponte Bermuz)
De "Ponte Bermudici", xenitivo de antropónimo medieval de orixe xermánica.

PONTE DA URUXEIRA (Muras -lugar de Sanche)
"Uruxeira" é unha grafía alternativa por "Oroxeira", derivada de "oroxo",  un hidrónimo de orixe prerromana. Ver "A Oroxeira". 

PONTE DO PORTO (Muras -lugar da Balsa)
Topónimo transparente, referido á existencia dunha ponte nun "porto" de río. Ou sexa, antes da existencia da ponte xa se usaba o lugar como vao, por onde cruzar o río.
En efecto, os dicionarios de galego rexistran as tres acepcións de porto, tanto a de "porto de mar" como a de "vao no río, sitio por onde se pode atravesar" e a de garganta por onde se atravesa un monte.
Por outra banda, é interesante reparar que Ferreira Priegue vencella os Portos con postos nos que se cobraba un portus, unha pasaxe, imposto ao tráfico de mercadorías : "En el imperio romano un portus era un puesto fiscal donde se pagaban impuestos de circulación y tráfico de mercancías (portorium) de tipo de los posteriores peajes y portazgos". Cf. E. Ferreira 1988. "Los caminos medievales de Galicia".  Ourense 1988.

PONTIGO DAS QUENLLAS (O Viveiró)
Unha "quenlla" pode indicar unha "pendente, declive" e tamén "canal, cale".

O PORROMEO (O Viveiró -lugar do Porromeo)
Alusión ao antigo posesor do lugar, Pero Romeu, sendo "Pero" a forma común medieval do nome Pedro (cf. X. González, 2022. "O nome " Pero" na (micro) toponimia").
Ver O ROMEU.

PORLOFE (O Viveiró)
Alusión ao antigo posesor do lugar, Pero Lofe, sendo Pero a forma común medieval do nome Pedro (cf. X. González, 2022. "O nome " Pero" na (micro) toponimia").
Canto a Lofe, debe tratarse dun alcume relacionado cos recollidos no dicionaro "lofe", "lofra", Loufa, Loufrán, etc. O alcume Lofeno xa figura rexistrado na Idade Media (cf. R. Soto, 2018. "Alcumes e sobrenomes medievais en Galicia").
Temos tamén en Xerdiz (Ourol) Porlofre, que semella reforzar esta hipótese.

O PORTANCHO (O Viveiró)
De "Porto Ancho", onde "porto" refire a "paso de montaña".

O PORTO DOS BOIS (Muras -lugar do Porto Novo)
Neste topónimo, "porto" refire a "paso de montaña".
Para "Bois", pode tratarse tanto da alusión ao animal deste nome ou a un penedo. Ver "A PENA DOS BOIS".

O PORTO GUERREIRO (Silán)
Alusión ao apelido dun antigo posesor. Ver OS GUERREIROS.

PORTO GUNDÍN (O Viveiró)
De Portum Gundini, xenitivo de Gundinus, nome de orixe xermánica.
O termo "porto" refire a un paso de río ou regato, un "vao no río, sitio por onde se pode atravesar". 

PORXESTA (O Viveiró -lugar de Porxestas)
PORXESTAS (O Viveiró -lugar de Porxestas)
Debe aludir ao antigo posesor do lugar, Pero Xesta, sendo Pero a forma común medieval do nome Pedro, e Xesta o sobrenome (cf. X. González, 2022. "O nome " Pero" na (micro) toponimia").

O POUSADOIRO (Muras)
Un Pousadoiro designa o lugar que quedaba á fin ou remate dunha subida, onde naturalmente o camiñante descarga e pousa o seu peso e carga.  Esta definición xa vén recollida para o portugués antigo (cf. s.v. "pousadouro", in Viterbo, "Elucidário", 1798).
Asimesmo, designa o poio ou similar onde se acostumaba pousar a carga transportada ás costas. 

POZO DO COTÍN (Muras -lugar da Ponte)
O termo "cotín" podería derivar de Cuttini, xenitivo do nome latino Cuttinus.
Alternativamente, diminutivo de "coto", aínda que o sufixo non é común.

POZO DO PIAGO (Muras -lugar de Perros)
Ver "O Piago".

O POZO PIAGO (Irixoa)
Ver "O Piago".

A PRADELLA DO BREXÓN (Irixoa -lugar de Liñeiro)
O apelativo pradella é sinónimo de "pastizal". 
Canto a "brexón", indicaría "toxo grande". Cf. DdD. Descoñecemos se esta acepción de "brexón" está ou estivo presente nesta zona. De non ser así, tamén podería tratarse dun colectivo de brexo 'terreo sen cultivar e húmedo' (cf.  L. Carré (1979), "Diccionario galego-castelán"). Esta segunda acepción de brexón como zona húmeda semella encaixar mellor neste caso ao ser unha pradella. Nese caso, a etimoloxía de "brexón" remontaría a unha forma céltica *bhre(g)-io, xa estudada por E. Bascuas.
En efecto, E. Bascuas dubida para "brexón" entre unha orixe prerromana, a partir dunha forma céltica *bhre(g)-io, ou nunha orixe romance a partir de viridis 'verde'. Se fose prerromana, o sufixo -ón non viría do latín -onem senón do sufixo celta -ono. Para máis detalles ver  pp. 463 e 469 de E. Bascuas, 2001. "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses". Num. 17.

A PRADELLA DO COTÍN (Muras -lugar da Ponte)
Unha "pradella" é un sinónimo de "pastizal". 
O termo "cotín" pode referir a diminutivo de "coto" ou, máis improbable, a un antigo posesor, sendo Cuttini o xenitivo de Cuttinus, nome de persoa.

O PRADO DA LESTA (Muras -lugar de Suaschousas)
Ver "A Costa da Lesta".

O PRADO DO MUXÍN (Irixoa)
Ver "O Coto do Muxín".

O PRADO DO REGO CALLUDO (Ambosores)
Neste caso, cremos que "Calludo", máis que relacionado con "callo", debe ter relación con "callau", co sufixo -udo como abundancial (narigudo, peludo, ..). Indicaría, xa que logo, a abundancia de callaus neste rego.
Cabeza Quiles, aínda que non menciona "Calludo", si recolle "Callau", "Calleira", Callobre e Callón, asignándolles esta orixe celta (cf. F. Cabeza "A toponimia celta de Galicia". 2014).

O PRADO DOS BOIS (Irixoa)
Para "Bois", pode tratarse tanto da alusión ao animal deste nome (o cal semella o máis probable ao tratarse dun prado) ou ben á existencia de rochedos. Ver "A PENA DOS BOIS".

A PRETA (Muras -lugar de Casateita)
Posiblemente co significado de "negra", quer pola cor do terreo ou de "a agra do Preto", polo apelido dun antigo posesor. 

QUEIMADO (Ambosores)
Probablemente en relación coas actividades de cavar na roza. Cando se cavaba a roza, facían borralladas ao queimaren os toxos, etc, que servían de abono, para despois plantar centeo ou outros cereais.


O RAIGOSO (Silán)
Terreo onde abundan as raíces. Era unha información de interese nun contexto agrícola. 

O RAIRO (Muras -lugar da Pena da Leira)
O RAIRO DO MUÍÑO (O Burgo -lugar do Burgo)
O "rairo" designa a "gabia pola que discorre a auga dun río ou un regato", e por extensión a "cale do muíño". En particular, como nos indica Manuel Gato, acostuma ter muros laterais e o leito pode ser de lousa. 
O Nomenclator rexistra outro Rairo en Valcarría (Viveiro) e outro en Ourense, xa documentado en 1453 con ese nome.

A RAMALLEIRA (O Burgo)
Lugar frondoso, onde abundan os ramallos, as árbores pequenas ou os arbustos. Cf. DdD.

O RAMISCAL (Silán, O Burgo)
Conxunto de ramas cortadas.

A REGA (A Balsa, Muras -lugar da Cabanela, Muras -lugar da CarballosaMuras -lugar de XelgaizSilán, O Burgo, O Viveiró)
Unha "rega" é definida  como "angostura formada pola unión das faldas de dúas montañas, que costuma ser cauce dun rego (cf. DdD). Designaría, por tanto, un "pequeno vale polo que discorre un rego."
É xeralmente admitida unha orixe pre-romana, dunha raíz paleoeuropea *rek-. Para unha análise etimolóxica ampla de "rego", ver E. Bascuas (cf. E. Bascuas, in VERBA, 2000).

A QUENLLA (O Viveiró)
Diminutivo de "canle", derivado do latín canicula
Unha acepción que encaixaría é a de "Val estreito e fondo, servindo de lugar de paso entre montañas". Cf. DdD.

AS REBOIRAS (O Burgo)
Do latín vulgar roboria 'carballo'. Non se conservou no galego actual, excepto no caso de "rebolo", carballo que ten nas follas unha pubescencia branca, e tamén os  carballos novos.
Por outro lado, no dicionario de Aguirre, "reboira" figura como  ‘rebolta’ (camiño de volta, o máis longo).

O REBOLÓN (O Sisto)
Probablemente aumentativo de "rebolo". Os dicionarios galegos rexistran para "rebolo" o significado de "carballo, renovo do carballo". 
Tampouco podemos desbotar a interpretación como alcume, na acepción de "rebolo" como "home ou animal rechoncho", que podería ter aplicación toponímica como alcume dun antigo posesor do terreo.

REBORDELOS (O Viveiró -lugar de Rebordelos)
De "Roboredelos", diminutivo de "reboredo". Indicaría, por tanto, unha pequena carballeira. Cf. p. 1257, Nicandro Ares, "Estudos de toponimia galega". Vol II. 2011. 

O REBUXENTO (Silán)
Este topónimo debe vir de "Rabuxento", nome xocoso con que puido ser alcumado un antigo habitante do lugar como enrabexado, de trato áspero.  Eladio Rodríguez no seu dicionario definiu "rabuxo" como "Desabrido, acrimonioso, áspero no xenio e no trato."

Por outro lado, o filólogo J. A Palacio relacionou o topónimo "Rebuxentos" con  "Rebuxán", o cal interpreta como 'terreno que se desecha' y sería semánticamente semejante a  'residuo de terreno que deja fuera el muro que lo cierra'. Na nosa opinión, sería extender excesivamente o campo semántico de rebuxo , e aínda admitíndoo así, semella encaixar mal para o nome dunha poboación.

Na contorna, o Nomenclator rexistra "Os Rebuxentos" en Piñeiro (Xermade) e mais "O Rebuxento" en Ferreira do Valadouro.

O RECANTO (A Balsa)
Un "recanto" indica un corruncho, esquina, lugar apartado.

A REGATA (Muras -lugar da Cabanela, O Burgo, O Viveiró)
Os dicionarios definen "regata" como "valgada", tanto na acepción de "espacio entre dous montes" como na de "regueiro pequeno". Cf. DdD.
A etimoloxía é común coa de "rego", para o que se lle asigna unha orixe na forma prerromana *rek-  (cf. E. Bascuas, in VERBA, 2000). Viría, por tanto, dunha forma *rekatta, co sufixo prerromano -atta.

A REGATEIRA (Muras -lugar de Sanxillao, O Viveiró)
Aínda que non rexistrado nos dicionarios con esta acepción, o topónimo "regateira" refire a "regata" ou conxunto de "regatas", sinónimo de "valgada". Ver "A Regata" para máis detalles.

O REGO CERQUEIRO (A Balsa)
Este topónimo designa un regueiro ao pé do cal estaría un "cerqueiro" suficientemente relevante na paisaxe como para servir de referencia. O "cerqueiro" designa unha árbore da mesma familia que o carballo (cf. DdD).

O REGO DA AIGA (Muras -lugar de Xelgaiz)
A "aiga" é o mesmo que "aguia", ave de rapina.

REGO DA XISTRA (O Viveiró)
O termo "xistra" ten varias acepcións (cf. DdD):
  • a planta "pirixel de monte", de nome científico Meum athamanticum. Tamén a planta Sorbus aucuparia.
  • xota, vara delgada (daí o termo "xistrazo", golpe con vara delgada).
  • Vento frío do norte con ráfagas de chuvia
Neste contexto, cremos que estaría relacionado coa acepción de planta.
Para máis detalles, ver "A Camposa do Xistral" .

REGO DE OROÑA (A Balsa)
O termo "Oroña" é un hidrónimo de orixe prerromana, co tema *ur-, que xeralmente se entende como variante da raíz *er- (fluír, moverse).
Esta orixe refórzaa o sufixo -(o)ña, tamén de orixe prerromana.

O REGO DE XEXE (Silán)
Posiblemente o termo "Xexe" derive do nome de persoa Sinesius. A terminación -e sería debida a flexión do nome en xenitivo Sinesii  ou a unha relaxación da pronuncia Xexo > Xexe, o cal é relativamente frecuente na toponimia galega.

O REGO DO ARO (Muras -lugar de Baxín, Muras -lugar de Suaschousas)
REGO DO ARO (O Burgo)
Posiblemente o significado de "Aro" estea relacionado coa raíz hidronímica prerromana *ar-, presente en moitos ríos europeos, e en particular en moitos "rego de Aro" da comarca.
Ver entrada específica do blog Pena da Cataverna para máis detalles.

O REGO DO CANDO (O Viveiró)
Segundo G. Navaza, o termo "cando" en xeral designa "póla seca", "vara para alumar", "pau queimado", "guizo, chamizo" (cf. aquí). En canto á etimoloxía, é discutíbel, ainda que parece remontar a unha raíz indoeuropea *(s)kand-  'resplandecer, brillar', 'lúa', como no lat. candeo "brillar", "arder" e os seus múltiples derivados, como "acender", "candela", entre outros. Partindo desta raíz postulouse un elemento céltico *kando-, e kandanos, do que derivaría o asturiano cándano e o galego "cando". 

Existen en Galicia multitude de topónimos relacionados:  Candaedo, Candaendo, a Canda, o Candal, Candaoso, Candaosa, etc. En Asturias, León e Zamora existen as formas correspondentes Cándano, Cándana, Candanal, etc.

REGO DO CANEIRO (O Burgo)
ver "FRAGA DO CANEIRO".

O REGO DO FEO (Muras -lugar dos Carballás)
O termo "feo" estaría relacionado coa acepción de "herba" (castelán heno).

REGO DO MAN (O Viveiró)
Posiblemente de "Rego d'Omán", sen ter "Omán" relación co país árabe senón coa raíz hidronímica prelatina *um-, presente en moitos outros hidrónimos como Umia, Uma, (O)Mao.

REGO DO PICODESO (A Balsa)
Debe provir dun "Rego do Pico Codeso", coa supresión por haploloxía.
O termo Codeso, neste caso, debe remitir ao alcume dun antigo posesor do lugar. Ver O CODESO.

O REGO DOS GATOS (Muras)
Probablemente sexa alusión expresiva ao cativo que é o rego, que o saltan os gatos.
Podería remitir a gatos monteses, mais é improbable, dada a cantidade de regos que aluden aos gatos, tal como outro REGO DOS GATOS en Vieiro (Viveiro) e en Xove.
No entanto, dada a frecuencia do apelido "Gato" en toda a contorna, non é descartable que se refira a un apelido, tal como ocorre coas ACEAS DE GATO ou con A LEIRA DE GATO, ambos os dous topónimos tamén rexistrados nesta parroquia.

O REGO DOS MOSQUEIROS (A Balsa)
Ver "Os Mosqueiros".

REGO DO POLAIMO (O Viveiró)
Ver "O Pelaimo".

O REGO DOS SAPOS (Muras -lugar da Rega)
"Rego de Sapo(s)" é un topónimo frecuente en Galiza. 
Aínda que o máis probable sexa que corresponda co significado obvio, tamén é interpretado cun significado hidronímico e unha orixe prerromana, posiblemente indoeuropea (cf. aquí).

O REGO DOS SUEIROS (O Burgo)
Terreo da familia dun antigo posesor chamado (ou apelidado) "Sueiro",  antropónimo de posible orixe xermánica (HGN 259.1).

REGO DOS TORGOS (Muras -lugar de Debodas)
O "torgo" é sinónimo de uz, e por veces especificamente a raíz da uz.

O REGO GALLUDO (Ambosores)
O termo "Galludo" pode indicar unha confluencia de regos ou, alternativamente,  unha "abundancia de rochas", e proviría do tema prerromano *kal(l)- 'rocha'. Ver entrada no blog Pena da Cataverna para máis detalles.

A REGOÑA (Muras -lugar da Pena da Leira, Muras -lugar da Carballosa)
AS REGOÑAS (O Burgo, Irixoa, O Viveiró, O Sisto)
O apelativo "regoña", derivado de "rega", é definido no dicionario como "baixada dun monte na que costuma haber pastos no verán." Cf. DdD.

OS REIGÓS (O Viveiró)
De "raigós", aumentativo plural de "raíz". Posiblemente indicando un lugar onde abundan as raíces.

O RELO DO MUÍÑO (Muras -lugar de Xelgaiz)
O termo "relo" neste contexto ten a acepción de "muíño ordinario".

OS REQUEIXOS (Silán)
O dicionario define "requeixo" como "baixada dun monte en declive para un vale" (cf. DdD), ou tamén lugar apartado, nun recanto.
Estes topónimos, frecuentes na toponimia galega e moitos xa atestados na Idade Media, aluden polo xeral a recunchos ou recantos no terreo, por veces xerados por ángulos do río e outras veces remitindo a pregas e entalladuras montañosas.
No galego das Médulas (León) aínda se conserva viva esta voz, co significado de  ‘Terreo resgardado; quebra do terreo; vagoada pendente e resgardada’ (cf. F. Bello, "Lexico, literatura y tradición oral en el entorno de las Médulas").

Segundo Bascuas, viría da forma prerromana *rek-, presente en palabras como rego (con "e" aberto), e do sufixo -asio, presente en topónimos como "Arteixo"(cf. E. BascuasVERBA, 2000).

A RESTREBADA (O Viveiró -lugar da Restrebada)
Topónimo que remite a un lugar con restrebas, os couces das pallas ou canas de cereal que quedan presas á terra despois da sega.

O RETORNIÑO (Muras -lugar do Coto)
O RETORNO (Silán)
Os topónimos  "Torna", "Torno" e "Retorno" son de orixe prerromana, cun significado de "chorro de auga",  probablemente derivados da raíz hidronímica paleoeuropea*ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica de blog A Pena da Cataverna para máis detalles.

O REVELLÓN (O Viveiró)
Este lugar está atestado no Catastro de Ensenada do Viveiró (1753):
       ... "incorporacion que hace este rio al de Revellon" ..

Tal como se explica na entrada para "VELLÓN", o máis seguro é que tanto este topónimo como tamén o seu homónimo de Cabreiros deriven de "río Vellón", o mesmo nome de río (regato) a que aludirían os "Vellón" da Pena da Leira e o da Picheira de Musdradas, tamén neste concello.
Atopamos dúas "Pontiga do Revellón", unha aquí e outra en Irixoa. Xa na zona costeira, aopamos o "Rego de Vellón" en Xuances.
Ver a entrada "Vellón" para máis detalles.

Tamén podería referir a terras pertencentes a alguén con apelido Rebellón, aínda que é improbable dada a baixa frecuencia na contorna.

A REVOLTA DO CHALÁN (O Viveiró)
Unha revolta e unha curva nun camiño ou río. O termo "chalán" refire a "Persoa que trata ou comercia con algunha mercadoría, especialmente con gado".

AS RIFERTAS (Ambosores)
Grafía alternativa por "refertas". 
O termo "referta" significa "liorta, rifa"; por tanto, referiría posiblemente a refertas ocorridas quer no lugar ou pola posesión do lugar.

RÍO DA FRAGA DA CHANCA (Silán)
Ver "O corno da Chanca".

RÍO DO REAL (O Viveiró)
Probablemente, "Real" derive neste caso do latín riualis "á beira do río, ribeirán". Esta é a hipótese de J. Piel, para quen as formas "Real" e "Rial", frecuentes na toponimia menor de ríos, serían formadas a partir de "río", o mesmo que "ribeiral" a partir de "ribeira".  Cf. J. Piel, "As Águas na toponímia galego-portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VIII, 1945.
Sen documentación que o xustificase, debemos supor non teren relación ningunha con reguengos ou dominios de reis.

RÍO EUME (varios)
Hidrónimo de orixe prerromana, posiblemente derivado dunha forma paleoeuropea *oiw-ugw smi, que incluiría a raíz *ei "ir" (en función determinante) e a raíz *weg-/*ug- "húmido, mollar, bañar" (en función determinado). Cf. p. 230 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". 

RÍO LANDRO (Muras -lugar do Chao)
Posiblemente do céltico *landa- "terreo cultivado" (cf. aquí). Aventuramos un *Landor, co tamén elemento prelatino -or, presente noutros hidrónimos, ainda que haxa quen o relacione con "landra".

RÍO SOR (Muras -lugar da Carballosa)
Ver a entrada Río Sor. no blog Pena da Cataverna.

O ROCELLO (O Viveiró)
Diminutivo de "roza", "monte que se cava ou ao que se lle queima a broza para cultivalo". Esta é a opinión tamén de Rivas Quintas, que o define como "Monte bajo con esquilme". 

O ROCELLÓN (O Viveiró)
Aumentativo de "rocello". Ver "O Rocello".

O ROCÍN (Silán)
Debe remitir ao sobrenome dun antigo posesor do lugar. O alcume Rocín está rexistrado xa no séc. XIII ".. Pelagius Pelagii, dictus Rocin.." (cf. R. Soto, 2018. "Alcumes e sobrenomes medievais en Galicia").
A existencia doutro "Rocín" no veciño concello de Xermade parece confirmar esta hipótese, posiblemente derivados ambos do mesmo posuidor.

AS ROCIÑAS (O Viveiró)
Diminutivo de  "(monte das) rozas", monte que se cava para cultivalo con trigo ou centeo". 

O ROMEU (Muras -lugar do Coto, O Viveiró)
Debe remitir ao apelido dun antigo posesor do lugar. O alcume Romeu xa está atestado no séc. XII (".. ego Pelagius Petri cognomento Romeu .." 1196 CODOLGA). O apelido ten certa frecuencia no  concello de Viveiro, polo que a puido ter antigamente neste concello tamén.
Alternativamente, poderíamos especular en que alude á orixe dun antigo posesor do lugar, da freguesía de San Román de Vilaestrofe (Cervo). Inclusive o apelido Romeo tamén pode ter a orixe nun individuo oriúndo desa freguesía, dado que o apelido se distribúe case en exclusiva no veciño Viveiro.

O apelido e alcume poderíamos tamén pensar nunha orixe no adxectivo "romeu", "peregrino", orixinariamente peregrino que vai a Roma, mais xa na Idade Media, peregrino a Santiago.

Existe tamén  no Viveiró un "O Porromeo", que deriva dun *Pero Romeo (cf. ) , que reafirma a orixe en apelido.

A RÚA (O Viveiró, O Burgo, Silán)
Este lugar do Viveiró está atestado no Catastro de Ensenada do Viveiró (1753) ao indicar a situación dun muíño;
       ... "y se halla al sitio da Rua" ..
Este topónimo probablemente corresponde co apelativo "rúa" ‘camiño dentro dunha poboación, rodeado por casas, árbores etc.’ (cf. Dicionario RAG). A etimoloxía sería da forma latina rūga ‘arruga’ (cf. J. Corominas, "Diccionario crítico etimológico castellano e hispánico". s.v. rúa), probablemente a través do francés rue. (cf. e.g. E. Rivas Quintas, "Toponimia de Marín". Anexo 18 de Verba. 1982.

RUBAÍÑO (Silán)
Forma en diminutivo de "rubal" 'tirando a roibo'. A motivación deste topónimo pode ser que remita a un alcume dun antigo posesor ou fundador do lugar, ou pode ser que aluda á cor do agro, das terras, indicando terras barrentas, en oposición ás terras negras. Hai quen o atrubúe á cor da flor da queiroga: as queirogas teñen unha floración abundantísima, visible desde lonxe; os montes tornábanse vermellos ("rubos", "rubás") cando florecía a queiroga en setembro.

Figura atestado en 1404 como Rubeyno (indicándonos unha pronuncia /rubeíño/ ):
     ".. et San Pedro de Muras et Sylan et Cajoto et Rubeyno .. " (cf. CDMACM = E. Cal, "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo. Transcrición íntegra dos documentos". 1999).

SABUCEDO (Irixoa -lugar de Sabucedo)
Lugar onde abundan os sabugos ou vieiteiros.

SAMIL (Irixoa -lugar de Samil)
De (uilla) Salamiriforma en xenitivo de Salamirusnome do antigo posuidor da uilla nome do antigo posesor (e talvez fundador) da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola) que deu orixe ao actual núcleo de poboación. É un nome de orixe xermánica.

SANCHE (Muras -lugar de Sanche)
De (uilla) Sanctii forma en xenitivo de Sanctiusnome do antigo posesor (e talvez fundador) da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola) que deu orixe ao actual núcleo de poboación. É un nome de orixe romance, talvez a través do vasco.

SANGUÑEDO (O Burgo)
Lugar onde abundan os sanguiños, o arbusto cornus sanguinea, que ao lle
pelar a casca, queda con cor vermella, semellante ao sangue.
É un topónimo relativamente frecuente na comarca.

SANTAR DE BAIXO (Ambosores)
SANTAR DE RIBA (Muras)
De (uilla) Santhariiforma en xenitivo de Santhariusnome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola")nome de orixe xermánica. En efecto,  Piel menciona este "Santar" específico de Muras, e interprétao como derivado da raíz gótica santh 'verdadeiro' e de harji  'exército'. Cf. p. 337, J. Piel "Os nomes germánicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VI. 

É importante notar que a orixe xermánica do nome non indica que o posuidor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.

SANTISO (Silán)
Derivado de "San Tirso".

SANXILLAO (Muras -lugar de Sanxillao)
De "San Xillao". O antropónimo "Xillao" deriva do latín Iulianus.

O SARAMAGAL (Muras -lugar das Cuíñas)
Un saramagal é un lugar onde abunda a planta chamada "saramago".

A SARRIA (O Viveiró)
Orixe e significado incerto. Posiblemente relacionada co tema paleoeuropeo *sar- “fluír, discorrer”, que dá apelativos, xeralmente hidrónimos, en diferentes linguas indoeuropeas.
Hai varias "Sarria" no norte da península Ibérica.

SEIXAO (O Burgo)
Debe tratarse dun etnónimo, un "(terreo) do seixao", remitindo a ser o posesor  oriúndo do Seixo.

O SEIXO (varios)
O SEIXO BRANCO (varios)
OS SEIXOS BRANCOS (Muras -lugar da Armada, Muras -lugar de Prado, Muras -lugar da Cabana)
En xeral, a voz "seixo" designa un "tipo de rocha xeralmente branca e moi dura" (cf RAG).
Na toponimia, cando está en singular, debe referirse á acepción de pedrafita ou penedo, que serve de marco. Como exemplo, atopamos no Catastro de Ensenada de Foz (1753), ao definir os límites desa freguesía: 
  ".. siguiendo por la vega de Escanlar a un Seijo blanco que en ella se halla .."

A SENRA (Muras -lugar de Muras)
O termo "senra" designa unha  "porción de terra cultivada, herdade, terreo de cultivo". 
Tanto Senra como Seara teñen unha orixe prerromana común, na forma *sénara. Corominas asígnalle unha orixe celta, talvez de sen-ara 'cultivo separado' ou similar (cf. Corominas, DCECH, s.v. serna). E. Bascuas interprétaa tamén como celta, aínda que distinta etimoloxía, a partir de seno co suf. -ara

Ambas as dúas formas,"Seara" e "Senra", son topónimos frecuentes en Galiza. É interesante reparar que na parroquia de Insua (Ortigueira) conviven os dous topónimos, "A Senra" e "A Seara", o cal pode indicar que foron usados con acepcións distintas desde antigo. 
Tanto "Seara" como "Senra" son topónimos frecuentes en Galiza.

O SERRÓN (Ambosores, O Burgo, Muras -varios, Silán)
Un "serrón", en sentido figurado, significa unha "montaña apuntada e larga".

O SERRÓN DAS PALANCAS (Muras -lugar da Carballosa)
Non cremos que garde relación directa co apelativo castelán palanca, en galego "panca".
Posiblemente relacionado co elemento prerromano *pal(l)-, presente en topónimos como "A Paleira", "cavidade que serve de refuxio ou vivenda a certos animais".  Cf. aquí.
O termo "pala" tén certa vixencia na área galego-portuguesa, ás veces con valor arqueolóxico, tanto para aludir a dólmens como a abrigos rochosos. Cabeza Quiles indica que "pala" é o «termo usado nas serras galegas onde hai caliza para nomear as covas que alí se forman».
No caso de "palanca", esta orixe parece reforzarse ao levar o sufixo prerromano -anca, abundante na toponimia galega.

SILÁN (Silán)
De *(uilla) Segilaniforma en xenitivo de Segilanome do antigo posuidor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola)nome de orixe xermánica. 
Figura atestado como "Sylan" no "Censo de pecheros" de 1528.

AS SILVAREGAS (Silán)
Topónimo que remite  a unhas terras nas que abundan as silvas. 
O sufixo relacional -ega, de orixe prerromana, aparece na toponimia por veces como abundancial para cereais e outras plantas, así atopamos tamén "Millarega" (millo miúdo), "Escanarega" (escanla), "Pallarega", ou "Pomarega".
Gonzalo Navaza indica  que o sufixo -ega é "característico da fitotoponimia luguesa"(cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega"). Neste concello atopamos igualmente O Espiñarego e As Pallaregas.

A SILVEIRA VELLA (O Burgo -lugar de Carelle Grande)
O termo "silveira" neste caso posiblemente non correspondería co conxunto de plantas "silva", senón co significado orixinario en latín de "fraga desbrozada para o cultivo; lugar boscoso".

O SISTO (O Sisto)
Os topónimos Sisto, Sistelo, Sistelín e similares poderían derivar do latín sistere ‘colocar, establecer’, e terían un significado de "corte para o gando", en relación a lugares de pasto. 

Podemos descartar a interpretación tradicional como referencia a un antropónimo, tal como o latino Sextus ou Sixtus: dada a gran frecuencia dos topónimos  "Sisto", "Sistelos",  "Sistelo", "Sistelín" é totalmente improbable que se dese tal frecuencia de lugares con nome de tal posesor para un nome persoal tan pouco atestado.

Por outra banda, García Arias interpreta os asturianos "Sesto" e "Sestelo" como que "parece" posible a orixe en sextellus, relativo ao reparto de terras a sextos (cf. aquí). Desta opinión foi tamén Isidoro Millán , que indica que estes repartos ocorrerían na época sueva. Cf. I. Millán, "Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz". 1987 Porén, a evolución de "sextu" para "sisto", coa palatalización do "e" en "i", sería unha anomalía na evolución do galego. 

Como curiosidade, indicar que, de ser certa a interpretación de "corte para o gado", tería un significado análogo ao asignado para o topónimos "Busto", "Bustelo".

O SOLÍO (Muras -lugar de Couce Mouro)
O dicionario defíneo como "Terreo no que dá moito o sol, inclinado para o nacente".

O SOUTULLO (Ambosores)
Forma derivada de "souto", co sufixo diminutivo-despectivo -ullo (do latín -uculum), presente noutras voces como pedrullo (cascallo) ou cadullo (latín capituculum), así como en topónimos como "Montullo". O dicionario de Eladio Rodríguez recolle de feito "soutullo" como "souto pedregoso formado por altibajos y desigualdades".

O termo souto procede do latín saltum, e no galego actual (e mais en portugués) significa "bosque de castiñeiros e por veces de carballos". Procede do latín saltum, e orixinariamente era "paso estreito entre montañas, rexión forestal ou bosque situado nun desfiladeiro"; despois pasou as significar "bosque de castiñeiros e por veces de carballos". 

A importancia da castaña na alimentación en Galiza era máxima até a introdución da pataca, talvez por iso a abundancia dos topónimos "souto" en Galiza.

SUARRIBA (O Burgo, Silán, Muras -lugar de Guimarás, A Balsa)
De "sub a riba", lugar situado ao pé dunha " riba". O termo "riba", do latín ripam 'ribeira', xeralmente é referido á marxe dun río.

O SUMEIRO (Muras -lugar de Sumeiro, Silán)
Pode tratarse dun derivado de "sumir" "absorber, empapar" (cf. dicionario), co que indicaría un "terreo que se encharca" ou similar. 

Alternativamente, do latín summarius, no sentido de "cume, outeiro, o lugar máis alto". Rivas dálle esta acepción (cf. E. Rivas, "Natureza, Toponimia e fala". 2007). No entanto, non o atopamos recollido en ningún dicionario de galego.

Sexa como for, os topónimos "Sumeiro" e "Sumeiros" son relativamente frecuentes na toponimia galega. Así, atopamos outro "Sumeiro" en Muras.

SUOSBARGOS (Muras -lugar da Pena da Xelgaiz)
De "Su os bargos" 'ao pé dos Bargos'. Un "vargo" ou "bargo" é unha laxe ou lousa delgada, por veces usada para separar fincas.

A SURREIRA (Silán, O Burgo -lugar de Inciñán)
Os termos "surro", "zudre" ou "xurro" teñen dúas acepcións: unha de "líquido que sae dos lugares de depósito, como latrinas e vertedoiros", e outra de "torrente, auga que escorre".
Atopamos tamén múltiples "Xurreira" neste mesmo concello, probablemente da mesma orixe e significado.
Xeralmente, o significado destes topónimos, non situados en zonas de poboación, correspondería co de "auga que escorre de chuvia, torrente".
Probablemente de "terra pola que discorre o surro".
Xeralmente, o significado destes topónimos, non situados en zonas de poboación, correspondería co de "auga que escorre de chuvia, torrente".

Neste caso, "surreira" tería a mesma orixe que "xurreira", e significaría, por tanto, un barrizal ou unha corrente de auga que se forma coa chuvia. Cf. DdD.

A SUSANA (O Viveiró -lugar da Susana)
Este lugar está atestado no Catastro de Ensenada do Viveiró (1753) ao describir os muíños da freguesía, como "otro al sitio da veiga da susana".
Aínda sen coñecermos documentación antiga que o demostre, o nome deste núcleo de poboación é probable que proveña dun "Vila Susá", "vila de riba". 
Da forma do latín tardío susum 'de arriba', derivaron os adxectivos susanum e susanam, formas masculina e femenina para cualificar como "de riba". A forma susana(m) deu no galego "susá". A conservación neste topónimo do grupo -ana é estraño, pode tratarse dun castelanismo. 
No entanto, sen documentación antiga, tampouco se pode descartar unha orixe prerromana, en base á terminación -anna, a mesma que en "cabana" e "pestana".

SUSUMEIRO (Ambosores)
Composto de su-Sumeiro, pegado a Sumeiro, ao pé de Sumeiro. Ver "Sumeiro".

SUTRABAZOS (Muras -lugar da Casavella, Muras -lugar de Bustelo)
Composto de su-Trabazos, "situado ao pé de Trabazos". Ver "Trabazos".

TABOI 
(A Balsa -lugar de Taboi)
Posiblemente de (uilla) Tabuloni, dun antigo posuidor chamado Tabulonius. Esta hipótese basámola na existencia dun documento de 1062 que refire Sancti Petri de Tabuloni, para unha parroquia de Outeiro de Rei. Cf. N. Ares, "Estudos de toponimia galega". Vol II.  2011.  
Porén, segue sendo controversa a orixe, xa que en 1062 xa se producira a queda do -l- e do -n-, polo que pode ser una falsa etimoloxía do escribán. 
Se temos en conta a posibilidade do erro do escribán, podemos establecer outras hipóteses, que mencionamos de seguido.
Rexístrase un Tavonius nun epígrafe de Mérida, que podería encaixar en xenitivo como *(uilla) Tavoni.
Alternativamente, de (uilla) Tagoni, dun antigo posuidor chamado Tagonus, nome de orixe indoeuropea, posiblemente paleoeuropea (pre-céltica). Esta é a hipótese que ve máis probable o profesor E. Bascuas, tanto para este Taboi como para o que existe en Outeiro de Rei, para o cal considera o documento de 1379 como "San Pero de Tavoy". Cf.  p. 65 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.
Hai outro "Taboi" cercano en Lagoa (Alfoz).

A TAFONA (O Viveiró)
Muíño de fariña movido por animais de tiro (burro ou mulo).  É unha palabra de orixe árabe, das poucas patrimoniais que conserva o galego. Deriva do árabe tahuna 'moa do muíño; muíño'.

O TALLO DO GOLPE (A Balsa)
Un "tallo" é unha finca de pequenas dimensións (o mesmo que "lucha"). Á parte dos significados relativos a "corte", o termo tallo tamén ven no dicionario como "cadrado de viña", aínda que neste lugar non é probable que refira a esta acepción.

En portugués tamén ten o significado de "finca onde se plantan cebolas, fabas. Cf. 
aquí. Outra orixe podería ser dunha raíz indoeuropea *tā- 'derreterse, fluír', 'mofo', o mesmo que outros topónimos como "Tallobre" (cf. aquí).

O TALMANTE (O Viveiró)
Probablemente derivado da raíz prerromana paleoeuropea (pre-céltica) *ta- 'derreterse, fluír', de carácter hidronímico , presente en múltiples topónimos peninsulares como  Tallobre (en Negueira de Muñiz), Talieiro (en Valdoviño), Talavera, Talamanca (*Talamantica), etc.
Tamén o sufixo *-nt- está presente na hidronimia paleoeuropea, tais como Serantes.
Tendo en conta a forma da raíz e do sufixo, parece confirmarse a hipótese prerromana relacionada con hidrónimos.
Esta é a hipótese que ve máis probable Bascuas, que analiza este topónimo e lle confere un significado de "charco, lama". Cf. p. 80 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.

A TAÑEIRA (O Burgo)
As "tañeiras" son as grades e tamén os laterais de madeira do carro. Porén,  é un apelativo que non parece encaixar cun uso na toponimia. 
Neste caso, se temos en conta que está situado nunha zona de prados, o mesmo que ocorre con "O TAÑO" (ver máis adiante), cremos altamente probable a orixe paleoeuropea,  e concretamente coa raíz indoeuropea *ta- 'derreter, fluír". Indicaría, por tanto, unha existencia de "lama, lodo". 
A hipótese da relación coa raíz  indoeuropea *ta- na hidronimia galega basámola no amplo estudo sobre esta raíz levado a cabo por E. Bascuas, en particular da sección adicada ao tema *tan-. Cf. E. Bascuas, 2006.  "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia".
É de notar que a presenza do sufixo -eira, do latín -aria, non indica unha orixe latina do termo: sería unha hibridación, no sentido de que que o apelativo taño" mantívose despois da romanización, o mesmo que moitos outros apelativos de orixe paleoeuropea.

O TAÑO (O Viveiró)
Significado e orixe tan incerta como interesante. 
O apelativo "taño" indica "vasilla, recipiente" (cf. DdD). Porén, no contexto de toponimia non é clara a relación, polo que a priori rexeitamos este significado.
Sexa cal for o significado, pode estar relacionado con "tañeira" e "tañizo", que indican unha "estrutura ou trenzado" de paus, dos cales derivan os significados "grade" e "estrutura de táboas que se pon a cada banda do carro". Así pois, "taño" designaría "varas, paus, táboas", talvez "varal". Podería estar relacionado cos apelativos "tano" e "tanoco", aos que é atribuída unha orixe no céltico *tanno 'carballo', tal como ocorre co occitano tanoco 'trozo de madeira' e co catalán tany.
Bascuas indica para "taño" que, se estivese relacionado con "tañeira", derivaría do celta *tannyo, e se tivese unha orixe hidronímica viría de *TanioCf. p. 92 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.

É importante indicar que, sexa cal for a orixe, na etimoloxía do termo tería presenza o sufixo *-io, un sufixo frecuente na hidronimia paleoeuropea. Ademais deste dato importante, hai outro funcamental: "O Taño" está   localizado nunha zona de prados, o mesmo que ocorre no caso  "A Tañeira" (ver máis enriba), tamén en  zona de prados. Así, parecce confírmarse a relación coa hidronimia, o cal torna moi probable unha orixe paleoeuropea,  na raíz indoeuropea *ta-   'derreter, fluír", en particular co tema *tan-.
É interesante tamén, do ponto de vista etimolóxico e metodolóxico, cómo dous topónimos de orixe incerta, Taño e Tañeira, se explican un co outro.
Existe outros "O Taño", como o que se atopa en Cariño.

O TARANCO (O Viveiró, Silán)
OS TARANCOS (O Viveiró, Muras -lugar de Suaschousas)
Posiblemente relacionado co termo galego "tara" ("releve rochoso"). Os topónimos Taranco, Tarancón,  foron analizados por E. Bascuas, que os inclúe entre os de base paleoeuropea (pre-céltica) *tara-, e derivados da raíz indoeuropea *ter- "fregar, perfurar", co sufixo prerromano -anko.  Cf. p. 280 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.
Existe o topónimo "Os Tarancos" no Viveiró, en Suaschousas e en Galdo.

A TARROEIRA (Irixoa)
Podería ter o mesmo significado de "tarrual", lugar onde abundan os "terróns" ou "tarróns", e provir do latín terronaria
Con todo, é preciso destacar que a maioría dos topónimos "Tarroeira" corresponden con núcleos de poboación. Tamén hai que ter en conta a coincidencia (ou máis que coincidencia) de varios casos de castros localizados en lugares chamados Tarroeira, tal como ocorre no Vicedo, en Ortoño (Ames), na Baña, etc. Estas "coincidencias" poderían apuntar, talvez, a un significado distinto, talvez en relación coa raíz prerromana *tur- 'altura'.
Alternativamente, o dicionario define "tarroeira" como  'casa terrea, choza, casa de pouco valor'.

O TARRUAL (O Viveiró)
O mesmo que no caso do topónimo "Tarroeira", lugar onde abundan os"terróns" ou "tarróns".

O TEMUÍDO (A Balsa)
Este topónimo deriva probablemente do tema paleoeuropeo *tim-, da raíz indoeuropea *ta-   'derreter, fluír", estudado por Bascuas. Cf. p. 102 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.
Inclúe o sufixo abundancial "-ido", e indicaría, por tanto, algo similar a un lameiro.
O mesmo tema estaría presente no topónimo Temoral, existente en Chavín (Viveiro).

A TEIXOEIRA (O Burgo)
Este apelativo tén dúas acepcións. A primeira, talvez máis probable, é a de lugar onde abundan ou crían os "porco teixos", "teixugos". Alternativamente, é tamén un sinónimo de teixido, lugar onde abundan as árbores chamadas teixos ('taxus baccata') (cf. DdD).

AS TERCIAS (O Sisto, A Balsa, Muras -lugar da Pena da Leira)
Topónimo que alude á orixe do predio nunha partilla de finca efectuada a terzas, igual que atopamos "As Quintas", "As Oitavas", etc.
Alternativamente, indicaría que a orixe da posesión da finca foi no "terzo" da herdanza que as leis deixan á libre disposición do testador.
É un topónimo frecuente, encontrándoo en Alfoz, no VicedoViveiro, etc.

OS TESOUROS (A Balsa)
Podemos interpretalo como topónimo xocoso, aludindo á riqueza da terra, ou máis ben, máis probablemente, o descubrimento (real ou lendario) dun tesouro.
En efecto, os topónimos deste tipo foron estudados detalladamente para outras áreas peninsulares  por Gordón e Ruhstaller, concluíndo que é un claro e fiable indicador arqueolóxico. De feito, aportan unha longa listaxe de topónimos Tesoro e Tesorillo nos que se atoparon sitios arqueolóxicos (cf. M. D. Gordón e S. Ruhstaller, 1991. "Estudio léxico-semántico de los nombres de lugar onubenses" in Toponimia y arqueología, Sevilla).

Por exemplo, no caso d"O Tesouro" en Foz, hai unha mámoa na zona, polo que indica o doscobrimento, real ou lendario, dun tesouro dentro da mámoa ou perto dela. Unha parte moi importante das mámoas de Galiza presentan un "cono de violación", foron escavadas á busca de tesouros. Neste caso, parece que o atoparon.

A TIÑOSA (Muras -lugar do Cal)
O topónimo "Tiñosa" é de orixe incerta. Á primeira vista, sería derivado de "tiña", nun sentido figurado de 'monte pelado' ou con calvas na vexetación. 
Alternativamente, podía derivar da base hidronímica paleoeuropea *tin-, derivada da raíz *ta-  'derreterse, fluír lentamente'.
Neste caso, semella difícil elexir unha das alternativas sen documentación antiga.
Bascuas analizou estes topónimos "Tiñoso", "Tiñosa", sen inclinarse totalmente pola prerromana, pero si postulou esta orixe para "Tiñaz" (lugar de Guitiriz) e para "Tiñade" (lugar de Ourol). Cf. p.105 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 

O TOMBELO (Muras -lugar de Xelgaiz)
O termo "tombelo" é o diminutivo de "tombo", que ten varias acepcións. Aínda que podería estar referido ao alcume dun antigo posuidor, neste caso ao ser nunha valgada, podemos asumir tombelo como pequeno "tombo" no sentido de "lomba, ribazo".

OS TORGOS (Muras -lugar de Debodas)
O "torgo" é a uz, e por veces especificamente a raíz da uz.

O TORGUEDO (Muras -lugar de Casateita)
Lugar onde abunda a "torga", "arbusto da familia das ericáceas do que existen varias especies moi comúns en Galicia, de follas moi pequenas, flores brancas ou malvas, e de ata tres ou catro metros de altura".
Alternativamente, lugar onde abunda o "torgo". Ver "OS TORGOS".

A TORNA (Silán)
O TORNO (Muras -lugar da Casanova da Xestosa, Silán)
OS TORNOS (Muras -lugar de Sanxillao)
Os topónimos  "Torna", "Torno" e "Retorno" son de orixe prerromana, cun significado de "chorro de auga",  probablemente derivados da raíz hidronímica prerromana *ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica de blog Pena da Cataverna para máis detalles.

A TORRE (Silán, Muras -lugar das Cuíñas)
A TORRE VELLA (Silán)
O termo "torre" nestes topónimos non sempre se refire estritamente a torres, senón a casas torre, casas fidalgas ou casas grandes, de labradores ricos.

OS TORRELLÓS (O Viveiró)
Plural de "torrillón", diminutivo de "torre", quer nun sentido metafórico (terraplén, altura) ou literal (torre de vixiancia, ou ben restos de castro). 
Tampouco podemos descartar unha orixe prerromana, de algo similar a *tur(r)ilione.
En efecto, non soamente a raíz prerromana *tur- é frecuente na toponimia peninsular, senón tamén o elemento -il-. Ademais, o sufixo -ón corresponde en moitos casos coa fixación de voces prerromanas (cf. F. Villar, "Estudios de celtibérico y de toponimia prerromana"). Hai topónimos análogos noutros lugares da Península, como varios "Torrija(s)", que ninguén deriva do famoso postre.

TRABAZOS (Muras -lugar de Bustelo)
Edelmiro Bascuas relaciona os topónimos "traba", "trabazo" e similares co tema paleoeuropeo *traw-, presente en hidrónimos, cun significado por veces similar a "charca", e derivado da raíz indoeuropea *ter- 'frotar, atravesar'. Deste modo,  trabazo derivaría dun *trawatio. Cf. p. 330 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.
Bascuas desmonta, ademais, outras etimoloxías alternativas postuladas por P. Machado e por Corominas.

Hai outros autores que os derivan do latín tabula > tabla > traba. Porén, non parece tan axeitado se notamos que conviven os topónimos "traba" e "trabe" en moitas zonas nas que de tabula evolucionou ata "tauga" (de tabua> *tagua> tauga).

A TRANZADA (O Burgo)
O termo "tranzada" refire a algo disposto en "tranza", "entrelazado". Descoñecemos a que se refire en concreto, aínda que está relacionado léxicamente con outros topónimos "A Tañeira", da mesma parroquia.

A TRENZA (Muras -lugar de Vedille)
A TRENZA DA CORREDOIRA (A Balsa)
O apelativo común "trenza" non parece ter moita aplicación na explicación dun topónimo, polo tanto podemos moi seguramente desbotar tal orixe.
Podería explicarse como formada a partir de "Tenza", por influencia do apelativo "trenza". O substantivo "Tenza", derivado do latín tenentia, figura definido nos dicionarios galegos como "cada a súa faixa de terreo que na división periódica dos montes comúns das freguesías lle é adxudicado a cada veciño", ou ben "faixa de terra, segregada doutra maior, por medio de marcos ou fitos e sen intermisión de valado ou parede". En efecto, Navaza rexistra o topónimo "Trenza" na fala do Ourovello, e asígnalle tal orixe (cf. G. Navaza, "A toponimia do Ourovello" - Toponimia de Paderne).
O Nomenclator de Galicia rexistra outro "A Trenza" en Roupar (Xermade).

O UCIDO (A Balsa)
O UZAL (Muras -lugar de Couce Mouro)
Tanto "ucido" como "uzal" designan un lugar  onde abundan as uces. Cf. DdD

AS UCHEIRAS (Muras -lugar das Ucheiras)
A voz "ucheiras" designa as pedras do forno.
Podería haber unha aplicación orográfica do apelativo "hucha" no sentido de "lugar nunha vagoada", o que parece encaixar neste caso ao tratarse dun cal.
Alternativamente, ucheira podería vir do latín ustulare 'queimar, arder', polo que tamén podemos pensar nunha interpretación máis xeral de "lugar que ardeu" ou similar. 
Talvez estea referido aos esteos (pedras laterais) dun dolmen, por veces tamén referido como furna ou "furna dos mouros".
O Nomenclator rexistra outro "Ucheiras" en Ourol.

A VAGOADA (O Burgo)
Unha vagoada refire a un 'val pequeno'.

A VALIÑA (Muras -lugar da Valiña, Silán)
Este lugar está atestado no Catastro de Ensenada de Muras (1753) ao describir os muíños da freguesía:
 ...  "al sitio da valiña"...
Unha "valiña" designa un "val pequeno", por veces un lugar chan nunha encosta. O apelativo "val" era de xénero feminino antigamente, de aí ese diminutivo.

VEDILLE (Muras -lugar de Vedille)
Este lugar está atestado como "Bedille" no Catastro de Ensenada de Muras (1753).
Segundo Piel, este topónimo derivaría de (uilla) Vitelii, referindo a Vitelius, o antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola). Cf. J. M. Piel, 1948. “Nomes de possesores latino-cristãos na toponimia asturo-galego-portuguesa”, separata de Biblos, 23.

O VEDRO (Muras -lugar do Castro, Muras -lugar da Fraga Chá)
OS VEDRIÑOS (A Balsa)
OS VEDROS (O Viveiró, Ambosores)
O termo "vedro" é definido en galego como "os vestixios dos valadares de terra, dos cercados antigos dos montes, rozas, estivadas, etc" (Cf. DdD). No portugués antigo tiña un significado similar: "valo, tapume, cómaro con que se cercan os campos e searas"  (s.v. "vedro", in Viterbo, "Elucidário", 1798). 
É de notar, tal como rexistan os dicionarios de galego, que nalgúns lugares "vedro" tomou a acepción máis específica de "monte de rozas, que se cava para cultivalo con trigo ou centeo", aínda que o máis probable é que se trate da acepción xeral indicada previamente.

O VEDRÓN (Muras -lugar das Ucheiras)
Aumentativo de "vedro". Ver "O VEDRO" para máis detalles.

A VEIGA DA CEREIXA (A Balsa)
Este topónimo pode aludir, máis que á froita indicada, que non encaixaría moito en singular para un topónimo, ao apelido ou alcume "Cereixo" dun antigo propietario do lugar. De feito, o alcume Cereixo xa figura rexistrado como Cerasio na Idade Media, ".. Arias Fernandiz, cognomento Cerasio.." (cf. R. Soto, 2018. "Alcumes e sobrenomes medievais en Galicia"). A formación sería típica na toponimia, cun posesivo adxectival (Veiga Cereixa = Veiga de Cereixo).
Por outro lado, ao tratarse dun hidrónimo, debemos considerar a asignación do filólogo E. Bascuas  aos topónimos "Cereixa" e "Cereixiña" dunha orixe nunha forma prerromana paleoeuropea, cun significado de "escuro", derivado dunha das raíces indoeuropeas *kei- 'cor' (xeralmente escura), ou *ker- 'de cor escura, suxo, gris'. Cf. p. 297 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

A VEIGA DA OLGA (A Balsa)
Dada a súa presenza nunha zona de prados, o termo "olga" posiblemente non corresponda con nome de persoa senón co substantivo galego "olga", para o que se recolle o significado de 'terra de sementeira' (cf. E. Rodriguez, 1958), e un significado similar en portugués "pequena terra de cultivo" (cf. Priberam).
Para Corominas o termo análogo castelán huelga derivaría do celtibérico *ŏlga, indoeuropeo *polkāe (cf. DCECH).
Bascuas asígnalle unha orixe na raíz hidronímica *or- a través dunha forma *orga. De feito, Bascuas non desbota a posibilidade de que se trate dunha equivalencia co latín alga ulva, pois hai unha acepción de "ouga" “alga do río” (cf. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). No caso dp topónimo que nos ocupa, "a veiga da olga", semella plausible esta última interpretación.
Existe outro topónimo veciño chamado "Fonte das Olgas", que parece reforzar as interpretacions hidronímicas de ambos topónimos.

A VEIGA DE GUERREIRO (Muras -lugar de Bestemuz)
Alusión ao apelido dun antigo posesor. Ver OS GUERREIROS.

A VEIGAMOL DA TORRE (Silán)
De "Veiga Mol", con "mol" no sentido de "brando, enlamado", o mesmo que ocorre no caso do topónimo "Lagoa Mol".
Alternativamente, podería provir de Mauri, forma en xenitivo de Maurus, nome dun antigo posuidor.
Hai outro "Veiga Mol" en Vilacampa (O Valadouro), o cal parece confirmar a primeira intrpretación.

A VEIGAMOL DE VILARIÑO (Silán)
Para "Veigamol", ver "A VEIGAMOL DA TORRE". 
Canto a "Vilariño", correpóndese co diminutivo de "vilar". Viterbo interpreta as referencias medievais a "Vilar" e "Vilariño" como "predio rústico e de terreo delimitado, herdade pequena, insignificante casal" (cf. Viterbo, "Elucidário", 1798; s.v. "villula").
Ver "O VILAR" para máis detalles.

AS VEIGAS DE XILLAO (Muras -lugar de Leganitos)
O antropónimo "Xillao" (do latín Iulianus) remitirá ao antigo posesor de tales veigas.

O VEIGÓN (Muras -varios, Silán, O Viveiró)
O VEIGÓN DE SUXERAL (Muras -lugar de Leganitos)
Un "veigón" defíneo Aníbal Otero como "Prado lagoso e extenso, cheo de xuncos".
En canto a "Suxeral", vén de "su-xaral", un sitio situado ao pé dun "xaral".
Un "xaral" indica unhas terras de "xabre" (unha terra areosa dura, xeralmente formada pola descomposición do granito". Tampouco se pode descartar a acepción alternativa de "lugar onde abundan as xaras", a planta de nome científico cistus ladanifer.

A VEIGORNA (Muras -lugar de Prado, Muras -lugar da Cabana)
AS VEIGORNAS (Muras -lugar de Bestemuz)
Posiblemente relativo a "Veiga", de orixe prelatina. O elemento -orna, neste caso sufixo, tamén pode ter unha orixe prelatina. Cf. aquí.
Repárese a posible relación sufixal co topónimo "Bitorna", tamén neste concello.

VEIGUELLE (O Burgo)
Posiblemente relaxamento na pronuncia de "Veiguella", do mesmo modo que "A Areose", talvez por contaminación doutros topónimos en -elle, polo xeral derivados de xenitivos en latín.

VELLÓN (Muras -lugar da Pena da Leira, Muras -lugar da Picheira de Musdradas)
Podería referir a terras pertencentes a alguén con apelido Vellón, aínda que é improbable dada a baixa frecuencia na contorna.
Se analizamos os distintos "Vellón" presentes en Galiza, moitos deles están directamente asociados a regatos, pozos, pontes e outros hidrónimos.
Cremos que se debe interpretar deste modo, e podería tratarse do antigo nome do regato que pasa polo lugar.
De feito,  atopamos un "O Revellón" no Viveiró e outro en Cabreiros, e penso que estes "revellón" non son máis que unha evolución de "río Vellón". Esta evolución dáse en moitos outros topónimos galegos, como "Redemuíños" < río de Muíños. De feito, atopamos o "Rego de Vellón" en Xuances.

En canto á etimoloxía, moi probablemente teña orixe prerromana paleoeuropea, dun tema *wel(l)y- derivado da raíz indoeuropea *well- ‘facer xirar’, estudada por Bascuas (cf. E. Bascuas, 1999. "Ulla, Veleia y otros derivados de la raíz indoeuropea *well- ‘hacer girar’", in Veleia 16). 
A terminación -ón reforzaría esta orixe paleoeuropea: xa indica Bascuas (e outros autores) a súa frecuencia na toponimia prerromana, con pares como Vara/Varone, Sala/Salón, Avia/Avión, Urbia/Urbión. (cf. e.g. p. 26 de E. Bascuas, 2006. "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia").

O VENDAVAL (Muras -lugar da Rega)
Significado transparente do termo, talvez de "(lugar onde atacou moito) o vendaval". 

A VENTÁ DO CURISCADO (Irixoa)
Este é o nome dunha valgada, posibelmente por iso se chame "ventá", aludindo ás vistas do lugar.
Canto a "Curiscado", ver "A CURISCADA".

AS VERDELLAS (O Burgo)
De "(terras) verdellas", tirando á cor "verde".

A VERNIXA (Muras -lugar de Leganitos)
Este topónimo, correspondente a unha zona de prados, probablemente  deriva do celta *wernā 'ameneiro', e significaría algo como "ameneiral". 
En efecto, Bascuas, nos seus estudos sobre a hidronimia paleoeuropea galega, estudou os formados a partir da raíz indoeuropea *(a)wer- 'auga, chuvia, río', incluíndo os derivados do celta verna, entre os cales inclúe Vernes (Carballo), Bernés (Neda), así como un Uernesa, atestado en 1227, e como flumen Uernes en 997. Cf. p. 131 e ss. de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.
Tendo en conta o atestamento de Vernesa ou Vernisa, a forma "Vernixa" encaixa perfectamente nesta serie de derivados de verna, e sería probabelmente derivada de *Vernisia, co común sufixo -ia.

Non é este un topónimo illado derivado de verna xa que, alén dos mencionados, a Mariña temos tamén a "Pena da Cataverna", que podería ter esa orixe (cf. blog Pena da Cataverna).

A VESURA (Silán, Muras -lugar de Debodas, Muras -lugar de Suaschousas, Muras -lugar de Xelgaiz, Muras -lugar do Pico dos Paraños, Muras -lugar da Casavella, Muras -lugar do Coto)
A VESURA PEQUENA (Muras -lugar de Bestemuz)
O termo "vesura" é un topónimo moi abundante en Galiza, aínda que con significado incerto.
Posiblemente derivado de "vesar", "arar profundamente, virando a terra, de modo que a tona e o terrón vaian para o fondo do rego". Cf. DRAG.
Alternativamente de "avesura", relativo a lugar vesío. Este significado parece reforzarse co topónimo "O Alto da Vesura", no lugar do Coto (Muras).

VILAR (Muras -lugar do Vilar)
O VILAR (A Balsa, O Burgo, Muras -lugar do Vilar da Xestosa)
O termo "vilar" inicialmente indicaba unha explotación agraria situada na estremeira dunha uilla, da cal se iría progresivamente escindindo ou esguizando ata adquirir entidade propia" (cf. p. 221 de C. Baliñas, "Do mito á realidade: a definición social e territorial de Galicia na Alta Idade Media (séculos VIII e IX)"). É moi probábel que na orixe de moitos dos topónimos baseados en "vilar" ou derivados proveñan de significados de carácter agronímico, máis que de núcleos habitados.

Viterbo interpretou as referencias medievais a "Vilar" e "Vilariño" como "predio rústico e de terreo delimitado, herdade pequena, insignificante casal" (cf. Viterbo, "Elucidário", 1798; s.v. "villula").

Na actualidade, os dicionarios refiren a un "casarío", "aldea pequena, lugar pequeno", se ben tamén recollen o termo como "conxunto de terras a labradío, cercadas ou pertencentes a varios donos". 

Elixio Rivas rexistra en Vilalba a acepción "Conjunto de fincas que siguen los mismos cultivos, polígono de labradíos", e F. Rodríguez nesa mesma zona: "heredad grande, que descansa y se aplica a centeno [...], de varios partícipes". Unha acepción do dicionario de L. Carré, que pasou logo para outros posteriores, foi "campo en barbeito ou restreva despois de recollido o froito".
Cf. DdD.

VILARCOVO (Irixoa -lugar de Vilarcovo)
Grafía alternativa por "Vilar Covo", un vilar localizado nunha depresión do terreo, nunha concavidade orográfica. 
O significado literal de "covo" é o transparente de "fondo, cóncavo", tal como vén recollido xa no dicionario de Pintos (cf. DdD).
É por tanto análogo aos topónimos "A Cova", que para moitos deles adoitan indicar depresións do terreo, concavidade orográfica, xa que logo, non implicando que haxa unha furna ou caverna. A mesma opinión foi xa indicada por Navaza (cf. G. Navaza, 2007. "Toponimia de Catoira").
O caso de "covo", frente a "cova", simpemente indicaría unha extensión máis pequena.
Para "vilar", consultar a entrada previa.

VILAR DA GRELA (Recaré)
Grafía alternativa por  "Vilar da Agrela", sendo "agrela" a forma diminutiva antiga de "agra". A reinterpretacion Agrela > A Grela é frecuente na toponimia galega.
Para "agra", ver "AGRA DA CANCELA".

VILARIÑO (Silán)
VILARIÑO (A Balsa -lugar de Vilariño)
Diminutivo de "vilar".
Viterbo interpreta as referencias medievais a "Vilar" e "Vilariño" como "predio rústico e de terreo delimitado, herdade pequena, insignificante casal"  (cf. Viterbo, "Elucidário", 1798; s.v. "villula").
É interesante notar o feito de levar o sufixo -iño e non o sufixo -elo, indícanos que non ten a antiguidade que tería un termo con sufixo -elo; de feito, non atopamos ningún topónimo Vilarelo e si moitos "Vilariño". Isto apunta a que o apelativo "vilar" non existía neste sentido na Alta Idade Media. Si figura xa atestado un "Vilariño" no 1258 (cf. DDDGM)

O VISO (Irixoa)
Referido a "altura, lugar elevado, con boa vista".

AS VISPEIRAS (Irixoa -lugar do Couce)
O mesmo que "vespeiras", lugar no que abundan as vespas.

O VIVEIRÓ (O Viveiró)
Diminutivo de "viveiro", que neste caso indicaría un "lugar onde se cultivan plantas novas para logo seren transplantadas".

No 1789 atopámolo atestado como "F[eligresía] del Viveyró", tendo "Jurisdicción ordinaria por el Reverendo Obispo de Mondoñedo"  (cf. "España dividida en provincias e intendencias y subdividida en partidos, corregimientos, ..").

A VOLTA DO AMEIXÓN (Muras -lugar de Leganitos)
Véxase "O AMEIXÓN".

O XAMOURO (Ambosores)
De "O (terreo de) Xan Mouro", referido a un antigo dono. De feito, o cercano lugar de "Couce Mouro" tamén se chama "O Couce de Xan Mouro".
O apelido Mouro, poco frecuente no norte de Galiza na actualidade, debeu ser frecuente no pasado, pois así o atesta a toponimia. 

A XAMPOLA (A Balsa)
Debe refealudir a unha "(terra) Xan Pola", pertencente a Xan Polo
O apelido Polo é frecuente na Mariña e no Ortegal, tendo a maior frecuencia (gradente máximo) no concello do Vicedo.

AS XANEIRAS (Muras -lugar de Freán)
Debe remitir ao apelido Xaneiro dun antigo posesor destas terras. 
Tamén pode aludir a "(terras) xaneiras" no sentido de "terras de Xan". Non é unha formación extraña na tomicrotoponimia, tal como ocorre co'As Xuxeiras (Xuxo),  Farroqueiras (Farruco), Guizareiras  (Guiza) e outras. 

O XARAL (O Viveiró, O Burgo)
Un "xaral" indica unhas terras de "xabre" 'terra areosa dura, xeralmente formada pola descomposición do granito'. É relativamente frecuente na toponimia galega, así atopamos outro "Xaral" nas Grañas do Sor, nas Negradas (O Vicedo), en Viveiro, etc.  

O XARAVIDO 
(O Viveiró)
Posiblemente de "Xabrido", lugar onde abunda o "xabre", 'terra dura, por ser areosa ou barrenta'.

O XARDÍN (Muras -lugar de Sanxillao, O Viveiró)
Posiblemente este topónimo se refira ao significado obvio, e probablemente nun sentido metafórico (positivo ou pexorativo), pois hai moitos topónimos "xardín" localizados en sitios non apropiados para ser un xardín (e.g. cando están lonxe de lugares habitados). Posiblemente o sentido figurado fose positivo, de estar situado ao abrigo dos ventos e posiblemente orientado para o sur.
Segundo Crespo Pozo, xardín tería a acepción de "horto, horta pequena" (cf. J. S. Crespo, "Nueva contribución a un vocabulario castellano-gallego ..". Vol II, 1979). Esta acepción encaixa nalgún dos "Xardín" que coñecemos.

O XARRALDO (Silán)
O lugar de "Xarraldo", nome de antigo posuidor, que deriva do xermánico Geraldus.

XELGAIZ (Muras -lugar de Xelgaiz)
Talvez de *(uilla) Silvanici, forma en xenitivo dun antigo posesor do lugar chamado Silvanicus. Este nome está rexistrado na Idade Media en Franza. Cf. aquí.

XILLAO (Muras -lugar de Leganitos)
Este topónimo remite ao antigo posesor do lugar, que puido ser Xillao (do latín Iulianus) ou pode indicar que era oriúndo do lugar de Sanxillao.

XIMARÁS (Muras -lugar de Guimarás)
Topónimo derivado de (uilla) Uimaranis, forma en xenitivo Uimara, o nome do posesor da uilla (casal, granxa, explotación agrícola) altomedieval, nome de orixe xermánica. 
Aínda que poida resultar estraña a evolución de Uimaranis ata Ximarás, con palatalización da consoante inicial, está en coherencia con varias series de topónimos. É totalmente descartábel a interpretación dalgúns lingüistas, de tratarse dunha ultracorrección da gheada (cf. X. L. González, 2021. "O topónimo Ximarás e o seu elenco"). 
O Nomenclator rexistra varios Ximará(s), como en Viveiro, Moeche, Xuances, Alfoz e Cospeito. Tamén atopamos, con distinto acento, Xímara en Barreiros e máis na Pontenova, así como a indicada "Pena de Ximarao" en Cedeira, "Ximarei" en Cospeito, "Xemaré" en Xermadeetc. 

A XIMIEGA (A Balsa)
Orixe e significado incerto. Poida ter relación co termo castelán "Samaniego" ou "Simaniego". 
O sufixo -ega é frecuente na provincia de Lugo, para etnónimos (Chairega) e sobre todo para abundanciais de plantas (Aviega, Pumarega, Pallarega, Fabega, etc).

A XIRA (Muras -lugar de Furco, Muras -lugar de Bustelo, Muras -lugar de Santar de Riba)
A XIRA LONGA (Muras -lugar de Parapar, Muras -lugar do Cal)
A XIRA DAS ADRAS (Muras -lugar de Vedille)
AS XIRAS DO PONTIGO (Muras -lugar do Cal)
Unha xira designa un terreo de labradío estreito e pequeno. 
No caso da "Xira das Adras", remite a unha finca longa e estreita ("xira"), procedente dun reparto ("adra").

A XUNQUEIROÁ (Silán)
Diminutivo de xunqueira, lugar onde abunda o xunco.
É curioso como neste concello se dá a transición entre a pronuncia -oá e máis a -oa  do sufixo diminutivo derivado do latín -ŏla . Así atopamos topónimos, "Xunqueiroá", "Cabreiroá", en paralelo con "Eiroa", "Bouzoa". As distintas variantes foron estudadas por Pérez Capelo (cf. C. Pérez Capelo, "Toponimia e variación dialectal en galego. Os topónimos rematados en -oa, -oá, -úa, -uá". 2015).

A XURREIRA (Ambosores, Muras, O Burgo, O Viveiró)
A XURROSA (O Viveiró -lugar de Xurrosa)
O topónimo "Xurreira", moi frecuente no concello de Muras e en toda a zona, así como o topónimo Xurrosa, literalmente lugar polo que escorre ou se acumula o xurro, remiten a lugar de prados,  "barrizal ", "lugar no que escorre a auga" (cf. DdD).
Os termos "surro", "zudre" ou "xurro" teñen dúas acepcións: unha de "líquido que sae dos lugares de depósito, como latrinas e vertedoiros", e outra de "torrente, auga que escorre". Nesta zona as xurreiras acostuman  tratarse de pradellas pegadas ás casas, polas que puido haber algunha saída de xurro das cortes, e medra axiña a herba.
Noutros casos este topónimo remite a regatos con augas ferruxinosas, que dan á auga un aspecto de xurro.

A ZANCA DA ARAÑA (Muras -lugar de Musdradas)
Aínda que Zanca é un topónimo infrecuente nesta zona de Galiza, na zona central é moi abundante. 
Na toponimia, ten unha acepción que encaixa, a de "finca grande cerrada". Cf. DdD C. García González, "Glosario de voces galegas de hoxe".

Por outro lado, a voz "zanca" acostuma a referir metaforicamente a elementos en ángulo. Algúns dos topónimos "Zanca" poderían aludir a fincas con recantos, en ángulo (de "V"). 
É interesante indicar a distinción dos terreos chamados "Chave", que presentan unha extensión en ángulo recto (en "L"), dos "Zanca", cuxa extensión tería ángulos menores.
En calquera caso, varios dos topónimos que temos revisados non presentan esta forma, mentres que si semellan estaren ou que puideron estar chousados.

Concretamente, para este predio en Musdradas da "Zanca de Araña",  semella ser alusión metafórica á forma do terreo, aínda que non puidemos comprobalo. Tamén pode tratarse da reinterpretación dunha "Zanca da Raña".

O ZANFAÑO (O Viveiró -lugar do Zanfaño)
Debe remitir ao sobrenome dun antigo posesor do lugar. Aínda que "zanfaño" non o coñecemos atestado na Idade Media, si figura o alcume Gaita, e o alcume Zanfañeira, rexistrado como Zanfanaria no séc. XII ".. Rodericus Petri de Egregola cognomine Zanfanaria.." (cf. R. Soto, 2018. "Alcumes e sobrenomes medievais en Galicia").

No censo electoral de 1879 figura como Zanfano, aínda que pode ser perfectamente unha gralla do censo, que ten moitas.

A ZARZA (Muras -lugar de Guimarás)
O nome desta fraga fai referencia ao apelativo "zarza", a planta comunmente chamada "silva". En efecto, "zarza", de orixe posiblemente prerromana, foi substituído en galego pola forma "silva", pero tivo vixencia antigamente. É recollido polo profesor Navaza na súa obra de fitotoponimia (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).
O Nomenclatore rexistra outro "A Zarza" en Sta Cilla do Valadouro (Foz), así como outro Zarza en Cariño.

O ZOPETAL (Irixoa -lugar do Couce)
Posible deturpación de "cepetal", por influxo da bilabial posterior. Ver "O Cepetal".